Páxinas

luns, 11 de xullo de 2011

Portomarín (porfín)

O orballo destes días non acabará nin moito menos coa seca pertinaz; como moito, serviu para refrescar algo os campos e apagar algún incendio nos montes.
Esta mesma seca, da que case ninguén fala pero que se fai evidente a pouco que un poña atención, é a que bebeu as augas do Miño en Belesar até deixar ben á vista as ruínas da vella vila de Portomarín, habitualmente mergulladas polo encoro.
Como lembrarán os que seguen as miñas peripecias por Ithaca e fóra dela, o terceiro fin de semana de Xuño pasado escapei con Polis a Portomarín; eu por fobia ao feirón romanoide, el por atenuar a resaca logo de trinta e seis horas vestido de castrexo.


Despois de deixar o batmóbil á sombra na entrada da nova ponte, baixamos até a vella para atravesar o río ao abeiro dos xigantescos piares e camiñar polo malecón baixo o sol de xustiza, enterrando os pés no pó finísimo do camiño xunto ao cal se erguen muros parcialmente derrubados e sen grandeza, abafados pola grama que nos chega ao peito nalgunhas zonas, e sufrindo máis ou menos pacientemente os ataques de sanguinarios mosquitos kamikazes.

O río segue a ser fermoso, moito máis que cando o encoro se enche e engole os restos da ponte medieval destruída por unha enchente, a decimonónica que vimos de percorrer a pé, os malecóns en ambas beiras e as pesqueiras onde noutrora se capturaban anguías e lampreas.



A excursión acabou con nós, derreados e suorentos, repoñendo forzas nunha terraza dese parque temático xacobeo en que se converteu o Portomarín actual: rodeados de peregrinos de todas as cores, formas e sexos, e á sombra románica da igrexa-castelo de San Nicolás, que trasladaron pedra a pedra desde a ubicación orixinal como testemuñan os blocos puídos e aínda numerados, engulimos empanada e calamares á romana como se faltase unha hora para o fin do mundo.
Nas altas almeas, por riba da ábsida, unha parella de cegoñas reparaba o niño.

Ningún comentario: