Páxinas

xoves, 22 de xaneiro de 2009

Substituta

Despois daquel primeiro ex alumno convertido en profesor co que batín nos corredores do ensino, o que era excepción vai camiño de se converter en regra: agora é unha ex alumna, branca, grande e loira, case teutónica, a que pasea un pouco perdida e cargada de dicionarios polos corredores.
Explícolle onde ten que ir e preséntome; non a recoñezo en absoluto, nin sequera cando me di que lle dei clase en tal ano e que era compañeira de tales e tales alumnos, dos que tampouco me lembro.
Descúlpome: trato de xustificarme con iso do tempo transcorrido, do moito que cambian os rapaces, dos centos de alumnos que xa tiven, e vexo a walkiria marchar, corredor adiante, vestindo uns modernos calzóns tipo Aladino, perfectos para hidroceles ou hernias inguinais, daqueles que antes vimos todos nas películas de Simbad, de Alí-Babá, das mil e unha noites.
Despois, entrando na aula, decateime de que non me dixo o nome.

4 comentarios:

paideleo dixo...

Eu tamén son pésimo para as caras e os nomes e o tempo pasa e chegará a gobernar sobre nós xente máis nova ca nós.

peke dixo...

Eu era unha fisonomista estupenda. Agora, coa relaxación de tensións varias, cústame lembrarme das caras. Iso si, da maioría dos alumnos (non de todos) gardo memoria.

Sun Iou Miou dixo...

A primeira vez que dei clases (case a derradeira tamém, para ben dos meus potenciais alumnos), unha profe paroume polo corredor (tocárame de garda) a montarme un cristo por non estar na aula. He!

mariajesusparadela dixo...

Mira cómo presume a peque...xa me gustaría a min vela na miña pel...
Eu, xa, tampouco son quén de lembrar a ninguén cando pasan a compañeiros...