martes, 27 de setembro de 2016

Starter

Venres cambia de coche e está a poñer a proba a miña paciencia facéndome acompañalo aquí, alá e acolá por aquilo de que catro ollos ven máis que dous, e de que el sempre foi moi dubitativo. Non entende que eu son o tipo máis rápido a este lado do Miño, e que o vendedor aínda me lembra como quen lle comprou un kilómetro 0 en menos de media hora, e ao contado, cousa que por certo é hoxe unha rareza.
De pouco valeu contarlle que esa vez preguntei se o coche viña co cassette incluído e o vendedor me corrixiu, para vergoña da señorita Kaplan, dicindo que agora todos levaban portacedés; tampouco serviu que a semana pasada, ao ver un botonciño xunto ao volante, eu preguntase se aquilo era o starter cando en realidade era un ambiendor para o habitáculo.
Venres segue, invariablemente, verténdome cada noite polo auricular datos sobre financiamentos e descontos e ampliacións de garantía e coberturas aos que, tamén invariablemente, respondo ao chou mentres mentalmente trato de entender que c... significa a frase Deseño reafirmado que demostra un frontal enérxico e a súa calandra superior, que agora integra os chevróns e unha nova asinatura de faros diurnos LED dianteiros que vén no catálogo.

3 comentarios:

paideleo dixo...

Sorte coa compra do coche. Anque eu persoalmente non collería un coche con chevróns.

X dixo...

Moito se nos afai Venres á civilización que xa se nos motoriza :)
Saúdos.
X

peke dixo...

Santa paciencia, meu.