xoves, 31 de xullo de 2014

Barcelona

Sen máis novidade no voo que o desacougo das instrucións da aeromoza aos pasaxeiros de xunto á xanela de emerxencia para o caso en que esta se fixese real, e a falta das razoables (e caras) cousas de comer que ofrece o folleto, e que me cómpre substituir por unha cola light e unha bolsa de patacas fritas (tamén caras), chegamos a destino. A folga de trens de cercanías aféctame moito menos que a avaría na maleta, que me fai cargar con ela polas salas do aeroporto, e máis tarde por andéns, estacións de metro, prazas, beirarrúas e corredores de hotel até deixala, exausta ela e exausto eu, sobre a cama onde durmirei as próximas cinco noites.
O cuarto está ben; sen excesos, como indicaban as fotos e o prezo, pero son talvez austeros demais a estreita cama dunha praza e a dureza case basáltica do colchón. Non hai alfombra no chan nin máis toallas que as dúas imprescindibles (unha nota indica que por cada toalla extra se cobrarán catro euros), pero asombrosamente tampouco hai (nin haberá, respostan en recepción) xabón de mans no lavabo, aínda que si os consabidos tubiños de xel e champú na ducha.
En menos de media hora a equipaxe está desfeita e eu, duchado e libre, camiño Rambla abaixo: hai todo tipo de xente que vende todo tipo de cousas, camareiros que ofrecen sitio nas súas terrazas, músicos, policías, curiosos parados diante do teatro, estatuas humanas (unha dama antiga, un vaqueiro, unha bolboreta, un alien); hai un grupo de mariñeiros, rusos ou polacos, recén desembarcados cos que a xente, principalmente grupos de raparigas, se quere facer fotos, a estatua de Colón ao fondo, e ao que eles, pacientemente, acceden.
Rambla arriba a situación non cambia: a multitude que camiña polas Ramblas non será menor nin agora nin despois, dá igual a que hora pase, dá igual se é de día ou de noite, cando ademais as putas se ofrecen ao viandante solitario. Na Boquería (que May nos seus wasaps me louvara tanto) a aglomeración non é menor: admiro brevemente e en fuga as montañas coloridas de froitas, tan ben colocadas, pero un mercado é un mercado, por moito que aquí instalasen baretos para alivio de guiris, e neste coma en todos cheira a peixe e a carne e sangue de animal morto.
Tampouco é diferente en Praza Cataluña, onde as pombas se arremuiñan entre os paseantes. Diante da Catedral grupos de xubilados bailan sardanas: como non coñezo os costumes dos nativos tampouco sei se isto substitúe o tai-chi doutros lugares. Hai máis acougo nas rúas estreitas do Barrio Gótico (Bisbe, Comptes, Paradis, Pietat, plaça del Rei) onde roubo coa cámara estrañas torres octogonais, gárgolas, lápidas de esquecidas tumbas adosadas ás paredes, algunha fachada modernista e bonitos chapiteis calados. Un cantor ambulante destroza a conciencia a Ave María de Shubert, e a súa voz de tenor resoa nas ruelas como se lle estivesen extraendo o bazo cunhas pinzas de depilar.
A cea é un prato combinado (ensalada e luras fritas) nun bar completamente vacío chamado Tarantino e enteiramente a el consagrado nos carteis que cobren as paredes, os manteis individuais de papel, a camisola da moza que despacha, e até o contrasinal do wifi, nada menos que killbill. A comida simplemente nin fu nin fa, e aínda que entreteño os meus temores mandando wasaps aos catro puntos cardinais, finalmente nin Chicote irrompe no local nin saio del intoxicado.








Ningún comentario: