martes, 23 de agosto de 2016

Kaukokaipuu

Así se chama en finés a necesidade repentina de viaxar, ou polo menos isto di un artigo de Verne, un dos suplementos de El País, onde tamén se descubre que existen nomes para outras emocións ou sensacións que carecen de nome na nosa lingua. Dalgunha xa teño falado repetidamente neste blog: awumbuk, por exemplo, é o vacío que quedaba e segue quedando tras marchar a señorita Kaplan moitos domingos, algo que como se ve non só senten os nativos de Papúa-Nova Guiné.
Confeso que teño sentido en diferentes ocasións oime, greng jai, e até algunha vez ijirashii, e por suposto, como non podía ser menos, abafo de han cada vez que me paro a pensar na situación política do país, coas eleccións aí tan perto.
Sen embargo, esta mañá acordei moi cedo e cun inesperado desexo de pirarme que non amoleceu coa lectura na cama de todas aquelas cousas sobre os lupanares de Pompeia; ao contrario: devecín por ler aquilo arrolado polo traqueteo do tren. No almorzo botei en falta o ritual do bufé, e os tres ou catro whatsapps que entraron pola noite procedían, respectivamente, de Centroeuropa, Torremolinos e o Caribe. Non chegaron as cousas ao estremo de tentar abrir a porta do cuarto coa tarxeta sanitaria; vestíndome, ao ir ao armario pola camisa chegou a min a voz muda da maleta e xa non houbo dúbida de que me vou nestes poucos días que restan; iso si, non decidín aínda onde.

venres, 19 de agosto de 2016

54 horas

A señorita Kaplan voltou con súa mai e eu, unha vez máis, atopei unha silva chamada Venres e quedei en Delfos 54 horas: de Santa Atanasia a San Xacinto, pasando por Santa María e por San Roque, que alí este ano foi festivo. O pretexto era a visita aos tellados da Catedral, algo aprazado tantas veces que empezaba a parecer un imposible e a converterme a min nun bicho raro.
De resto houbo case de todo: un día ceamos nun xaponés completamente vacío e o outro preparou Venres para min un gorentoso revolto de gambas con canto achou naquela neveira revolta e ateigada, como de refuxio antiatómico; un día xantamos churrasco na longa mesa compartida dunha taberna ao pé do manicomio e o outro zorza e aquela estraña ensaladilla con gambóns nun bar cheo de phalaenopsis e deseño pola rúa de San Pedro.
As dúas primeiras noites fixemos cos amigos de Venres o acostumado viacrucis por antros e locais da zona vella; o novo día acompañounos á casa, borrachos como adolescentes, atesourando unha colección de etiquetas moi bonitas pero completamente absurdas; a gata Magui, adoecida polo abandono, miañou ao nos ver entrar e nunca máis se soubo. 
Se algo compensa en parte estas noitadas de cervexa, licorcafé e tabaco son os brunchs a base de café, melón e ibuprofeno por conta do voluntarioso Venres, que vai e vén en calzóns traendo cousas da cociña. Hai dous temas recorrentes: a moza que abriu a cabeza ou por esvarar bailando ou por ter subido a unha mesa para bailar nela a primeira noite, e o choque nun cruce do ensanche que vimos en directo a segunda noite.Tamén falamos do alcume que me vai quedando: Padre, máis que esperable tendo en conta que son unha década máis vello que os máis vellos dos amigos de Venres, e que cando subimos aos tellados da Catedral só esta era máis vella ca min.
E así foi como chegamos á tarde do martes e aos lexendarios tellados; cumpriunos gabear Torre da Carraca arriba e pastoreáronnos de aquí para acolá entre pináculos e andamios, facendo fotos compulsivamente mentres de fondo a paciente voz da guía nos inculcaba que cousa era a carraca que dá nome á torre, cando rematarán as obras na outra torre, cales son a da Vela e a do Tesouro, por que aquela cruz se chama dos Farrapos ou que é un Agnus Dei.
A Berenguela daba solemnemente as seis cando baixamos, e un novo rabaño ocupou o noso lugar; a visita seguiu polo claustro onde repousa, muda, a vella Berenguela, polo anodino panteón real, polo museo onde a escasa luz non deu atenuado o fulgor dourado dos tellados de Compostela.










xoves, 11 de agosto de 2016

Camas

Son todas de hotel ou de hostal, a maioría repartidas por España adiante, pero tamén hai camas portuguesas, gregas ou sicilianas. Hainas individuais e dobres; algunhas foron compartidas e outras non; en cuartos opulentos ou en humildes cuartos espartanos. Todas sen embargo resultaron cómodas, como non podía ser doutro xeito, habida conta a fatiga con que me cheguei a elas despois de horas de tren, avión ou autobús, ou rendido tras interminables periplos por museos, aeroportos, avenidas, catedrais ou ermos resecos á procura de xigantes e muíños.
Aquí están elas, as camas en que durmín estando en fuga estes últimos anos coa súa paisaxe de sabas e cobertores, cos cabeceiros infinitamente variados, as almofadas revoltas e dobradas despois da lectura que atraeu o sono, a decoración de variado gusto, esas lámpadas tristes e os inevitables cadros, as mesas de noite cos obxectos que nos fan humanos (o reloxo, o libro, o móbil, o bolígrafo, o mando da tele).

luns, 8 de agosto de 2016

Suceso

 Hoxe, despois do xantar, fomos ao supermercado a señorita Kaplan e mais eu para comprar catro iogures gregos, un tarro de margarina, dúas tiras de costela, tres pexegos amarelos e medio melón.
É certo que este acto é banal e dá ben pouca materia para facer un post; pero cando íamos pagar sucedeu algo verdadeiramente extraordinario.
Unha das dúas señoras que estaban diante de nós na caixa pagou e marchou, esquecendo unhas cebolas. Cando a outra se decatou saíu atrás dela chamándoa e axitando a bolsa das cebolas, pero en vez de dirixirse á porta lanzouse en tromba contra o cristal, que non rompeu. Aí rolaron as cebolas fóra da bolsa e a señora, moi lentamente, xirou como para preguntar que pasara e caeu; matouse, dixo unha voz de muller, e correron alí as caixeiras e as clientas a socorrer a pobre, e alguén que non fun eu chamou ao 112 para que viñese unha ambulancia.
Horas despois seguimos conmocionados; a señorita Kaplan xura que viu curvarse o escaparate.

mércores, 3 de agosto de 2016

Fotos e fotógrafas

Podo prometer e prometo que non só de exposicións me alimentei en Madrid. En compañía de Antoine e algunha vez da súa amiga J. visitei co mesmo entusiasmo terrazas e figóns, desde a modernez hipster á taverna, e desde a multiculturalidade de Lavapiés (racións nunha tasca galega agora maldefendida por turcos) á saudosa crêperie bretona doutras veces, pasando por La Bobia, un flamante local asturiano reaberto que inauguramos con gusto pero sen sidra.
Hai dous temas recorrentes nas nosas conversacións: a saúde (inevitable xa, salvo coa señorita Kaplan) e as viaxes, aínda que neste caso non podo competir, así distan a miña Sicilia dos seus Montevideo e Buenos Aires; non compartimos sen embargo o interés por buscar a tumba de Evita nos cemiterios bonaerenses, ou peregrinar ao Père-Lachaise á procura da de Proust; tampouco sinto a chamada de Dachau, onde me conta que estivo con J. hai unhas semanas; por fortuna, a crónica non se demora moito nos crematorios e barracóns e pasa a centrarse nas desventuras sufridas nos controis dos aeroportos polo empeño de J. de salvar as valiosas cremas que se negara a facturar. Conteño as ganas de rir ao ver a lúgubre cara de xuíz de primeira instancia que se lle pon ao meu amigo cando lembra todo aquilo.
Despois dunhas cañas (eu, Antoine case sempre pide viño) na masificada praza de Santo Ildefonso douno convencido para que me leve á casa dos Modlins na calle del Pez a tirarmos unhas fotos, moi dramáticas á luz das farolas; despois el pilla polos pelos o autobús na Gran Vía e eu quedo exposto aos perigos e tentacións da noite tórrida. 
Pola mañá terei resaca.
O venres almorza Antoine comigo porque iremos xuntos á exposición de fotos da pobre señora Maier; comezámola polo final, se se pode dicir así, por esquivarmos a manada de adolescentes desganados e ruidosos que entra diante de nós. Na sala hai varios espellos e o público agarda quenda para facer o seu selfie, na miña opinión con resultados decepcionantes, a xulgar polo que vexo despois, por moito que puxésemos a cámara do móbil en branco e negro. Impresiona saber que a fotógrafa ás veces batía a man tenta coa xente para pillala por sorpresa; é facil imaxinala marchando a correr co botín obtido. Impresiona aínda máis ler nos paneis que chegou a reunir 120 mil negativos que ninguén máis viu, porque ninguén máis había para velos.
Aínda temos folgos para visitar outra exposición de fotos, agora no Cerralbo; intúo que Antoine proxecta que visitemos con el o enorme palacete das marabillas que el adora desde neno. Non será así finalmente porque J. xura que está esmorecida e conmocionada após o periplo pola absoluta miseria física que retrata Shirley Baker. A primeira vista só, o título é equívoco: Mulleres, nenos e homes que deixan pasar o tempo. Algo sigo aínda remoendo: segundo a data das fotos, aqueles nenos de caras sucias que pululan por patios e casas en ruínas naceron no mesmo ano en que eu nacín.



luns, 1 de agosto de 2016

Caravaggio en Madrid

Ultimamente non saio de Madrid. Segundo a miña irmá, até hai informes favorables en certa comisión para nomearme fillo adoptivo ou algo semellante. Sen casamentos pijos en terrazas fashion, o pretexto esta vez é visitar no Prado a exposición do centenario do Bosco, e no Thyssen a de Caravaggio.
O hotel é o habitual, e Antoine, ben ensinado doutras veces, non insiste en ofrecerme a súa casa nin en virme recoller á estación; neste sentido, o argumento da calor que recocerá Madrid ás tres da tarde é decisivo; así que quedamos en Sol á tardiña para irlle tomar unhas cañas por Lavapies e Deus dirá.
Pola mañá almorzo no sitio de costume; a muller da barra recoméndame non volver deixar o móbil sobre a mesa cando me levante e o mesmo me di o camareiro ao servirme o pan con aceite e o café: nun descoido, calquera que entre por esa porta, e non é preciso que remate a frase porque xa a psicose do provinciano me fará revisar cada pouco os cerres do morral Alcalá abaixo.
No Prado a bicha que se asa ao sol matinal rediríxime enfrente, onde a casualidade reúne a luminosidade optimista e algo melancólica de Caillebotte (efectos da luz sobre as flores, brancas fachadas reflectidas no río, fulgor da roupa branquísima posta a secar) coas dramáticas penumbras de Caravaggio.
Comparten espazo con el outros pintores do Norte, imitadores de pouco interés, diante dos que paso sen apenas parar; só me interesa rever os cadros do mestre. O ollar dos músicos do Metropolitan póusase en min un instante mentres un deles axusta as caravillas do laúde, e parecen recoñecerme: imposible porque, transcorrido un cuarto de século desde a última vez que nos atopamos (en Roma, en Londres, en Florencia), eu envellecín e eles non.
Séculos despois de que se perda toda memoria dos que estamos a contemplalas agora nesta sala, penso con emoción, estas pinturas continuarán causando a mesma admiración en homes e mulleres que pasado tempo antigo chamarán ao noso tempo