martes, 10 de setembro de 2013

Post serodio sobre o Porto

Á forza de ilo deixando, este post nace serodio pero nace, e cando se publique eu andarei perdendo os pasos entre cadros impresionistas e bocatas de calamares.
Xa contei que ao Porto fun por facer un curso; direi agora que dos dous tipos de cursos que un pode padecer ao longo da vida (os homologados pola consellería e útiles porque dan puntos e créditos, ese material do que están feitos traslados, sexenios e cátedras, cursos sempre tediosos, insulsos, inacabables; e os outros), o que fun facer ao Porto en Agosto era destes últimos, e a el marchei sen máis pena que o custo da matrícula e con toda a gloria de quen sabe que vai de vacacións. E en Portugal. E aínda máis no Porto, até daquela a cidade dos trasbordos, dos acordares atónitos ao atravesar o tren a ponte de María Pia, das expedicións fugaces a comprar libros, das sandes a pé de bus, a medio camiño indo ou vindo de Lisboa ou de Coimbra para Ithaca.
Se ven o vídeo entenderán por que penso voltar pronto e sen o pretexto do curso.

2 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Interesándome todo o que conta no post, o comentario vai sobre o menos importante...Ah, os bocadillos de calamares: hai mais de cincuenta anos que non os cato.

João Roque dixo...

E Portugal não é só Lisboa, Porto ou Algarve.
Há sítios e cidades maravilhosas a descobrir.