sábado, 2 de agosto de 2014

Sagrada Familia

É Sábado e acordo ás 8 dándolle voltas ao da Sagrada Familia. Non me atrevo a voltar á casa sen visitala, por moi dramáticos que sexan os pretextos, así que primeiro penso en aviarme rápido e ser o primeiro da bicha, pero na ducha decido regresar ao século XXI e comprar o billete por internet desde o portátil baby, que para algo o trouxen.
Que se trate dun templo votivo e que desde agora tamén sexa un pouco meu só atenúa en parte a sorpresa dos prezos, certamente espeluznantes aínda se non os convertermos a pesetas, que me fan aventurar no sucesivo moito bufé de ensalada e moito bocata nas ceas. 
Como aínda é cedo para entrar, detéñome a botar un ollo á Monumental seguindo recomendacións da moza do hostal, que me fala dun lugar precioso ao que ía de nena con seu pai; a min, por contra, paréceme un lugar sombrizo e triste, independentemente do seu antigo uso; nel existe un museo taurino sen visitantes contra o que me preveñen unha ducia de mensaxes de amigos como se me achegase á porta do Averno. É o que ten narrar en directo unha viaxe: non tiña pensado entrar, por moito que o home da billeteira se incorporase no seu cubículo sacudindo talvez o pó ao taco das entradas; por facer algo, envío un par de fotos daquela mole mudéjar de tixolo e azulexo que non me di nada.
A medio camiño tomo un na terraza non dun bar chinés senón dun castizo bar decorado con macarenas e cartaces de corridas de touros pero rexentado por chineses, que está ao lado dunha xenuína pizzaría italiana tamén rexentada por chineses, cousa que parece ser habitual en case todas as esquinas con pouco movemento do Eixample.
Entrar na Sagrada Familia foi chegar e bicar o santo, sen máis bicha que unha pequena espera pola audioguía que me colgan ao pescozo. Accedo pola fachada do Nacemento, a única que realizou Gaudí e tamén a máis fermosa. A outra, a da Paixón, é durísima na talla, como corresponde ao que representa, segundo me bisba ao ouvido aquela aséptica voz.
Só con entrar sinto unha gran emoción; tamén me atopo insignificante: o templo é de tales dimensións que os miles de persoas que o percorremos apenas nos interferimos. Só hai aglomeracións nas portas de acceso e na xirola, onde se restrinxe suavemente o paso a unha zona de oración na que non me resisto a entrar. Se eu tivese fe a festa sería completa, escribo despois por wassap na crónica da visita, e aínda que o pido tamén interiormente en segredo, o meu corazón debe estar tan endurecido que saio para a preciosa escoliña que ao lado acollía aos fillos dos traballadores igual que entrei: conmovido pola grandeza daquel bosque pétreo e inaudito, en que a luz (como a música) só fala de Deus a quen sabe escoitar.

2 comentarios:

peke dixo...

Sempre me gustou Barcelona. Cidade con mar, ampla, despexada e con moitas cousas que observar e contemplar. E, calro, a luz do Mediterráneo, que non é un mar que me encante, aínda que ten o seu encanto.

Zeltia dixo...

kaplan.