sábado, 17 de xullo de 2010

3º día: Topkapi

Mércores estaba prevista a visita ao palacio Topkapi, a moi aparatosa residencia dos antigos sultáns otomanos, a ben pouca distancia de Santa Sofía e no miolo histórico e artístico da cidade, Sultanahmeh, no que tamén están o Museo Arqueolóxico, Santa Irene, a Mesquita Azul e o fermoso parque de Gülhane.
Apañamos o tranvía en Aksaray, a nosa paraxe de referencia, e desembarcamos xunto a Gülhane para darnos un baño de masas en canto atravesamos a Porta dos Saúdos da Paz: hai bichas interminables nas billeteiras, atoamentos nos escánneres da entrada, grupos guiados en movemento, españois a berros entre as hortensias, xaponeses descansando nas beiras do xardín, e un forte cheiro a humanidade dentro do Pavillón da Capa Sagrada que ceiba a multitude que apenas pode admirar as espadas e os tecidos expostos: vai tanta calor dentro que as pequenas xanelas de enriba están condensadas; son cuartos sagrados e por iso non están permitidas as fotos, pero os gardas berran cos visitantes para que avancen como se os pastoreasen.
Nese mesmo patio está a linda biblioteca Enderun, vacía de visitantes e de libros, en que podemos tirar fotos con calma do interior e da fermosísima fonte que hai diante.
Alí, á sombra, facemos balance: as cociñas están fechadas por restauro e as bichas para visitar o Harén asustan; como devecemos de fame, pasamos ao cuarto patio, onde hai un restaurante aparentemente caro pero con bufé na terraza, para xantarmos (kebab, dolmadakia, salada, sandía) á sombra dos parasois e baixo uns cedros dos que Teddy fica namorado ipso facto.
Para a tarde, Topkapi ofreceu a mellor parte da visita, moito menos masificada sen os grupos guiados que desapareceran maxicamente ao mediodía: os Pavillóns de Bagdad, o de Revan e o da Circuncisión, cos seus miradores, cúpulas e azulexos, e o Diván.
Cambiamos a visita ao Harén por un té de mazá na terraza, e non nos arrepentimos: temos as retinas rebordantes de obxectos artísticos e os pés esmagados de pasear pavillóns e patios otomanos.





4 comentarios:

Chousa da Alcandra dixo...

Percibo que a viaxe foi proveitosa.
E tamén deduzo que vostede e mais eu temos pouco xeito retratando cúpulas :-)

zeltia dixo...

A vida do turista de verán é certamente dura!, sobre todo cando a viaxe é a lugares moi visitados e vai calor.
Qué ben fixeron indo comer tranquilamente á terraza, tal como o conta semella coma un oasis no deserto.
Aínda así, polo que as fotos ensinan, ben pagou a pena terminar cos pés esmagados e o corpo cansado.

i esa boliña que pende da cúpula like un botafumeiro?

paideleo dixo...

Un dos motivos polos que me gustan os blogos é pola posibilidade de viaxar a outros lugares que non fun.
Por outra banda dicir que sinto a perda de Boni.

Blogger dixo...

Are you frustrated from looking for bitcoin faucets?
Double your claiming speed with this amazing BTC FAUCET ROTATOR.