Páxinas

mércores, 15 de xullo de 2009

3º día: con A de Acrópole



Todos queremos pensar que a Acrópole é permanente e inmutable, pero a realidade di que é cambiante e está en continua transformación, non hai máis que comparar as fotos coas da miña primeira visita. Nesta ocasión, por exemplo, o templo da Niké Áptera simplemente non estaba; un aviso in situ explicaba que fora totalmente desmontado para consolidalo e substituírlle as grampas de ferro por outras de titanio.
De resto, guindastre máis andaime menos, e co vello museo fechado, a sagrada colina encaixa coas lembranzas: as hordas de guiris fritíndonos ao sol nesta grella de mármore, os chifros dos gardas cada vez que alguén se pasa, a caza de encadres e fotógrafos, a procura de sombras magras que sempre están collidas por nórdicas incandescentes ou orientais impertérritos.
Erguéramonos con bon ánimo e todas as baterías recargadas (móbil, mp3, cámaras e a propia), deixáramos atrás o novo Museo da Acrópole, rodeado de palacetes e embaixadas, botáramos un cento de postais ao correo na mesma billeteira, e baixo un ambiente requentado e eléctrico que agoiraba xa o trevón que descargaría un par de horas despois, subíramos con paciencia a encosta poeirenta, resequida, ardente.
Trescentas fotos máis tarde, cando o ceo se volvía negro e os trevóns ruxían ao lonxe sobre o Filopappos, baixamos a colina a medio trote e non paramos até nos ver sentados a unha mesa baixo o toldo da taverna (turística) Plakiotissa, rodeados de guiris everywhere.
Abríronse daquela os ceos e choveu a deus dar; os deliciosos rabos de polbo na grella que nos serviron causaron admiración entre os nosos loiros viciños de mesa.

4 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Xa me dirá cómo se fai o polbo á grella e se está tenro. Tamén qué prebe leva.

peke dixo...

Polo que vexo, pasouno vostede de medo. Alédome.

Sun Iou Miou dixo...

Mi ma, tantos quilómetros para acabar comendo polbo...

(Por un momento pensei que a foto estaba do revés e non, está feita desde dentro.)

Tongzhi dixo...

Estes teus posts estão fantásticos em pormenor.
Abraço