domingo, 3 de agosto de 2014

Hospital

A Sagrada Familia que visitei pola mañá e o Hospital de la Santa Creu i Sant Pau que visitarei pola tarde distan uns cinco centos metros nos que a avenida Gaudí se estira preguizosamente baixo os grandes tilos a esta hora dun Sábado de primeiros de Agosto; o turismo diminúe ao paso que avanzo, así como as tendas de souvenirs ceden lugar a bancos e oficinas, e así como van baixando os prezos nos taboleiros das cada vez máis escasamente ocupadas terrazas, até a avenida se transformar pouco a pouco nunha tranquila rúa con poucos coches pola que os viciños sacan tranquilamente os cans a pasearen.
Para recompoñerme e coller forzas, sento na terraza do camareiro cos ollos de Ricardo Darín: pido unha xerra de cervexa, unha estupenda ensalada, unha peituga de polo á pementa, e un café con xeo por toda sobremesa; leo as mensaxes do grupo de wassap que se amorearon durante a mañá (é certo que escriben como notarios), escoito unha conversa sobre precariedade laboral desde a mesa do lado, pago os 13'55 euros da conta e dispóñome a entrar no complexo do hospital, un pouco máis arriba.
Vaia por diante que o lugar é fermosísimo: escoito sen demasiada atención as instrucións da moza que vende as entradas, confiando máis no folleto con plano que me entrega, ansiando entrar, pero pronto se pega a min a melancolía (talvez xa nos primeiros pasos que resoan no vacío do túnel de acceso) que me vai acompañar no paseo polos pavillóns e o xardín. Pode que sexa a tarde morriñenta en que se agoira a trevoada que desabará despois, pode que o silencio que apenas rompen os pasos ao morderen na grava do terreo, pode que me habituase xa ás multitudes e os relativamente poucos visitantes que cruzo aumenten esta sensación de soedade. O certo é que a exuberancia daquelas formas neogóticas, os tellados multicolores, os azulexos decorativos que recobren torretas e cúpulas, as gárgolas, as lanternas, agullas e figuras aladas que rematan os edificios, as flores de pedra e os mosaicos que decoran as fachadas non deixan de destilaren unha tristeza que, aínda que non me dá vencido, percibo a cada paso.
Sen doentes agora, e aínda en proceso de restauro, o lugar segue impregnado da súa esencia de sufrimento, e hai que esforzarse para que os ollos da imaxinación non vexan as filas de camas que ocuparon o pavillón San Rafael, ou as cadeiras de rodas alineadas ao sol ao pé das das laranxeiras e as matas de lavanda xunto ás que acabo de pasar, ou as batas brancas do persoal apresado indo e vindo da Administración, ou os familiares que esperan a hora da visita diante do Pavillón Montserrat.
A evidencia dun século de dor aínda está gravada en cada rostro pétreo que nos mira pasar mentres agora os turistas facemos fotos do recinto, camiñamos descalzos sobre a capa de sal que cubre o chan dunha exposición de xardinaría xaponesa, e seguimos adiante, acompañados pola melancolía.





























2 comentarios:

Zeltia dixo...

O hospital que beleza na súa arquitectura e detalles.
Pero creo que eu tamén me enchouparía da dor que quedaría apegañada nas paredes, coma a humidade do sal nos baños das casas de labranza.
E mesmo parece que este contraste:

"as cadeiras de rodas alineadas ao sol ao pé das laranxeiras e as matas de lavanda"

fai a carencia do goce máis lastimeiro.


Descubrín onte que había actividade de novo por aquí.

Tamén no antigo, esa recente entrada recopilatoria, que me impactou (e agradecín) pola directa maneira de falar do cotiá, sen concesións á reserva camuflada de literatura, sen os adobíos neboentos do disimulo.

Blogger dixo...

Have you ever consider maximizing your free bitcoin collections by utilizing a BITCOIN FAUCET ROTATOR?