domingo, 20 de marzo de 2016

Post de Primavera

Acabo de poñer a recargar o móbil e o e-book mentres, coa lentitude exasperante de sempre, catro episodios da segunda temporada da serie que me goberna estes días entran no pincho.
Ao lado do portátil hai un cinceiro que testemuña a miña recaída, unha cunca pola metade de café con leite frío que esquecín acabar, e o último agasallo de Venres, o robot pequeno de folla de lata a quen, despois de dar un paseo pola mesa, lle acabou a corda e mira para min, pousado sobre unha das súas temibles patas de ferro. 
Antes de xantar: 
  1. Meter na mochila o e-book, o pincho coa serie e unha muda. Non o cepillo de dentes, que me agarda alí, coma unha pica en Flandres.
  2. Ir a unha tenda de roupa e comprar sen máis demora tres pantalóns e algunha camisa.
  3. Comprar El País a ver se saíu, un ano máis, a esquela de Elenita, que hoxe é 21 de marzo.
  4. Achegarme ao banco facendo de tripas corazón para pagar os 50 eurazos da última multa, esta vez por un radar delator na autostrada.
Durante o xantar: Pagar a peaxe en oreos para que meu pai me reciba, xa que non cos brazos abertos, ao menos coa indiferencia suficiente para xantarmos os tres tranquilos, sen malas caras nin apupos. Algunhas veces resulta demasiado doloroso ser visto como un descoñecido que lles invade a casa para comer a custo da súa pensión.

Despois de xantar, a escapada a Delfos. Dous días para convivir con Venres e a gata Magui no seu amable caos do que xa vou formando parte, como o cepillo de dentes e as pantuflas de Darth Vader.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Que ben ver que segue vivo!

Lorena dixo...

Lamento moito o da multa, pero que ben senta deixar un cepillo de dentes nunha casa onde nos queren. Sempre pensei que era unha forma sutil de conquistar un territorio.

Biquiños!