xoves, 8 de setembro de 2016

Segovia

Vista desde El Pinarillo
Calquera que visita por unhas horas unha cidade (poñamos por caso Segovia), en canto chega (café mediante ou non) probablemente dirixirá os pasos ao centro histórico, á cerna, onde os grupos de turistas se expanden polas estreitas rúas e bloquean a entrada aos monumentos; así fixen eu a primeira vez que fun a Segovia, un frío Xoves Santo de hai dezanove anos, ansioso por fotografar o Acueduto e as torres de conto do Alcázar.
Sen embargo, escrito estaba que non volvería ocorrer.
Antoine, atormentado sempre na cidade polos horarios dos buses e as combinacións do metro, resultou ser por contra un andarín a proba de infartos. Indicios xa mos foi dando polo camiño, ao poñer nome desde o ómnibus aos montes que se vían na distancia (Cuelgamuros, Alto del León, La Maliciosa, Siete Picos, La Peineta, Montón de Trigo, La Bola del Mundo), testemuñas das súas antigas camiñadas pola serra. 
Así que a visita a Segovia foi de fóra a dentro: desde a necrópole xudía de El Pinarillo, ao outro lado do Clamores, coas tumbas antropomorfas escavadas na rocha viva e cubertas de frouma, fomos abeirando a cidade desde abaixo a través dun verxel inesperado. Tras detérmonos para fotografar o Alcázar e recuperar folgos no campo de San Marcos, case onde o Clamores se une ao Eresma, visitei nos Carmelitas a tumba de San Xoán da Cruz. O opulento sepulcro de mármore e bronce en que xacen os restos do humilde entre os humildes nada ten que ver coa pobre sepultura orixinal que se pode ver nun recanto da capela; só as palabras Vuélvete paloma no pano do altar e os feos gravados coas caras de San Juan e Santa Teresa evocan algo de verdade; escapo de alí cando un grupo de cristiáns con guitarras se poñen a ensaiar para dar testemuño da súa fe.
A marcha campo a través rodeando a cidade, esta vez abeirando o Eresma, prosegue tras a visita á Vera Cruz, a igrexa octogonal dos templarios chantada no medio do secarral amarelo e ardente; sen pararmos máis que para fumar e beber nalgunha fonte, subimos á cidade e entramos nela pola Porta de Santiago, desfalecidos, suados e guiados por unha fame canina.
O prato do día no comedor subterráneo dun bar, e un excelente tinto, fíxonos outra vez humanos e devolveunos a curiosidade suficiente para visitar a Catedral; antes de entrar, comprei unha menina, turistiqueira pero bonita, para a colección de Venres.
Por suposto, seguimos sen discusión o consello da que vendía os billetes (a dixestión, a calor da sobremesa, a altura, os centos de chanzos pola escaleira estreita) e non subimos á torre; limitámonos a camiñar polas naves luminosas e case vacías, e o claustro gótico.
Despois, no lento periplo de regreso ao autobús, pasamos xunto a fermosas igrexas románicas con adro porticado, camiñamos polas estreitas ruelas da xudaría, chegamos ao Alcázar sen entrarmos nel, fotografamos preciosas casas de pallabarro con portas de arco, admiramos o Acueduto e, como despedida, tomamos unhas cañas nun bar aberto na propia muralla medieval.
Cansos e satisfeitos por canto atesourábamos na retina e na memoria da cámara, retornamos para Madrid cando o sol se poñía. Pero antes Segovia aínda nos reservaba unha sorpresa, inexplicable e surrealista: a beirarrúa estaba estrada de selos de Franco; bastaba seguilos, como no conto, para chegar á paraxe do autobús.










2 comentarios:

Anónimo dixo...

E a foto dos selos?
X

paideleo dixo...

Nós estivemos a un tris de parar en Segovia pero a avaría do coche desaconsellou a visita.
Será noutra ocasión.