luns, 31 de decembro de 2012

2013

Podo dicilo alto e claro, que non me vou equivocar: por moitas voltas que lle dea, este que termina foi un ano gris que deixou atrás un saldo raquítico e non só no banco, que tamén. Por primeira vez en moitos anos tiven que facer equilibrios repensando algunha compra, reducir a hipoteca sen contar co colchón da extra de Nadal, e pactar entre a familia os agasallos para que, máis que nunca, fose principalmente a intención o que contaba.
Tras a morte da tía O., da familia de meu pai resta un remol de intrigas e cobizas á galega digno dun serial televisivo, mentres a tía G., moi avellentada, avanza polos corredores da residencia co seu andador novo, e a meu pai algunha vez aínda hai que asegurarlle que a tía O. morreu hai oito meses.
Contra o que parecía, e apesar da teima con que reincido no de sempre, na miña vida non entrou ninguén novo que non habite en páxinas ou fotogramas, cunha soa excepción: a nova señora Haddock, que rescatou o meu amigo daquela serodia e crispante adultescencia e fai del hoxe un home traquilo e feliz. Ila coñecer hai un mes na Comarca, e descubrir que os tópicos nesta ocasión fallaban, foi o mellor dos augurios.
Cando reparo na señorita Kaplan, que aos doce anos e medio renega das mudanzas de primas e amigas como dunha enfermidade vergoñenta sen comprender que ela xa anda nas mesmas, ás veces miro ao ceo e aguanto as ganas de preguntarlle que fixo coa miña filla, onde a ten agachada. Pero outras, as máis delas, sigo recoñecendo a meniña aquela que se me viña meter na cama os domingos dicindo que era unha toupiña.
A semana pasada, cando estiveron aquí os Haddock coa filla de 15 anos e as dúas nenas tardaron en encaixar aínda que despois o conseguiron, e eu dixen que sería desexable que fosen amigas por se algún día se podían axudar unha á outra, Haddock retrucou en broma: Si, ao acabaren a carreira poden compartir apartamento cando traballen de caixeiras nalgún supermercado de Düsseldorf.
Polo si ou polo non, e á vista do que din os xornais, empezarei por desexar a todos un feliz 2013 (iso si, en alemán, e aínda que as badaladas e os fogos de artificio soen aquí como descargas de artillaría prusiana).


domingo, 30 de decembro de 2012

Axenda 2013

Anotar (xa) nos primeiros días de Decembro:

  1. Non coller máis lotaría que un décimo no traballo.
  2. Non mandar postais felicitando as pascuas.
  3. Comprar luces para a árbore (pero nunca máis nos chinos).
  4. Non bater dúas veces coa mesma pedra (aínda que, ben mirado, isto tamén o podo debo escribir no primeiro día de cada mes).