Páxinas

xoves, 2 de decembro de 2010

Neve

Como no conto do pastoriño e o lobo, despois de tantos anuncios porfín chegou a neve; cando onte me fun para a cama,  unha néboa londinense amortallaba a cidade e un post irónico sobre a falta de tino dos meteorólogos esperaba ser terminado pola tarde.
Cando me erguín esta mañá a neve refulxía ao sol, fermosamente, e o móbil esquecido no coche gardaba dúas mensaxes que lin por casualidade moito despois, co motor xa aceso e o portón do garaxe aberto para saír.
Por mor da nevarada, o director suspendía hoxe  as clases no meu instituto; polo mesmo motivo, a outra mensaxe indicaba que as eleccións sindicais se retrasaban unha semana.
Estou seguro de que o meu corazón ten acollido gozos moito maiores, pero teñan por seguro que o que sentín naquel momento, sentado diante do volante e co móbil aínda iluminado na man e a carpeta repleta de exames sen corrixir no asento do copiloto, merece sen dúbida un lugar de honra na relación de momentos sublimes da miña vida. Á espera do día que me poña coas memorias, fago constar aquí hoxe que os exames ficaron onde estaban, que deixei o coche ipso facto, e que a correr fun arriba pola cámara e ao rocho polas botas.
E é que Mouse Park, xélido na mañá xélida e vestido de branco coma unha noiva antiga e morta, estaba a agardar un fotógrafo.


8 comentarios:

zeltia dixo...

ai, kaplan,
como me gustou iso de o parque xélido na mañá xélida e vestido de branco coma unha noiva antiga e morta
se é que as palabras escollidas e colocadas dun determinado xeito,
din moito máis que o que as palabras significan: suxiren, entablan unha relación con nós.

As fotos gústanme moito, son coma unha lenda, coma un soño. Para min, que case nunca a vexo (a neve)

susana moo dixo...

Qué suertudo! De fotógrafo a golpe de venres antes dunha superponte. Superacueducto!! A disfrutar da neve!!

mariajesusparadela dixo...

Supoño que o venres tería que ir a clase. Se non é así, vou facer unha queixa formal...
Sorte...

Chousa da Alcandra dixo...

Nevou tamén en Antas, despois de tantos pronósticos fallidos.
(E mira ti por onde, que desta vez a min non me da por coller a cámara para retratala...Vai ser que a collín a repelo).

Saúdos (con xeada hoxe)

paideleo dixo...

Tiveches sorte coa neve que aquí non houbo.
Agora xa sei cal é o Mouse Park. Aquela visita á cidade das murallas deu para saber dalguns lugares.
Mui boas fotos !.

Raposo dixo...

Poida que sexa pola novidade (nesta terra pouco acostumbrada a estas brancuras) pero a neve exerce sobre nós unha atracción forte, máxica, misteriosa e infantil (polo de infancia).
Apertas (sen neve).

Xan dixo...

Fermosas imaxes. A neve desde o confort das nosas casas, enternecenos o corazón. Aquí en Ferrol, a neve, é un luxo do que gozamos moi de cando en cando.
Saúdos

Aldabra dixo...

ti tiveches sorte pero nos tamén, porque asi puidemos saborear as túas imaxes.

eu nunca vira tanta neve na miña vida como este fin de semana que estivemos en Burgos... desde As Pontes ata chegar alá todo branco branco... foi unha gozada aínda que pasamos moito frío.

biquiños,