venres, 1 de agosto de 2014

G de Güell

Hai dous puntos fracos nisto de viaxar só: as comidas e o momento de deitarse. Con algunha novela apetecible e, como reforzo, navegando através do portátil pequeno en que levo sempre un par de películas soluciono isto último. Pero nos xantares e nas ceas boto en falta a compañía, o que se disfraza de preguiza a entrar en locais que nunca son os ideais, ou de resistencia a comer cousas que non van coa dieta, pero que comería sen problemas noutra situación.
Antes de que isto suceda, entro nun self-service en que anuncian con moito colorín que por pouco diñeiro un pode comer canto queira de todas aquelas verduras requetefrescas e aquelas ensaladas en que o aceite brilla coma o ouro sobre tomates, leitugas e rodelas de cebola como recén traídos da horta. Por un euro máis, podo tamén engadir ao menú peixe ou churrasco, e escollo este último sen prever que é un pouco saudable pedazo cheo de graxa e cartilaxes que quedará en nada despois de sometelo á indispensable cirurxía.
Buscando certa casa modernista da primeira época de Gaudí na rúa das Carolinas que me recomenda Antoine por wassap chego á Praza Lesseps, onde tomo un té con limón diante doutra casa fermosísima, e tomo a decisión de me atrever co Parc Güell, que, a dicir dun mozo a quen pregunto, está relativamente próximo.
E así era desde o punto de vista do espazo, non do tempo. Os billetes véndense para tramos de media hora, e así a distancia que me separaba dos labirintos, grutas, miradoiros, salas hipóstilas, torres, chemineas e demais delirios era superior a dúas case interminables horas que investín, cigarro a cigarro e foto a foto, contemplando o devir das hordas multicolores de visitantes a entraren e saíren do recinto baixo un ceo en que se xestaba a trevoada que só ao día seguinte desabaría, e como, sobre a cidade.
Como era previsible, hai tanta xente a bulir polo parque que resulta imposible tirar ningunha foto sen alguén ou algunha parte de alguén engadido; tampouco é posible supoñer que eu ao algunha parte de min non estea en miles de fotos que serán reveladas para gardárense en álbums ou serán colgadas na rede por todo o mundo. De pouco consolo me serve este aceno de inmortalidade mentres agardo quenda para retratar o famoso lagarto de trencadís da escalinata, ou que acabe o interminable bico da parella que me rompe unha boa perspectiva entre as columnas da sala hipóstila, ou que algún grupo se erga para sentar eu na inmensa bancada da praza central e perder a vista, cidade adiante, até o Mediterráneo.





Ningún comentario: