Páxinas

sábado, 15 de outubro de 2016

Fin de festa

Rematou o Sampailán deste ano, e rematou con cambio de tempo: fixo aparición a choiva e, claro indicativo de que aquilo do san Miguel rematou, teño as mans frías.
Polo demais, cumpriuse con (case) todo o ritual indíxena, como manda a tradición: houbo paparota familiar con polbo e rudo viño da casa, nun sitio enxebremente decorado a base de nasas, chantos e gaitas; meu pai, apertando e collendo do brazo a meu cuñado para que o levase até a mesa, recreou en technicolor a escena bíblica: pódese dicir que por unhas racións de polbo, que ademais paguei eu, cedín a miña primoxenitura.
A señorita Kaplan recaudou o seu bon diñeiro e, con bastante présa por gastalo, descubriu esas máquinas comecartos con plataformas que avanzan e retroceden cheas de moedas que van caendo; o botín non compensou o investimento: un reloxio dixital que non funciona, un chaveiro cun coello de penuxe e un chifro para patos.
Para o fin de festa, en lugar dos Haddock esta vez viñeron Venres e tres dos seus amigos de Delfos: Pirata, Bertamiráns e o Reverendo, que, sorpresas da vida, foi alumno meu en Ithaca no Cretácico Superior, cando os dinosaurios campaban polas Cortiñas de San Román e a el, que non tiña nin sombra de barba, xa lle empezaban os rapaces a alvorotar o galiñeiro; así o conta mentres rillamos como podemos o correoso entrecosto da cea, que se desangra repulsivamente nos pratos deles.
Logo dun infame licor café moi pasado de octanos botámonos á rúa: propuxen ir a aquel local anteriormente coñecido como o Emo, onde (regandixas da lei) aínda se pode fumar, e entre isto e atoparmos nel algúns coñecidos aos que non volvera ver en décadas, sería como pillar un bucle temporal e regresarmos a 1995, salvo porque agora xa non valen as pesetas, o local está inzado de hipsters, e o móbil de Pirata, que xurou que de Ithaca non marchaba sen botar un ferrete, non lle daba abasto cos asubíos.

Ningún comentario: