martes, 20 de maio de 2008

Prozac


Haddock está feliz, para alén do prozac que toma cada día.
Segue a desfrutar da fresca independencia que aínda lle parece infinita, pero non desa pavorosa independencia dos divorciados que cren que o planeta mudará a órbita por se poñeren a dieta, por pintaren as canas ou por compraren un cochazo que lo flipas.
A liberdade, cóntame Haddock por móbil, segue a habitar no tobo que aínda non coñezo; segundo parece, máis habitable agora a forza de ikeas, aínda que definitivamente sen televisión, só coa radio marcando as horas camiño dos Venres.
Pero a soedade élle moito menos; conta Haddock que alguén empezou a abrirse paso na súa vida intencionadamente pouco amoblada, que ela traballa fóra, que se ven os fins de semana alternos (cando a nena de Haddock non está); pero tamén conta que foi alumna del no seu primeiro curso na Comarca e que el lle leva varios anos, tal vez doce. Nunca o ablativo absoluto deu tanto xogo e a tanto prazo, broméolle chegando ao portal e antes de que me pregunte que tal eu. Eu?
Pois ben, grazas.

2 comentarios:

X dixo...

Que entrada tan triste :(

peke dixo...

Grazas ao prozac probablemente volva ser el. Os medicamentos non hai que miralos coma inimigos; ás veces son amigos aínda que un non queira.