martes, 8 de xaneiro de 2013

Os Reis

A señorita Kaplan marca o calendario: como o pasado era ano par foi un vello pirado (se era o Apalpador ou Santa Claus aínda está por ver) o que nos trouxo os presentes o día de Nadal; e como este é impar e a nena está con súa mai, na mañá de Reis non hai baixo a árbore nin celofán nin papeis de cores, nin máis sorpresa que algunha penuxe facendo compaña á planta carnívora con que me agasallou a miña sobriña, non sei se con algunha intención oculta.
Fixen tempo dando voltas pola casa; preparei o almorzo, seguro de que o teléfono había de soar a medio da torrada ou pillándome coas mans na mandarina; decidinme a chamar eu e, cando finalmente o teléfono deixou de comunicar, resultou que a nena saíra á procura dos agasallos na casa da súa avoa.
Dubidando se meterme na ducha (basta facelo para que chame, pensei), acabei voltando para a cama a ler aquela pequena maravilla, e nin por esas: o teléfono permaneceu mudo e impasible. De xeito que a mañá de Reis decorreu sen máis Reis que os do viciño a colgar da súa ventá, xeados baixo a néboa; horas despois na de miña irmá, no tradicional xantar que despide as festas, asomou O Outro unha vez máis pola tele, que xa perdemos a conta: miña mai di que o atopa desmellorado e fofo, o que acorda clamores antimonárquicos e pouco elegantes solicitudes de abdicación mentres roemos no leitonciño asado e bebemos do godello.
Á tarde, cando xa empezaba a pensar que vería a súa foto nos sucesos, a señorita Kaplan chamou porfín para enumerar como de pasada os libros recibidos e rapidamente describir con minuciosidade de inventario os xerseis, as blusas, a saia vintage (xuro que tal dixo) e a preciosa maleta que desde a semana próxima nos vai acompañar in itinere.
Dous días despois creo que hai unha relación directa entre a idade da nena e o tempo que tardou en coller o teléfono para contarme os seus Reis; a esta teoría, confésoo, non é alleo o repunante de Polis, que está convencido de que dentro de dous anos, o próximo que for impar, a señorita Kaplan non vai chamar até o día seguinte.

7 comentarios:

Raposo dixo...

Creo que o Polis non anda descamiñado coa súa teoría.

João Roque dixo...

Fartei-me de rir com o "Outro"...

zeltia dixo...

Non anticipe... xa sabe que a vida sempre nos sorprende. :)

vexo que hai máis xente que min que atopa razóns para voltar á cama despois de almorzar...!

Seguro vai gozar moito desa viaxe, apreixando cada instante, consciente como está que hai cousas que quedarán atrás... pero non sufra: virán outras, tamén lindas.
(eu dígoo por consolalo) jaja, sintome mala.

X dixo...

A preadolescencia da señorita Kaplan avanza fermosa e inexorable. Alégrese por iso, querido Kaplan.
E parabéns, mil parabéns para vostede pola "excelentísima" elección da imaxe do post. Vese que cando quere segue a saber facelo moi ben.
Saúdos.

peke dixo...

O tempo pasa e as cousas cambian. Sempre para mellor.

paideleo dixo...

A señorita Kaplan empeza a distanciarse e non hai que lle facer. Xa o tempo a volverá colocar no lugar correcto.
O Leo desfrutou máis cos Reis que co Papá Noel. O Apalpador quedou agochado nesta casa este ano a pesar do vídeo que circula por vaios blogos onde se demostra que non é un invento dunha " xentalla ".
Ánimo que empezou a conta atrás para os Reis que veñen.

Aldabra dixo...

non fagas apuestas, o que sexa será.

pode que chame como sempre o que o faga mais tarde, todo entra dentro do previsible... pero o caso é que chame e de seguro que o fará.

sempre.

biquiños,