xoves, 9 de outubro de 2008

Navegamos


Martes era o día de vir Ártabro aquí, ao San Froilán, aínda que a pouco de erguerme e botar un visual pola xanela xa eu receaba; fóra desatárase un diluvio universal a escala, pero eran as 7 da mañá e houbo tempo a que o tempo se amañase, e un sol tenro e outonal recibise a quen porfín voltaba, tras case dous meses de axendas incompatibles, fuxidas adiante e tal.
Para cando Ártabro chegou eu xa dera tres clases, enchera con elefantes e círculos e rombos a beira dunha folla por non adormecer na reunión do departamento, comprei lagostinos no súper, e na casa puxen a asar unha costelada digna dos Picapedra, fixen tortilla de patacas, ben babosa de ovo como el a pide, puxen a mesa e, mentres Ártabro subía, cortei en catro, para acompañar os lagostinos, un limón deses de pel gorda e amarela coma os que Zurbarán pintaba.
Talvez como prenda de boa vontade, traía Ártabro a figura de Batman que non dei localizado aquí; eu non lle tiña nada, salvo os lagostinos, a hospitalidade, a cama preparada.
Entre orgasmos e costelas cóntame que non veu o outro día porque seu irmán pensa divorciarse e soltou daquela a bomba; ides acabar comigo entre todos, conta Ártabro que dixo súa mai en pleno drama, aproximadamente o mesmo que dixo a miña cando tamén soltei a miña bomba; polo demais, a historia coincide basicamente coa de Haddock: após 20 anos de matrimonio, cos fillos fóra, na universidade, a rutina de seguir convivindo cunha muller que, ademais de predicible, engordou demasiado, resúltalle a este corentón tres anos máis vello ca min insoportable.
De volta ao noso, os dous medimos as palabras, os xestos, os planos inmediatos: trátase de evitar todo o que soe a compromiso, pero se o noso unicamente é sexo, resulta estraño que nos fagamos agasallos, que visitemos xuntos unha exposición de pintura decimonónica, que xantemos contándonos a nosa vida a golpe de alvariño, ou que vaiamos ir despois escoitar, baixo a xeada mainiña, a voz fermosísima, de veludo, d' el Cigala.
Renuncio a entender nada e fágolle caso a Polis, que lle pega etiquetas como neno grande e fillo único (aínda que el tamén o sexa) cando lle conto que Ártabro nin amagou facer a cama, non me axudou a recoller a mesa, nin se lle ocorreu que a toalla non se deixa por aí tras ducharse, nin que a leituga envasada non cómpre lavala, nin que esta casa non é unha fonda para ter á sobremesa máis do que xelado e froita, ou só tortilla para acompañar a carne.
Por fortuna, na cama é espelido e disposto, non hai que ensinarlle ou gobernarlle, aquí ou alí, ten boa conversa e sabe facerme rir; con iso vanse compensando as cousas e os dous navegamos.

Ningún comentario: