domingo, 1 de maio de 2016

Crédula


Representamos cinco das ramas do saber pero somos cinco parias, os cinco últimos fumadores do instituto (en realidade, pronto seremos novamente catro, xa que á substituta de Historia lle quedan dous telediarios connosco) que cada día, con choiva ou con sol, nos reunimos na beirarrúa a ver agromaren os pradairos e os ameneiros.
En certa altura, e non precisamente porque esmoreza a conversa, Beluta conta que á cuñada dunha amiga (de feito, pode que en realidade a unha amiga da súa cuñada) lle sucedeu o estraño caso da serpe que, acollida moi pequena como mascota, abandonaba cada noite o terrario para meterse na cama da avoa. Sibila interrompe o relato para dicir que esa historia xa a escoitou en Bilbo o ano pasado: o espeluznante relato de como a serpe dunha veciña da súa tía (ou en realidade dunha tía da súa veciña) acudía cada noite á cama da vella para medila e así saber cando a podería devorar, enteira como mandan a bioloxía e os contos de Horacio Quiroga.
Curiosamente, Beluta aínda porfiou con argumentos insólitos en alguén que esgrime a Nietsche e a Kant coa facilidade con que a outros se nos vai o santo ao ceo, e só demos aberto unha fenda naquela muralla cun fogo cruzado polo que pasaron a muller a quen case estirpan un ril (hai quen di que era o fígado) no bazar do Chino Antonio, a nena da curva, o coche cos faros apagados que persigue aos incautos polas noites no polígono ou a parella que foi de lúa de mel a Exipto e trouxo de contrabando unha rata pensando que era un cadeliño dunha raza exótica; neste último caso, quen mo contou xura e perxura que a muller aínda está a tratamento psiquiátrico, xa que foi ela quen trouxo o bicho camuflado no escote.

4 comentarios:

X dixo...

Que friqui lle quedou :D

Chousa da Alcandra dixo...

Sempre quixen ser rato (de escote)

peke dixo...

Guau!

Zeltia dixo...

:)

(o do canciño/rata contáronmo a min de primeira mao, hai uns 25 anos. Que señardade)