Páxinas

luns, 12 de setembro de 2011

Parte de saúde

Empezo a pensar se non terei unha mala saúde de ferro, como popularmente se di, para darme ánimos e tranquilizar a xente: sigo coa tensión algo alta e comprobando cada dous, tres días na farmacia como o meu azucre en sangue oscila vertixinosamente pero sen entrar en razón.
 A médica segue optimista: atribúeo á dieta e dáme máis pastillas, pero decide seguir o protocolo e cun sorriso envíame a facer probas ao oculista e ao cardiólogo, por se hai algún problema na miña retina ou no meu corazón derivado da negra sombra que me asombra.
O outro día na consulta pregunteille o das dores no lombo, que rara vez me molestan de día, cando estou de pé ou sentado, pero que me fan pasar malas noites, cando estou deitado. Igual todo é culpa do colchón, que ten moitos anos, coméntolle, e a doutora di que pode ser unha contractura muscular ou unha hernia discal ou calquera outra cousa, que debo consultalo cun traumatólogo e logo cambiar o colchón segundo o que el me diga.
O meu amigo Polis, licenciado en Dereito pero que gran eminencia perdida para a Medicina, está seguro de que é unha mala postura causada polos moles do colchón, como lle sucedía a el antes de comprar o futón no que agora xura durmir coma un bebé; a miña irmá, a quen só faltan dúas etiquetas de nescafé para doutorarse en Traumatoloxía, é moito máis dramática e afirma que o meu ten que ser, como mínimo, unha hernia de disco, aínda que coñece casos de tumores na columna que non se diagosticaron até ser demasiado tarde.
Para colmo de males, o portátil novo colapsou o outro día sen dicir ni mu; na tenda teñen o servizo técnico de vacacións e a min cumpriume voltar ao xoguetiño de miña irmá para ir saíndo adiante. Se non me mirou un torto que baixe Deus a velo.

Ningún comentario: