luns, 28 de novembro de 2016

De venres a sábado

A señorita Kaplan empeza a ter unha axenda comparable á dunha primeira ministra, e entre exames e traballos, clases de música e ensaios de clarinete, e demais vida social (de cumpreanos a ceas de bacharelato), navegamos polo calendario coma un Titánic por un mar inzado de icebergs.
Despois de dous findes sen vérmonos, vén venres e marcha sábado deixando atrás 30 horas de vertixinosa actividade na que non houbo inauguracións de pantanos nin botaduras de fragatas, pero case: un xantar moi desexado por ela no self-service do último centro comercial de Delfos (e antecedente dos que agoiro frecuentes de aquí a dous anos, cando a teñamos estudando na universidade), unha volta polas tendas do centro  comercial en pleno black friday, a acostumada viaxe de Delfos a Íthaca cantando a pleno pulmón éxitos dos 70, a preparación da nosa cea, un capítulo da serie que agora seguimos, e o xantar do cumpreanos de miña irmá (que a señorita Kaplan xurou non perder por nada do mundo).
Aproveitando que a nena estaba aquí (e como notei pouca colaboración por parte de Venres) subimos do rocho do garaxe, lenta, traballosa e desde logo prematuramente, a árbore de nadal: xa armada, coas luces e ornamentos instalados, exactamente como a gardamos en xaneiro pasado cando a cousa acabou; empurrando entre risas e apuros a plataforma con rodiñas polo medio dos coches aparcados, temendo que algún viciño nos sorprendese naquela procesión un pouco ridícula, receei se non teriamos pasado menos traballos desmontándoa e montándoa de novo, como Deus manda, pero á vista do éxito (non rompeu ningunha bóla, só a estrela do remate estaba un pouco esmorecida) escrito está que se acaba de inaugurar unha nova tradición nesta casa.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Xa é nadal en Itaca? Que barbaro!