Páxinas

domingo, 16 de outubro de 2011

Venres

Xantei con Tere Holmes na terraza traseira dun restaurante intramuros, un local con mobiliario moderno e cheo de estilo; sinónimo, pensei, de grandes pratos con pequenas doses e altos prezos.
Se foi así, non o notamos: pedimos os pratos do menú (froitos escabechados da ría, cazola de coello con chocos, e unha gorentosísima sobremesa de crema fría de cabaza con chocolate branco e areas de té verde) e demos conta dun godello ben frío mentres a conversa se inzaba progresivamente de médicos, medicamentos e podólogos; aquela mesma mañá a doutora felicitárame como a un neno boíño polo meu éxito na represión da glicemia e a perda de peso, e eu estaba pletórico pero medio cego, coas pupilas dilatadas tras a visita da véspera ao oculista.
Como falando do Neolítico, Tere e eu recordamos aquel tempo en que o grupo se reunía cada  sábado ao serán para tomar os viños e ninguén sabía cando se iría para a cama, e pasamos lista sen pena nin gloria a un conxunto de nomes que agora son pouco máis do que iso, nomes; de moitos non temos máis proba de vida que os emails con presentacións de powerpoint místicos e chistes verdes que reenvían puntualmente; doutros, nin rastro hai; fálolle a Tere Holmes da adultescencia de Haddock, e ela cóntame de Vapin que pechou a tenda onde traballaba e hai meses que está no paro, e que Estridente non é a mesma desde que naceu o neno e do que gaña ela teñen que vivir os tres, así que saen pouco e marchan rápido co pretexto de que hai que bañar e darlle a cea ao cativo.
Cando nos traen a conta rifamos tanto por quen ía pagar e por quedarmos para xantar outro día que non nos damos de conta até estarmos fóra do restaurante de que os dous billetes de vinte euros, propina incluída, que deixei dentro da caixiña de madeira escura non podían ser suficientes para pagar aqueles dous menús e o viño, por moito que o dixese a nota.
Fomos varias veces rúa arriba e rúa abaixo, hamletianamente dubidando se volver ou non ao lugar do crime; ao final, foi o demo quen nos asubiou na orella e marchamos; o remorso, se o houbo, acabou afogado nun café con xelo á sombra, xunto a un parque infantil que Tere aínda frecuenta cos sobriños e do que a señorita Kaplan xa só sente saudades.

Ningún comentario: