sábado, 31 de decembro de 2016

Balance


En poucas horas o novo ano botará a andar e deixaremos atrás o que rematou e os xornais definen estes días de balance como o ano que non vimos vir: apostamos unha e outra vez ao cabalo perdedor e vimos como, contra toda lóxica, triunfaban aquí e acolá pesadelos inauditos.
Un día calquera de xullo volvín ao blog, que este ano cumpriu doce: a celebración pasou sen pena nin gloria, e os fastos limitáronse a unha nova cabeceira e á incorporación das páxinas baixo ela.
Cambiei de estado civil, sen máis repercusión, e asistín ás metamorfoses da señorita Kaplan, que batalla co bacharelato, e esta noite sairá por primeira vez, con algo de tacón e algo de maquillaxe, a recibir o ano. O alzheimer agriou aínda máis o carácter de meu pai, por moitos cambios de medicación que houbese, e empeza a minar a resistencia da miña mai. Coherente cos tempos, a miña sobriña traballa esporadicamente con contratos de días, cando llos fan, e cobra en negro. Polis é apenas un chío de wasap, e Haddock nin iso: unha sucesión de fotos que lle espío no feisbu para velo en parella cun fondo de igrexas románicas, dolmens ou vacas cachenas.
Polo demais, 2016 deu de si o que deu de si, e para a memoria quedarán as viaxes con Venres a Zamora e Salamanca (que non contei aquí por estarmos en barbeito), a Sicilia e a Madrid (para aquela boda tan cuqui que non calculei nos ía poñer no mapa como parella), a Asturias. Perdín a conta das escapadas a Madrid para descubrir antros gastronómicos con Antoine e visitar exposicións, de Caravaggio ao Bosco, de La Tour a Vivian Maier; percorrín museos, catedrais, ruínas, tellados, bibliotecas, xardíns botánicos, vellos pazos rurais e cemiterios, corrín arrastrando a maleta por estacións de tren e aeroportos; tomei clases de canto baixo il sole dal Gange e cantei misas en solemnidades eclesiásticas e panxoliñas pola rúa; coñecín a moitas persoas, algunhas das cales chegaron á miña vida para quedarse, e recuperei o contacto con outras que estaban desaparecidas.
Houbo trasnoitadas con Venres e regresos co sol  xa no horizonte, houbo resacas e brunchs para alivialas, e houbo reminiscencias adolescentes con excesos que non me avergoñan, houbo risa e algunha decepción, pero lágrimas, o que se di lágrimas, ningunha.

martes, 27 de decembro de 2016

Annuntio vobis...


Carissimi fratelli e sorelle:
Despois de varias e infrutuosas tentativas, porfín dei contactado coa avogada, que me comunica que desde hai unas semanas estamos divorciados, que o tería sabido antes se mirase con máis frecuencia o correo electrónico, onde por certo enviou hai uns días un número de conta para lle ingresarmos uns honorarios que ascenden á módica cantidade de pouco máis de mil euros, e que xa nos mandará por correo postal o testemuño da sentenza, en papel,  en canto o teña.
Perplexo, miro a mensaxe, que inclúe un pdf da sentenza datada o 10 de novembro pasado, hai portanto máis de mes e medio; o texto está en castelán, apesar das indicacións feitas a avogada e procuradora, con excepción da parte do convenio, que eu mesmo traducira á nosa lingua; é, pois, unha sentenza bilingüe, un copi-pega, un frankenstein de textos previos no que hai que se alegrar de que os nosos nomes sexan os nosos nomes, e de que non se nos atribúan fillos que non son.
A minuta da procuradora aínda é máis lamentable e insensible, quen sabe se porque cobrou moito menos ou porque é idiota: o meu nome, mal escrito (o segundo nome aparece antes do primeiro), vai seguido da expresión y otra, algo que naturalmente enfurece á miña ex en canto a chamo para contarllo.
Non vou entrar no asunto da orde de colocación, que o nome do marido preceda o da esposa ou viceversa, pero ese y otra é absolutamente machista porque cousifica, discrimina e rebaixa a muller, e adquire especial gravidade cando quen o emprega, que ademais é unha muller, ve a diario casos de violencia contra elas e suponse que entende de leis.
A nosa xustiza, señoras e señores, está aínda no século XIX, por moito correo electrónico, transferencias bancarias on-line e copi-pegas que lle boten.

domingo, 25 de decembro de 2016

Nadal

Unha de tantas felicitacións que foron chegando estes días ao whatsapp. Desquiciada e desquiciante, como case todas, no tempo en que xa case non chega nada en papel á caixa de correo.

video

sábado, 24 de decembro de 2016

xoves, 22 de decembro de 2016

Teño que...


...actualizar este blog dunha puta santa vez.
...ir esta tarde a Delfos para recoller a señorita Kaplan; lembrar que non é no lugar de sempre senón no dentista; lembrar tamén que, coma outras veces que lle axustan o ferrancho da ortodoncia, pode saír cun humor do demo.
...instalar antes o trebello ese das luces de Nadal que comprei onte nos chineses. Idem co tabernáculo da entrada. Idem co nacemento. Idem co adorno da porta, que resisitirá un ano máis sen substituto.
...contactar coa avogada para saber ver que é do noso e en que estado civil comezarei o próspero ano novo.
...comprar dúas entradas para a exposición de Clara Peeters no Prado. 
... pasar polo mecánico e pedirlle presuposto para unhas rodas novas. Despois de 138.000 kilómetros de homérica resistencia, as de atrás ben merecen a xubilación.

venres, 9 de decembro de 2016

Arrefriado

Estado morboso ocasionado pola exposición ao frío ou á humidade asociado con catarro dunha ou máis mucosas que comporta un aumento da secreción nasal, espirros, tose etc.
Así define o dicionario como me atopo estes días; se a isto lle engadimos ollos chorosos, dor no peito, afonía e desánimo xeneralizado, a descrición é completa. 
Da consulta volvo para a casa cargado de pos e pílulas azuis, un xustificante para o traballo e a orde de repouso absoluto de voz durante tres días. 
De nada serve culpabilizar o catarro que a señorita Kaplan trouxo consigo o outro día, a trasnoitada en Delfos o martes ou as vertixinosas oscilacións de temperatura que vivimos, así que, tras pasar pola farmacia e comprobar que na casa hai víveres suficientes, instálome no salón cun barril de té, un cargamento de kleenex e un lote de películas. O Falcón Milenario xa agarda por min quecendo motores.

xoves, 8 de decembro de 2016

Parabéns, mamá

Un destes días, a miña mai cumpriu 77 anos. Sabemos que naceu a finais de novembro ou primeiros de decembro do 39; o día nunca o tivemos claro porque a miña mai nunca celebrou o seu cumpreanos, e porque ela sempre di que entre o día que naceu e a data que figura no carné transcorreu case unha semana.
Así pois, sen que felicitala chegase a ser casus belli como podía ser felicitar a meu pai, a efeméride sempre nos pasou sen pena nin gloria: algún ano sorprendíanos cunha daquelas deliciosas tortas de noces que xa non fai, e outros era algún de nós o que se acordaba de darlle os parabéns e saía escaldado porque xa fora tres días antes ou aínda sería unha semana despois.
Este ano, sen embargo, a miña irmá acertou (probablemente, porque coa miña mai nunca se sabe) levando a súa caixa de bombóns sen azúcar, por aquilo da diabetes, e a miña mai emocionouse: está sobretodo orgullosa de que, con 77 anos, non só pode levar a súa casa e coidar dela mesma senón tamén coidar dun marido con alzheimer.
Tamén nós todos, os fillos e as netas, estamos orgullosos. Parabéns, mamá.

domingo, 4 de decembro de 2016

Monólogo

Di a miña mai que soñar con mortos significa saber de vivos, e polo menos esta vez cumpriuse. Do soño, que era en branco e negro, lembro pouco, como case sempre: apenas que estábamos arredor da mesa na cociña das tías (esa casa segue aínda sen inquilinos) e a tía O. facía café.
Ao día seguinte chamou May desde o seu exilio dourado xunto ao Mediterráneo. May levaba muda desde o día das eleccións de Xuño, cando no  xantar de despedida na Brigantia que deixaba me contou os proxectos para a súa nova vida tras a xubilación. Agora chama para facer balance, e a súa é a crónica dunha valente: marchou para Alacante sen coñecer alí a ninguén, fuxindo da rutina e o clima de Brigantia, para vivir nun piso que lle buscaron os da inmobiliaria vía teléfono e internet. Di que está encantada facendo tai-chi, visitando exposicións, indo ao cine máis que nunca, dando longos paseos pola praia, lonxe das chuvias e dos inclementes ventos atlánticos, e que acaba de vender o dúplex, último vínculo que a ataba ao Norte.
Aos poucos segundos, o de May xa é un monólogo acelerado, pero non o de quen ten moito que contar, senón o de quen non ten a quen contarllo.

luns, 28 de novembro de 2016

De venres a sábado

A señorita Kaplan empeza a ter unha axenda comparable á dunha primeira ministra, e entre exames e traballos, clases de música e ensaios de clarinete, e demais vida social (de cumpreanos a ceas de bacharelato), navegamos polo calendario coma un Titánic por un mar inzado de icebergs.
Despois de dous findes sen vérmonos, vén venres e marcha sábado deixando atrás 30 horas de vertixinosa actividade na que non houbo inauguracións de pantanos nin botaduras de fragatas, pero case: un xantar moi desexado por ela no self-service do último centro comercial de Delfos (e antecedente dos que agoiro frecuentes de aquí a dous anos, cando a teñamos estudando na universidade), unha volta polas tendas do centro  comercial en pleno black friday, a acostumada viaxe de Delfos a Íthaca cantando a pleno pulmón éxitos dos 70, a preparación da nosa cea, un capítulo da serie que agora seguimos, e o xantar do cumpreanos de miña irmá (que a señorita Kaplan xurou non perder por nada do mundo).
Aproveitando que a nena estaba aquí (e como notei pouca colaboración por parte de Venres) subimos do rocho do garaxe, lenta, traballosa e desde logo prematuramente, a árbore de nadal: xa armada, coas luces e ornamentos instalados, exactamente como a gardamos en xaneiro pasado cando a cousa acabou; empurrando entre risas e apuros a plataforma con rodiñas polo medio dos coches aparcados, temendo que algún viciño nos sorprendese naquela procesión un pouco ridícula, receei se non teriamos pasado menos traballos desmontándoa e montándoa de novo, como Deus manda, pero á vista do éxito (non rompeu ningunha bóla, só a estrela do remate estaba un pouco esmorecida) escrito está que se acaba de inaugurar unha nova tradición nesta casa.

domingo, 20 de novembro de 2016

Colegas

Por fin a conxuntura foi favorable, os astros aliñáronse, os fillos e parellas atoparon acomodo, foron resoltos os compromisos de todos, houbo oco nas axendas e a cea tantas veces adiada tivo lugar a noite do venres no restaurante ao pé do río, coma outras veces.
O encontro, para alén da realidade das robalizas salvaxes e o segredo ibérico, non é moi distinto do noso grupo de wasap: sen memes e sen vídeos de animais, pero case tan afastados uns dos outros naquela mesa infinita como cada noite que nos reunimos, móbil mediante, para revivirmos o que deu de si a xornada e alentar conspiracións que acabarán morrendo sen deixar rastro. Sibila e CB, que xa non traballan connosco, expoñen á nosa envexa o seu día a día de ensoño; Herg, que está felizmente xubilada, repite que temos que fuxir deste ambiente tóxico que nos corroe; e nós os cinco rivalizamos en ofrecer novas probas da mediocridade xeral en que sobrenadamos cada mañá a golpe de timbre.
Non sei se sucederá o mesmo nas ceas de avogados, economistas ou veterinarios, pero que os docentes somos incapaces de esquecer o traballo no tempo de lecer non é unha lenda urbana.
Cando xa temos pasado lista aos profesores novos, xubilados, trasladados e falecidos, cando xa esmoreceu o asunto das reválidas, cando xa falamos dos estudos dos nosos respectivos fillos, cando chegan os cafés, sae o tema do violador de Augas Férreas, o barrio onde vive Cam.
Hai semanas que a cidade, alarmada, segue o caso pola prensa; a miña mai cóntame cada día as últimas noticias: que se o fulano ten ao parecer os ollos claros e piercings no nariz, que se tiña as chaves do rocho porque traballaba para a telefónica ou algo, que se unha das mulleres se cruzou con ese malnacido e o recoñeceu de inmediato.
Cam fálanos do ambiente no barrio e de como os viciños están a instalar cámaras de seguridade no exterior dos edificios, recoñece que empezou a ter medo ao sentir o medo da xente, aínda máis estes días que ten o marido de viaxe, e acaba propoñéndonos un plan absolutamente inesperado para axudar a nosa dixestión antes de nos irmos á cama: que a acompañemos a sacar o can a pasear.
E así rematou a velada para os dous únicos comensais varóns do grupo: escoltando unha muller asustada na noite ventosa e sen estrelas, mentres un chucho feliz trotaba sobre a herba buscando contra que levantar a pata.

mércores, 16 de novembro de 2016

Tensión

Un día da semana pasada, Venres fixo o chequeo de saúde laboral e resultou que ten alta a tensión arterial. Todo o demais está ben: a glicose está ben, os triglicéridos están ben, o colesterol está ben, a albúmina está ben... pero a tensión está descompensada. E ao meu pobre Venres ese lema meu de que, se a partir dos 40 unha mañá te ergues e non che doe algo é que estás morto, de pouco alivio lle serve.
Como era de prever, o médico reduciulle o sal, quitoulle o café, deulle unha pílula para antes de ir á cama e ordenoulle medir a tensión durante un par de semanas; tendo en conta que só me faltan dúas etiquetas para obter o título de cardiólogo, eu prohibinlle ademais as olivas, o viño, o chocolate e os embutidos, e recomendeille que comprase un tensiómetro para que deixase de tolear á farmacéutica indo por alí cada dúas horas a ver se a cousa volvía ao seu.
O sábado tocábame ir a Delfos e quedamos na casa. Non houbo maratón de copas até a amañecida cos seus amigos, o que, se ben se mira, foi de agradecer naquela noite de diluvio e frío, pero atopei a Venres apagado e até me pareceu que un pouco pálido, máis por hipocondría que por hipertensión.
Ceamos os gorentosos codillos que estivera asando (non houbo menú a base de pescada cocida e acelgas, como temín), o del sen sal, e só se permitiu dúas copas do noso branco de costume, e un dedal de Porto na sobremesa para acompañar as dúas bólas de xelado de mandarina que a min me están vedadas.
Abrazados na escuridade, despois de ir mexar por enésima vez porque as pílulas son diuréticas, Venres besbelloume ao ouvido: Boa parella facemos, un diabético e un presunto hipertenso.

mércores, 9 de novembro de 2016

domingo, 6 de novembro de 2016

51

Por razóns de axenda, a celebración este ano estendeuse unha semana, co que máis que un aniversario a cousa pareceu un xubileo.
Onte foi a gran paparota de clausura, sen beicon pero igualmente hipercalórica, na casa da miña irmá porque tamén meu cuñado facía anos un día destes. Deixando a un lado o material funxible intercambiado (tés, bolachas holandesas de manteiga, cervexas artesás, xenebra), destacarei a olivetti portátil, agasallo da miña sobriña, que a ver se porfín non choro máis por aquela que me roubaron e que ningún ordenador compensou despois, a dicir da miña irmá, que sempre foi moi lista.
Xusto unha semana antes, Venres desembarcara aquí con dúas bolsas de creatividade; nunha delas, un surtido de delicatessen digno dun pachá, con viño, paté, olivas e o maravilloso aceite de Quiroga que por agora (e non o beicon de Walter White) é o centro dos meus almorzos. 
Da outra bolsa saíu un gaiteiro negro, ou mellor dito: un boneco do piloto da resistencia FN-2187 cun traxe de gaiteiro minuciosamente cosido por Venres durante semanas coas súas propias mans, e ao que non falta de nada, desde a monteira e a capa ás polainas e cirolas de veludo negro; ao parecer, baixo a aparencia de gaiteiro, Finn conserva a equipamenta de stormtrooper. Coñecendo a súa reputación, receo que o día menos pensado acabe infiltrándose no cuarto da señorita Kaplan, onde hai anos vexeta a Nancy azafata.

sábado, 5 de novembro de 2016

Asturias

Cudillero baixo a néboa
A nosa última fuga foi a semana pasada ao Principado, aproveitando a ponte e esta meteoroloxía estraña que nos goberna e algúns empezamos xa a bautizar como vrautono.
Nesta ocasión fomos no coche novo de Venres, que foi o gran protagonista, vermello e desafiante, arrecendendo a novo: había que rodalo pero, sobre todo, entenderse con Marisa, a inflexible moza do navegador, e, unha vez aparcado en zona azul, regresar cada dúas horas para lle dar as tomas sucesivas de un euro con setenta.
Cudillero recibiunos ateigado de visitantes e envolto nunha néboa cerrada; nas fotos que tiramos no porto, os barcos e o espigón aparecen como espectros varados nun mar inmóbil e metálico. Xantamos onde puidemos, porque a demanda era moita e os bares non daban abasto. Daquela, descubrín con asombro que a Venres non só non lle gustan os legumes senón que os detesta; mal vamos, pensei, véndolle rillar o cachopo.
Cando chegamos a Vetusta a néboa da mañá era a lembranza dun mal soño. A voz xuvenil e implacable de Marisa guiounos por prazas e avenidas até onde boamente lle deu a gana, e ao hostal cumpriunos chegar como puidemos; despois de cebar a zona azul e tomarmos posesión do cuarto, humilde pero recén pintado, botamos a andar Uría adiante a cumprir cun dos obxectivos da misión: fotografarnos ao pé da estatua de Mafalda, para o que tivemos que agardar vinte minutos nunha bicha que non paraba de medrar.
Da oficina de turismo Venres veu moi contento cun plano da cidade, unha folla de horarios e un mapa de Asturias, pero a realidade iríase impoñendo pouco a pouco: o luns é o día que os museos pechan, este martes tamén pechaban por ser festivo; Villaviciosa, por moito que sexa a terra da sidra, estaba lonxe; o aparcamento e a néboa complicábannos a visita a Xixón; Luarca e Avilés quedarían para o regreso.
Ao final non saímos de Vetusta: visitamos na Catedral, que Venres ao parecer sempre atopaba pechada, a Cámara Santa, e cando preguntou polo lugar en que na serie puxeran o confesionario do Maxistral, inventeille (que Deus me perdoe) un recanto acolledor con vistas ao altar.
Por suposto, fixemos miles de selfies, de xeito que non quedou recanto na cidade sen inmortalizar coas nosas caras estampadas. E as dúas noites, fuxindo de ridículos zombis e meigas de medio pelo, quedamos cuns amigos de Venres para picar aquí e alí e celebrarmos a vida: influídos sen dúbida polo ambiente, convocamos o fantasma de quen, despois de traballar dez anos comigo, non dera aprendido o meu nome e aínda me chamaba amigo o día antes de matarse nun accidente de tráfico camiño do traballo. É posible que nunha noite así nos estivese a asexar polas sidrarías vestida  con aquel abrigo de pel sen mangas, á moda dos Picapedra, que levaba todo o inveno, ou coa mortalla da Dolorosa con que a vin por última vez, sen ninguén que a velase a quen dar o pésame, completamente soa antes do enterro.


Regresando, parada en Avilés. Queriamos visitar a pirámide que herdaron dos tempos en que todos eramos ricos e estabamos encantados de selo. O Centro Nienmeyer, que fai tolear de entusiasmo a miña sobriña en canto recibe as primeiras fotos, está case vacío á hora en que chegamos; pedimos uns bocatas e unhas colas para completar o xantar empezado na casa de G. co vermú e as fatías de empanada: a impresión desoladora confírmanola a muller que atende o bar: na torre futurista que chama a atención hai un restaurante, pero está pechado porque ninguén se presentou ao concurso de arrendamento. 
Camiñamos un bon pedazo pola enorme esplanada esquivando nenos en bicicleta e tipos que, coma nós, fan fotos; despois de soltar tres euros por barba, entramos nunha exposición de fotos, como perdida dentro dunha inmensa sala tapizada en vermello en que ninguén máis entrou, e acabamos marchando do recinto e de Avilés cunha sensación de dejà vu: esta pirámide e as nosas pirámides son unha e a mesma pirámide.


martes, 1 de novembro de 2016

Anxiños



Hai máis de 140 anos, Santiaguito, Gaspar e María Altagracia; Rosita e Francisco morreron antes de cumprir os 6 e hoxe están enterrados no cemiterio de San Amaro.
Dicía a miña avoa que os nenos moitas veces morrían pronto, así que era mellor non encariñarse demasiado con eles.


domingo, 30 de outubro de 2016

Defuntos

Parque (antes cemiterio) de Bonaval
Como todos os anos, e coa anticipación de todos os anos, fomos ao cemiterio levar flores aos defuntiños da familia: os avós dunha parte e doutra parte, o bisavó, o tío P., a tía O.,  e até aquela nena medio parente que morreu hai seis décadas e, ao non haber panteón dispoñible, acabou quedando entre os nosos. Mesmo o tío H., que panteisticamente vaga arredor do caneiro no seu río, tivo a súa oración e o seu ramiño de flores, totalmente alleo ás preocupacións que a Curia e o mesmo Papa provocaron estes días na miña mai; custa facerlle entender que a ocorrencia de prohibiren aventar as cinzas dos mortos non ten efectos retroactivos, e que non todo o que di Roma ten por que ir á misa.
O certo é que recea que, cando chegue o momento, o cura se poña chulo e se negue a facerlle a meu pai un funeral como é debido, ou que para evitalo nos toque ir á procura dun panteón caritativo en que depositar as cinzas, un pouco o que ocorreu coa nena medio parente que morreu hai seis décadas.

venres, 28 de outubro de 2016

A miña historia con Venres

Pois, señores, despois de meses evitándoo coincidindo fugazmente nos lugares máis inesperados (a última vez, o domingo pasado, ao saírmos a nena e eu de comer o polbo nas casetas e entrar el cunha caterva de letrados), onte non houbo escapatoria posible. É verdade que pola tarde, cando chamou, acordáramos a ver se o sábado ou mellor a semana que vén, pero Polis, que me coñece demasiado, estaba á noite co batmóbil á porta do local de ensaio, decidido a todo se non lle contaba dunha vez a miña historia con Venres.
Achantei: alá deixei as partituras no coche e con elas as esperanzas dunha noite tranquila, e no del fomos cear a un deses sitios solemnes que lle gustan tanto, case vacio por ser mércores. Despois duns tanteos iniciais (a miña glicemia, os seus triglicéridos, as nosas respectivas vesículas) empezou un terceiro grao en toda regra. Prato a prato, e copa a copa (pronto, xa botella a botella), conteille a Polis como coñecín a Venres un serán de domingo en Delfos, onde vive; recoñecinlle que, aínda que sei en que consellaría traballa, ignoro totalmente en que consiste a súa función  (é certo que non lle atendo moito cando mo explica); ensinándolle fotos do móbil, cumpriume confesarlle que lle levo oito anos, ao que Polis repuxo que lle parecía riquiño e que non se notaba a diferenza de idade, e que se notaría menos se me rapase esta barba cada vez máis branca; pasando por riba das cousas de cama e bragueta que entusiasman a Polis, concordei con el en que despois de ano e medio véndonos case cada fin de semana, wasapeando cada serán antes de nos irmos para a cama e facendo escapadas en pontes e vacacións, esta é a cousa máis seria que vivín desde que os dinosaurios baixaban a beber ao Miño e eu aínda era un marido. Para confirmar o que fose, o wasap chiaba a cada pouco.
Acabábamos o bacallau e a segunda botella cando lle confirmei que intercambiáramos as chaves da casa; de pouco valeu dicirlle que, os luns que amañezo en Delfos, Venres sae antes ca min para ir ao traballo e son eu quen ten que pechar a porta.
Logo todo se complicou; fomos aquí e alí, manobrando entre a néboa, e ás tres da madrugada baixaba eu do batmóbil diante do meu portal cun índice en sangue de godello, licor café e cervexa capaz de facerme esquecer que deixara o coche aparcado no outro extremo de Ithaca, xusto ao pé do local de ensaio. Cando o lembrei, Polis xa marchara. 

domingo, 23 de outubro de 2016

Kilómetros

8.00: O deber inescusable de carácter privado que teño marcado para as 12 permíteme durmir unha horiña máis. A casa está fría, principalmente despois da ducha. Tras o almorzo fumo dous cigarros; o último nin o termino: é a estúpida obsesión de non dar chegado. Antes das nove pillo o coche e poño rumbo a un xulgado nun punto equidistante entre Delfos e Manderley.

10.00: Asumindo que vou demasiado cedo, paro de camiño a tomar outro café e a comprar tabaco nunha tenda-estanco; o exceso de café e unha muller que tende roupa no aparcamento fanme a entrar de novo para comprobar que aínda sobreviven as espeluznantes placas turcas en retretes de posguerra; tal é así que volvo ao coche co estómago revolto.

12.00: A procuradora explícanos na porta do xulgado que a avogada non vai vir por culpa dunha endodoncia, e que a súa señoría tampouco estará presente porque en realidade non estamos citados; ao parecer, aténdennos de favor. O escaneado do convenio que mandamos é tan tenue que case non se le e hai que presentalo en papel para que a xuíza non o rexeite. Recoñecemos o documento e asinamos os poderes; o trámite non leva nin dez minutos.

12.15: Saímos do xulgado e camiñamos devagar ao sol, sen rumbo, entre persoas que se moven en todas direccións, algunhas cargando bolsas porque veñen do mercado. A carpeta de plástico vacía onde ía o convenio pasa das miñas mans ás dela, e sucesivamente viaxará entre as nosas mans durante case unha hora, coma un símbolo. Xa sentados nun banco, os vagos reproches, as réplicas e as contrarréplicas, esa inútil contabilidade dos miles de horas que ela pasou en consultas de pediatras e dentistas, en ensaios, en adestramentos e partidos, en cumpreanos, os miles de kilómetros que viaxei eu todos estes anos para recoller a nena en fins de semana alternos e insignificantes, esmorecen lentamente e, cos ollos húmidos, acabamos por nos centrarmos no que verdadeiramente importa, esa nena espléndida da que nos sentimos orgullosos. 

14.45: Espero por Venres fumando na entrada do centro comercial, despois de comprar algunha roupa de inverno e perderme varias veces. Mentres xantamos (bastante escasamente) nunha estraña pulpería ultramoderna, tan típica e enxebremente galega que até se esqueceron da lingua, cóntolle a aventura do xulgado e, moi por riba, o demais. El cóntame do cumpre que lle toca esta semana e organizamos algo para o serán do domingo.

17.00: Con bastante retraso sobre o previsto, saio para Manderley a recoller a señorita Kaplan, que espera xa coa maleta feita, a mochila cargada de libros e deberes cos que compartiremos o fin de semana e moitas ganas de me poñer ao día. En canto arrinca o coche, a señorita Kaplan empeza a súa disertación, que xa non parará practicamente até vermos asomar o sky line de Ithaca.

19.45: Instalada a nena, rodeada de todo o que a fai feliz (o móbil, a wifi, a tele, un libro, as zapatillas) saio a toda présa para o ensaio: co Tamborileiro abrimos a temporada de Nadal.

sábado, 15 de outubro de 2016

Fin de festa

Rematou o Sampailán deste ano, e rematou con cambio de tempo: fixo aparición a choiva e, claro indicativo de que aquilo do san Miguel rematou, teño as mans frías.
Polo demais, cumpriuse con (case) todo o ritual indíxena, como manda a tradición: houbo paparota familiar con polbo e rudo viño da casa, nun sitio enxebremente decorado a base de nasas, chantos e gaitas; meu pai, apertando e collendo do brazo a meu cuñado para que o levase até a mesa, recreou en technicolor a escena bíblica: pódese dicir que por unhas racións de polbo, que ademais paguei eu, cedín a miña primoxenitura.
A señorita Kaplan recaudou o seu bon diñeiro e, con bastante présa por gastalo, descubriu esas máquinas comecartos con plataformas que avanzan e retroceden cheas de moedas que van caendo; o botín non compensou o investimento: un reloxio dixital que non funciona, un chaveiro cun coello de penuxe e un chifro para patos.
Para o fin de festa, en lugar dos Haddock esta vez viñeron Venres e tres dos seus amigos de Delfos: Pirata, Bertamiráns e o Reverendo, que, sorpresas da vida, foi alumno meu en Ithaca no Cretácico Superior, cando os dinosaurios campaban polas Cortiñas de San Román e a el, que non tiña nin sombra de barba, xa lle empezaban os rapaces a alvorotar o galiñeiro; así o conta mentres rillamos como podemos o correoso entrecosto da cea, que se desangra repulsivamente nos pratos deles.
Logo dun infame licor café moi pasado de octanos botámonos á rúa: propuxen ir a aquel local anteriormente coñecido como o Emo, onde (regandixas da lei) aínda se pode fumar, e entre isto e atoparmos nel algúns coñecidos aos que non volvera ver en décadas, sería como pillar un bucle temporal e regresarmos a 1995, salvo porque agora xa non valen as pesetas, o local está inzado de hipsters, e o móbil de Pirata, que xurou que de Ithaca non marchaba sen botar un ferrete, non lle daba abasto cos asubíos.

sábado, 8 de outubro de 2016

A caixa de Pandora

Posiblemente foi algo máis que deixadez o de irmos deixando o asunto tantos anos, mesmo cando chegou a nova lei que simplificaba as cousas (aínda que non para nós, que somos do plan antigo), o caso é que empezar cos trámites do divorcio e abrir a caixa de Pandora foi todo un.
En primeiro lugar, a miña ex non entende por que nos temos que divorciar precisamente agora, así que bota os seus cálculos, e o resultado da súa lóxica resúmese entre risas na frase de onte cando xa case saíamos para aquí: Nena, hai que comprarche un vestido, que papá vai casar.
Felizmente, a miña ex acepta que nos divorciemos e pagará a súa parte dos gastos, pero sublévaa que a avogada sexa tan incompetente como para nos dar a asinar unha mala copia-e-pega do convenio regulador doutra parella, casada pola igrexa e cun fillo chamado Diego. 
Que tivese que ser eu quen traducise o texto que acabamos de asinar sobre a  mesa do comedor lévaa a dicir non sen certa razón que a avogada nos podía facer algún desconto, pero cando pregunta por que non lle pedín a Polis que nos levase o caso teño que esforzarme por non lle lembrar a berros que nunca foron capaces de estaren na mesma habitación sen temermos os demais unha traxedia.
En lugar diso, e como a estas alturas non vale xa a pena discutir, respondo que Polis non é avogado de familia, e ela marcha escaleiras arriba a cismar, como nos vellos tempos, mentres a señorita Kaplan vai cargando no coche a maleta coa roupa e a mochila cos libros, e a gata Matilde ao pé do limoeiro lambe a coniña ao sol na tarde outoniza..

xoves, 6 de outubro de 2016

Secret hole

Como Tony Leung na película, vou ir á procura dun muro nun lugar remoto polo que non pase xente, buscar un furado na pedra e besbellar nel, coa boca ben pegadiña para que ninguén me escoite, que por moito que nos doia foron outros os que gañaron a primeira vez apesar dos escándalos de corrupción e da súa política falaz e mesquiña, que volveron gañar seis meses despois aumentando a vantaxe, que volverán gañar e quizais por maioría absoluta se hai novas eleccións, e que daquela estaremos moito peor que un ano atrás, un ano totalmente perdido e gratuitamente entregado, cunha esquerda máis preocupada por destruírse con entelequias e postureos que por facer oposición e suavizar as políticas nefastas que nos afogan.
Despois taparei o meu furado con barro, darei media volta e seguirei como ata agora, farto de escoitar o que escoito e de ver o que vexo e de sentir o que sinto cando poño a tele, mentres fumamos o cigarro no recreo, durante o xantar coa miña mai, cada vez que abro un wasap de Polis ou de Antoine, lendo a prensa cada mañá, facendo sobremesa con Venres ou antes de nos erguermos, cando o día parece que promete outra cousa.

martes, 27 de setembro de 2016

Starter

Venres cambia de coche e está a poñer a proba a miña paciencia facéndome acompañalo aquí, alá e acolá por aquilo de que catro ollos ven máis que dous, e de que el sempre foi moi dubitativo. Non entende que eu son o tipo máis rápido a este lado do Miño, e que o vendedor aínda me lembra como quen lle comprou un kilómetro 0 en menos de media hora, e ao contado, cousa que por certo é hoxe unha rareza.
De pouco valeu contarlle que esa vez preguntei se o coche viña co cassette incluído e o vendedor me corrixiu, para vergoña da señorita Kaplan, dicindo que agora todos levaban portacedés; tampouco serviu que a semana pasada, ao ver un botonciño xunto ao volante, eu preguntase se aquilo era o starter cando en realidade era un ambiendor para o habitáculo.
Venres segue, invariablemente, verténdome cada noite polo auricular datos sobre financiamentos e descontos e ampliacións de garantía e coberturas aos que, tamén invariablemente, respondo ao chou mentres mentalmente trato de entender que c... significa a frase Deseño reafirmado que demostra un frontal enérxico e a súa calandra superior, que agora integra os chevróns e unha nova asinatura de faros diurnos LED dianteiros que vén no catálogo.

mércores, 14 de setembro de 2016

Tres días

Sábado: A tan adiada expedición a Brigantia porfín sucedeu hoxe. Pola mañá, visita ao cemiterio de San Amaro baixo un ceo entoldado e ameazante; sen perder de vista o mar de chumbo que batía ao lonxe contra Seixo Branco, orvallou por nós sen clemencia e lentamente fomos descubrindo algunhas lápidas que nos interesaban. O enterrador, voluntarioso pero limitado, levounos a trote á de Curros e desculpouse cen veces por non saber das outras.
Pola tarde, no Ikea convertido en manicomio familiar, xantamos e compramos o armario de cociña para Venres, as copas para Venres, os caixóns de reciclaxe para Venres, a pota para Venres e os coitelos para Venres; para min, tan só un ridículo cepillo con ventosa para o lavalouza.

Domingo: Monumental resaca. Cura de sono e convalecencia a base de ibuprofeno tras deitármonos cando xa amañecía; coma dous vampiros, cumpriunos saír de novo ao escurecer á procura de algo que cear.

Luns: Vou a Atenas a levar a documentación do divorcio. A avogada, a mesma que nos tramitou a separación, tarda en recibirme; a cliente que me precede sae do despacho cos ollos chorosos. Cando entro empeza a comedia: a avogada dáme dous bicos como se fósemos intimísimos, di que se acorda perfectamente de min e que me atopa máis delgado; revisa os papeis que lle vou pasando e, ao ver o certificado de nacemento da nena, comenta que aquela caquita é agora toda unha señorita.
A avogada lévame tres anos (podo velo no título que ten colgado na parede) pero as súas mans, con veas e manchas na pel moi solta, son as dunha vella; a avogada ten un tic na cara que a fai parecer un rato mentres fedella nos papeis e musga os ollos cara á pantalla do ordenador e vai falando de exhortos e demais cousas do procedemento.
Penso en Polis, en se actuará así cos clientes no despacho, e daquela ocórreseme que terei que inventar algo para xustificar que non nos leve el o caso. Principalmente cando a avogada conclúe que nos vai saír baratiña a festa. Uns 600 ou 700, di; cada un, engade.

martes, 13 de setembro de 2016

Tatuaxe

 "A tatuaxe da mamá pagámola a escote entre todos os irmáns".
(Escoitado un día destes na rúa)

xoves, 8 de setembro de 2016

Segovia

Vista desde El Pinarillo
Calquera que visita por unhas horas unha cidade (poñamos por caso Segovia), en canto chega (café mediante ou non) probablemente dirixirá os pasos ao centro histórico, á cerna, onde os grupos de turistas se expanden polas estreitas rúas e bloquean a entrada aos monumentos; así fixen eu a primeira vez que fun a Segovia, un frío Xoves Santo de hai dezanove anos, ansioso por fotografar o Acueduto e as torres de conto do Alcázar.
Sen embargo, escrito estaba que non volvería ocorrer.
Antoine, atormentado sempre na cidade polos horarios dos buses e as combinacións do metro, resultou ser por contra un andarín a proba de infartos. Indicios xa mos foi dando polo camiño, ao poñer nome desde o ómnibus aos montes que se vían na distancia (Cuelgamuros, Alto del León, La Maliciosa, Siete Picos, La Peineta, Montón de Trigo, La Bola del Mundo), testemuñas das súas antigas camiñadas pola serra. 
Así que a visita a Segovia foi de fóra a dentro: desde a necrópole xudía de El Pinarillo, ao outro lado do Clamores, coas tumbas antropomorfas escavadas na rocha viva e cubertas de frouma, fomos abeirando a cidade desde abaixo a través dun verxel inesperado. Tras detérmonos para fotografar o Alcázar e recuperar folgos no campo de San Marcos, case onde o Clamores se une ao Eresma, visitei nos Carmelitas a tumba de San Xoán da Cruz. O opulento sepulcro de mármore e bronce en que xacen os restos do humilde entre os humildes nada ten que ver coa pobre sepultura orixinal que se pode ver nun recanto da capela; só as palabras Vuélvete paloma no pano do altar e os feos gravados coas caras de San Juan e Santa Teresa evocan algo de verdade; escapo de alí cando un grupo de cristiáns con guitarras se poñen a ensaiar para dar testemuño da súa fe.
A marcha campo a través rodeando a cidade, esta vez abeirando o Eresma, prosegue tras a visita á Vera Cruz, a igrexa octogonal dos templarios chantada no medio do secarral amarelo e ardente; sen pararmos máis que para fumar e beber nalgunha fonte, subimos á cidade e entramos nela pola Porta de Santiago, desfalecidos, suados e guiados por unha fame canina.
O prato do día no comedor subterráneo dun bar, e un excelente tinto, fíxonos outra vez humanos e devolveunos a curiosidade suficiente para visitar a Catedral; antes de entrar, comprei unha menina, turistiqueira pero bonita, para a colección de Venres.
Por suposto, seguimos sen discusión o consello da que vendía os billetes (a dixestión, a calor da sobremesa, a altura, os centos de chanzos pola escaleira estreita) e non subimos á torre; limitámonos a camiñar polas naves luminosas e case vacías, e o claustro gótico.
Despois, no lento periplo de regreso ao autobús, pasamos xunto a fermosas igrexas románicas con adro porticado, camiñamos polas estreitas ruelas da xudaría, chegamos ao Alcázar sen entrarmos nel, fotografamos preciosas casas de pallabarro con portas de arco, admiramos o Acueduto e, como despedida, tomamos unhas cañas nun bar aberto na propia muralla medieval.
Cansos e satisfeitos por canto atesourábamos na retina e na memoria da cámara, retornamos para Madrid cando o sol se poñía. Pero antes Segovia aínda nos reservaba unha sorpresa, inexplicable e surrealista: a beirarrúa estaba estrada de selos de Franco; bastaba seguilos, como no conto, para chegar á paraxe do autobús.










martes, 6 de setembro de 2016

Panteón

No Panteón de Homes Ilustres conxelouse o tempo nalgún momento indeterminado do século pasado.
O lugar é triste e frío, literal e metaforicamente. A temperatura agradécea o corpo do paseante que entra do forno en que se torra Madrid, pero a frialdade do símbolo cae ao pouco sobre o ánimo co peso daqueles mármores impolutos e un empeza a preguntarse se Antoine non tería razón, e en vez de aquí non debería estar nunha terraza tomando unha caña.
Ningunha emoción: por fóra, o edificio é a simple vista unha mala copia do camposanto renacentista de Pisa, como xa anticipaba o campanile solitario que lle fai xogo; por dentro parece o corredor dun colexio de curas. e aquí e acolá van saíndo ao paso os monumentos funerarios duns cantos políticos e militares decimonónicos que hoxe só están no rueiro de Madrid e nos libros de historia: Cánovas, Sagasta, Canalejas, Dato...
Non hai lugar máis morto (dito sexa sen segundas) en todo Madrid; comparado con este, o Panteón Real do Escorial é unha festa; o balbordo dos turistas fai que un se sinta como no metro en hora punta.
Aquí, por non haber, non hai nin gardas, nin guías, nin can que lle ladre.
Coincido cunha parella que, abrumada coma min por aquela grandeza inerme, tira tamén fotos dos mausoleos e vaga solitaria polo corredor e entre os canteiros de buxo e rosas do patio, minuciosamente traballados, como se a única vida existente naquel panteón imposible e inconcluso non puidese descontrolarse baixo ningún concepto.


Sagasta

Canalejas

Dato

Cánovas

sábado, 3 de setembro de 2016

Escenas matritenses

A cura para o kaukokaipuu estaba en Segovia e, unha vez máis, en Madrid: nas rúas e prazas ateigadas, nos museos ateigados, nos bares ateigados e, en contraste, no vacío e desolado Panteón de Homes Ilustres, perfecta alegoría deste noso país, e ao que só vai un ex profeso, nunca por casualidade.
Pola mañá visitáramos no Prado a exposición do Bosco; esperei por Antoine ao pé da estatua de Goya, coas nosas entradas previamente compradas  por internet no peto e contemplando atónito a interminable bicha que cercaba o museo. Daquela souben de certo que sería unha exposición máis que para ver para dicir que fora vista, para dicir que estivéramos nela; e efectivamente, máis que dos cadros podo falar dos apuros para velos, das fatigas para nos irmos achegando desde os lados ao centro deles, cóbado con cóbado cos outros cen que os cercaban, de como para ver cumpría asomarse sobre un ombro ou baixo un sovaco de quen estaba diante, furtivamente. Por suposto, tirar fotos estaba prohibido e só se permitía na instalación mutimedia do piso superior, pero por moi espectacular que fose (e foino, certamente), non era igual: alí non había cadros, só alucinación e sombras chinescas.
A satisfacción do deber cumprido e a frustración de non telo cumprido adecuadamente presidiu a nosa mesa nunha tasca da calle de Argumosa, onde ao aliño das boas ensaladas achegamos valores de glicose, colesterol e triglicéridos, e un diagnóstico: de Antoine xa non se dirá máis que ronca coma un aserradeiro nuclear senón que ten apnea grave do sono, e un novo compañeiro de cama en forma de respirador, ao que polo de agora non se dá acostumado.
E supoño que nos cafés, máis por curiosidade que por necrofilia, surxiu o do Panteón. Antoine, que xa estivera alí en tempos prehistóricos, dixo que non volvía nin farto de viño malo pero púxome, aproximadamente, en camiño.
E, como nun bucle espacio-temporal, retrocedín máis de cen anos.

venres, 2 de setembro de 2016

Mes-luns


Celebremos, como cada ano, a entrada no Mes-luns facendo unha listaxe de cousas urxentes a curto ou medio prazo. A saber: 

  • Corrixir o feixe de exames que, tristemente, esperan sobre a mesa. Aplicar con xenerosidade promocións, saldos e liquidacións (incruentas).
  • Telefonar á avogada de Atenas, último domicilio conxugal, para notificarlle que xa reunín os papeis e que pode empezar os trámites no xulgado. Despois de trece anos, porfín o divorcio.
  • Ocultar o anterior a Polis: non hai cousa que máis precise que unha lección maxistral sobre a parsimonia e a inconsciencia de ir deixando que as cousas se resolvan soas.
  • Acabar de organizar as fotos de Madrid, Segovia e non sei cantas máis que hibernan na memoria do móbil e esperan acomodo definitivo.
  • Dar unha opinión a Haddock sobre o seu libro, tendo en conta que despois de catro meses non lin máis que o Prólogo, a Nota do Autor e unhas poucas páxinas. O único que podo concluír ao respecto é que o tema é árido, o estilo escuro e o meu amigo escribiu todo aquilo de mala hostia e sen distanciarse. A procrastinación neste caso é unha desculpa feble, porque o libro ten menos de 150 páxinas.
  • Facer de tripas corazón e, aproveitando que está comigo a señorita Kaplan, levar dunha vez as phalaenopsis ao sanatorio de orquídeas que a miña irmá ten montado na terraza. Estou farto de ver estas couves tan pouco decorativas no meu salón.
  • Marcar dunha vez as clases de canto para este mes.
  • Marcar encontros (con ou sen xantar mediante) con Tere Holmes, Polis, Fesore, Herg e Sibila.

martes, 23 de agosto de 2016

Kaukokaipuu

Así se chama en finés a necesidade repentina de viaxar, ou polo menos isto di un artigo de Verne, un dos suplementos de El País, onde tamén se descubre que existen nomes para outras emocións ou sensacións que carecen de nome na nosa lingua. Dalgunha xa teño falado repetidamente neste blog: awumbuk, por exemplo, é o vacío que quedaba e segue quedando tras marchar a señorita Kaplan moitos domingos, algo que como se ve non só senten os nativos de Papúa-Nova Guiné.
Confeso que teño sentido en diferentes ocasións oime, greng jai, e até algunha vez ijirashii, e por suposto, como non podía ser menos, abafo de han cada vez que me paro a pensar na situación política do país, coas eleccións aí tan perto.
Sen embargo, esta mañá acordei moi cedo e cun inesperado desexo de pirarme que non amoleceu coa lectura na cama de todas aquelas cousas sobre os lupanares de Pompeia; ao contrario: devecín por ler aquilo arrolado polo traqueteo do tren. No almorzo botei en falta o ritual do bufé, e os tres ou catro whatsapps que entraron pola noite procedían, respectivamente, de Centroeuropa, Torremolinos e o Caribe. Non chegaron as cousas ao estremo de tentar abrir a porta do cuarto coa tarxeta sanitaria; vestíndome, ao ir ao armario pola camisa chegou a min a voz muda da maleta e xa non houbo dúbida de que me vou nestes poucos días que restan; iso si, non decidín aínda onde.

venres, 19 de agosto de 2016

54 horas

A señorita Kaplan voltou con súa mai e eu, unha vez máis, atopei unha silva chamada Venres e quedei en Delfos 54 horas: de Santa Atanasia a San Xacinto, pasando por Santa María e por San Roque, que alí este ano foi festivo. O pretexto era a visita aos tellados da Catedral, algo aprazado tantas veces que empezaba a parecer un imposible e a converterme a min nun bicho raro.
De resto houbo case de todo: un día ceamos nun xaponés completamente vacío e o outro preparou Venres para min un gorentoso revolto de gambas con canto achou naquela neveira revolta e ateigada, como de refuxio antiatómico; un día xantamos churrasco na longa mesa compartida dunha taberna ao pé do manicomio e o outro zorza e aquela estraña ensaladilla con gambóns nun bar cheo de phalaenopsis e deseño pola rúa de San Pedro.
As dúas primeiras noites fixemos cos amigos de Venres o acostumado viacrucis por antros e locais da zona vella; o novo día acompañounos á casa, borrachos como adolescentes, atesourando unha colección de etiquetas moi bonitas pero completamente absurdas; a gata Magui, adoecida polo abandono, miañou ao nos ver entrar e nunca máis se soubo. 
Se algo compensa en parte estas noitadas de cervexa, licorcafé e tabaco son os brunchs a base de café, melón e ibuprofeno por conta do voluntarioso Venres, que vai e vén en calzóns traendo cousas da cociña. Hai dous temas recorrentes: a moza que abriu a cabeza ou por esvarar bailando ou por ter subido a unha mesa para bailar nela a primeira noite, e o choque nun cruce do ensanche que vimos en directo a segunda noite.Tamén falamos do alcume que me vai quedando: Padre, máis que esperable tendo en conta que son unha década máis vello que os máis vellos dos amigos de Venres, e que cando subimos aos tellados da Catedral só esta era máis vella ca min.
E así foi como chegamos á tarde do martes e aos lexendarios tellados; cumpriunos gabear Torre da Carraca arriba e pastoreáronnos de aquí para acolá entre pináculos e andamios, facendo fotos compulsivamente mentres de fondo a paciente voz da guía nos inculcaba que cousa era a carraca que dá nome á torre, cando rematarán as obras na outra torre, cales son a da Vela e a do Tesouro, por que aquela cruz se chama dos Farrapos ou que é un Agnus Dei.
A Berenguela daba solemnemente as seis cando baixamos, e un novo rabaño ocupou o noso lugar; a visita seguiu polo claustro onde repousa, muda, a vella Berenguela, polo anodino panteón real, polo museo onde a escasa luz non deu atenuado o fulgor dourado dos tellados de Compostela.










xoves, 11 de agosto de 2016

Camas

Son todas de hotel ou de hostal, a maioría repartidas por España adiante, pero tamén hai camas portuguesas, gregas ou sicilianas. Hainas individuais e dobres; algunhas foron compartidas e outras non; en cuartos opulentos ou en humildes cuartos espartanos. Todas sen embargo resultaron cómodas, como non podía ser doutro xeito, habida conta a fatiga con que me cheguei a elas despois de horas de tren, avión ou autobús, ou rendido tras interminables periplos por museos, aeroportos, avenidas, catedrais ou ermos resecos á procura de xigantes e muíños.
Aquí están elas, as camas en que durmín estando en fuga estes últimos anos coa súa paisaxe de sabas e cobertores, cos cabeceiros infinitamente variados, as almofadas revoltas e dobradas despois da lectura que atraeu o sono, a decoración de variado gusto, esas lámpadas tristes e os inevitables cadros, as mesas de noite cos obxectos que nos fan humanos (o reloxo, o libro, o móbil, o bolígrafo, o mando da tele).

luns, 8 de agosto de 2016

Suceso

 Hoxe, despois do xantar, fomos ao supermercado a señorita Kaplan e mais eu para comprar catro iogures gregos, un tarro de margarina, dúas tiras de costela, tres pexegos amarelos e medio melón.
É certo que este acto é banal e dá ben pouca materia para facer un post; pero cando íamos pagar sucedeu algo verdadeiramente extraordinario.
Unha das dúas señoras que estaban diante de nós na caixa pagou e marchou, esquecendo unhas cebolas. Cando a outra se decatou saíu atrás dela chamándoa e axitando a bolsa das cebolas, pero en vez de dirixirse á porta lanzouse en tromba contra o cristal, que non rompeu. Aí rolaron as cebolas fóra da bolsa e a señora, moi lentamente, xirou como para preguntar que pasara e caeu; matouse, dixo unha voz de muller, e correron alí as caixeiras e as clientas a socorrer a pobre, e alguén que non fun eu chamou ao 112 para que viñese unha ambulancia.
Horas despois seguimos conmocionados; a señorita Kaplan xura que viu curvarse o escaparate.