xoves, 31 de xullo de 2014

Barcelona

Sen máis novidade no voo que o desacougo das instrucións da aeromoza aos pasaxeiros de xunto á xanela de emerxencia para o caso en que esta se fixese real, e a falta das razoables (e caras) cousas de comer que ofrece o folleto, e que me cómpre substituir por unha cola light e unha bolsa de patacas fritas (tamén caras), chegamos a destino. A folga de trens de cercanías aféctame moito menos que a avaría na maleta, que me fai cargar con ela polas salas do aeroporto, e máis tarde por andéns, estacións de metro, prazas, beirarrúas e corredores de hotel até deixala, exausta ela e exausto eu, sobre a cama onde durmirei as próximas cinco noites.
O cuarto está ben; sen excesos, como indicaban as fotos e o prezo, pero son talvez austeros demais a estreita cama dunha praza e a dureza case basáltica do colchón. Non hai alfombra no chan nin máis toallas que as dúas imprescindibles (unha nota indica que por cada toalla extra se cobrarán catro euros), pero asombrosamente tampouco hai (nin haberá, respostan en recepción) xabón de mans no lavabo, aínda que si os consabidos tubiños de xel e champú na ducha.
En menos de media hora a equipaxe está desfeita e eu, duchado e libre, camiño Rambla abaixo: hai todo tipo de xente que vende todo tipo de cousas, camareiros que ofrecen sitio nas súas terrazas, músicos, policías, curiosos parados diante do teatro, estatuas humanas (unha dama antiga, un vaqueiro, unha bolboreta, un alien); hai un grupo de mariñeiros, rusos ou polacos, recén desembarcados cos que a xente, principalmente grupos de raparigas, se quere facer fotos, a estatua de Colón ao fondo, e ao que eles, pacientemente, acceden.
Rambla arriba a situación non cambia: a multitude que camiña polas Ramblas non será menor nin agora nin despois, dá igual a que hora pase, dá igual se é de día ou de noite, cando ademais as putas se ofrecen ao viandante solitario. Na Boquería (que May nos seus wasaps me louvara tanto) a aglomeración non é menor: admiro brevemente e en fuga as montañas coloridas de froitas, tan ben colocadas, pero un mercado é un mercado, por moito que aquí instalasen baretos para alivio de guiris, e neste coma en todos cheira a peixe e a carne e sangue de animal morto.
Tampouco é diferente en Praza Cataluña, onde as pombas se arremuiñan entre os paseantes. Diante da Catedral grupos de xubilados bailan sardanas: como non coñezo os costumes dos nativos tampouco sei se isto substitúe o tai-chi doutros lugares. Hai máis acougo nas rúas estreitas do Barrio Gótico (Bisbe, Comptes, Paradis, Pietat, plaça del Rei) onde roubo coa cámara estrañas torres octogonais, gárgolas, lápidas de esquecidas tumbas adosadas ás paredes, algunha fachada modernista e bonitos chapiteis calados. Un cantor ambulante destroza a conciencia a Ave María de Shubert, e a súa voz de tenor resoa nas ruelas como se lle estivesen extraendo o bazo cunhas pinzas de depilar.
A cea é un prato combinado (ensalada e luras fritas) nun bar completamente vacío chamado Tarantino e enteiramente a el consagrado nos carteis que cobren as paredes, os manteis individuais de papel, a camisola da moza que despacha, e até o contrasinal do wifi, nada menos que killbill. A comida simplemente nin fu nin fa, e aínda que entreteño os meus temores mandando wasaps aos catro puntos cardinais, finalmente nin Chicote irrompe no local nin saio del intoxicado.








domingo, 27 de xullo de 2014

Madrid (again)

Pois así é: despois de non pisar máis solo de Madrid que o do seu aeroporto durante dez anos, volvo a ela unha vez máis, e será a terceira nos últimos dez meses. A eses retornos non é alleo o meu bon Amadrid, que, unha vez máis me espera a estación de autobuses no medio do trafego de viaxeiros para conducirme polo labirinto de andéns, escaleiras mecánicas, liñas e estacións de metro até un hostaliño perto de Sol.
Non é o das outras veces: este é máis barato, non inclúe o almorzo, pero resulta ser un cuarto amplo, con mobiliario e baño totalmente novos, e unha impecable cama dobre. Desde a xanela vese o lateral da Comunidade e o remate do reloxio; se un se asoma, a estatua ecuestre de Carlos III sobre o rebulir da praza e máis alá o campanario da igrexa do Carme.
O hostal é peculiar e non só polo prezo: a recepción está no que podemos chamar a casa matriz, a dous portais na mesma rúa, onde formalizo a inscrición o primeiro día e aonde non volverei xa até o último, cando entregue a tarxeta-chave; o resto dos días intercambio chamadas a porteiros automáticos que me responden coa voz enlatada da señora do Metro lembrándome que peche a porta despois de entrar, e déixome observar por varias cámaras mentres bulo coma un minotauro ou unha toupa por corredores que se bifurcan e escaleiras gastadísimas e diminutos ascensores.
A primeira visita, ao día seguinte, vai ser ao Arqueolóxico, agora remodelado e bastante equipado con esas cousas máis ou menos interactivas. Da miña primeira e última visita, hai case cun cuarto de século, non lembro máis do que mostran as enciclopedias, e que é só unha pequena fracción do que agora retrato teimosa e extasiadamente para envialo aos catro puntos cardinais da internet, de damas ibéricas a puntas de frecha neolíticas.
Ás 12'30 deixo á parte a éxtase e baixo a correr á cafetaría para atoparme con Amadrid, que me vai levar a ver como fan o programa de radio en que colabora os mércores, e despois a recobrarme cun razoable xantar por aquel castizo barrio porque, señor, coa falta de comedor no hostal e coa présa por chegar ao museo, aquela mañá esquecérame almorzar e a tales horas eu estaba moito máis morto que vivo.

mércores, 23 de xullo de 2014

Sigo

SIGO ás voltas coas fotos: eliminando as malas; subindo ao Tumblr case todas as que me parecen boas, máis coa intención de salvalas de eventuais e xa coñecidas catástrofes do que de exhibilas; colgando algunha no muro do feisbu; remitindo tamén a del a Amadrid: a do ascensor da Fundación Mapfre e que non era, esta non, de Cartier-Bresson, xa quixéramos.

SIGO coa teima das viaxes, que refreo porque non son rico e porque ademais a señorita Kaplan virá pasar uns días comigo, a repoñerse da súa escapada pirenaica. As mensaxes de May celebrando o nomadismo que me reina tampouco axudan: son como botar leña ao lume, e á primeira de cambio xa estou dándolle voltas a rutas posibles e lugares aos que regresar ou aos que ir por primeira vez. Estou como adoecido.

SIGO lamentando de cando en vez ter deixado de actualizar este blog: non é que non tivese nada que contar, senón máis ben que non quería contar algunhas cousas que ocorreron (xente que desapareceu da circulación e algún traumatismo anímico de menor calado). Polo demais, é a consabida imaxe, que varias veces teño traído aquí, daquel que un bon día sae a comprar tabaco e non regresa até despois de trinta anos por non saber como explicarse.
Como explicalo.

domingo, 20 de xullo de 2014