domingo, 17 de febreiro de 2013

Sobrado

O día da nosa primeira escapada xuntos non puido ser mellor escollido: cálido e luminoso despois de tantos e tantos adversos, coa memoria inverosímil da nave de hai menos dunha semana aínda na conversación, e a certeza de que axiña voltarán as choivas porque ao inverno aínda lle resta moito para se ir despedindo.
Como para conxuralas, pola mañá fun lavar o coche, que voltou lustroso sen aquela costra de barro, pero por pouco tempo: C. estaba segura de que debíamos pillar a autovía e logo a estrada até Teixeiro; a min por contra a teoría dicíame que o mellor camiño a Sobrado tiña que ser atravesando as terras de Friol, entre carballeiras e bucólicas paraxes con casiñas e vacas a pacer ao lonxe; a realidade teimou en levarnos por unha estrada secundaria estreita e por fortuna sen tránsito; logo a sinalización desapareceu, pasamos unha ou dúas rotondas, perdémonos, un vello coma un sátiro sentado ao sol xunto a un peto de ánimas (Carallo, non, que van do rovés!) orientounos, despois outro que levaba un neno da man díxonos que fósemos con coidado, que as obras de ampliación empezaban desde a casa dun tal Valeriano, e  para cando porfín empezamos a ver desmontes e enormes máquinas paradas aos lados da vía aínda restaba case media hora de camiño na que non me quedou máis remedio que darlle a razón a C., asegurándolle que voltaríamos pola autovía, nin bucolismo nin hostias. 
No mosteiro, e polo módico prezo de un euro por cabeza, agardábannos dous claustros silenciosos que
se espreguizaban ao sol da tarde baixo as torres inzadas de vexetación e liques, a sala capitular reconstruída após a refundación, a vella cociña sen lume desde hai séculos.
O último que visitamos foi a igrexa, inmensa, xélida, sen retábulos e con moitos dos seus muros verdes pola humidade e algunha poza no chan das choivas destes días que esquivamos para entrarmos nas capelas baleiras e resoantes, nas que instintivamente baixábamos a voz ao falarmos, mentres unha nube de bafo nos saía da boca, como nos cómics. Apertámonos e bicámonos na semipenumbra da sancristía tamén vacía, baixo a preciosa cúpula e no centro daquel círculo pétreo adornado con cunchas e caras anxélicas; catro homes severísimos e santos (segundo a guía que o frade nos dera na entrada S. Gregorio, S. Ambrosio, S. Xerome e S. Agostiño) miraban para nós censurándonos, probablemente atónitos, pero nin a calor do noso beixo foi quen de reanimalos.

Claustro dos Medallóns


Vista da igrexa

Entrada ás capelas de San Xoán e do Rosario

Cúpula da Sancristía

5 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

¡Cánta paz, señor Kaplan!

Aldabra dixo...

unha viaxe sin perdas non é o mismo.

biquiños,

e non compráchedes mel?

Chousa da Alcandra dixo...

Pecadores!
(Non por perdervos no monte, senón botarvos a perder na sancristía :-) )

zeltia dixo...

sobrado foi o primeiro mosteiro que eu visitei. e dende entón, repetidas veces, pero nunca me bicaron na sancristía...

parece que andamos todos algo desconectados dos blogs, pór iso, ledicia de velo.

Anónimo dixo...

Que bo que volva con boas vibracións!
Saúdos.
X