luns, 27 de febreiro de 2012

Fin

Disque hai un tempo para cada cousa, e que afinal todas as cousas acaban.
É así como a volta a Ithaca en 1.150 posts ve con este o seu final, seguramente definitivo e sen máis reincidencias.
Despois de máis de sete anos, até Kaplan sospeita que a naturalidade con que se narraban as insignificancias e neuras do día a día empezara a tinxirse de rutina, que as palabras espesaban, e que hai vida máis aló do blogomillo no que outrora foramos pioneiros ou case.
Aos amigos e amigas que asomaron a este tobo tantas veces e deixaron testemuño de afecto en miles de comentarios, ás autoras e autores dos blogs tan queridos e visitados por min como quen entra en casa de familia, a todos grazas e unha canción como despedida.
Até máis ver.

xoves, 9 de febreiro de 2012

Ormie

Mira ti que non me terei rido co cocho este desde que onte se me apareceu na consabida bandexa de correo cunha dedicatoria para os que, coma min, están condenados a unha dieta perpetua.

domingo, 5 de febreiro de 2012

Dejà vu

Sen dúbida porque en tempos de tribulación non cómpren as mudanzas, onte a festa de cumpreanos de Polis foi practicamente un calco da de hai dous anos, un completo dejà vu que esta mañá, cando recén acordado comecei a pensar como contalo aquí, até me tentou copiar aquel post, darlle un par de retoques e publicalo.
Unha vez máis estaban a procuradora dos tribunais, agora embarazada de sete meses pero con tal airbag que algúns tememos que rompese augas aquela mesma noite, o pediatra facéndolle olliños á futura clienta, o funcionario de xustiza con moita pluma, o perruqueiro novamente en paro, tres avogados, un deles o pai do nasciturus, e as acostumadas toneladas de comida de catering, os oceanos de cava e a torta riquísima de nata e morangos, nesta ocasión cun 47 desafiante chantado no centro.
Pero nin rastro do Funerario co seu traxe de raia diplomática; quen si estaba era Colacao, aquel divertimento adolescente de Polis, máis alto e máis medrado fisicamente despois dun lustro sen velo, que veu saudarme con desgana, mostrando unha cuarta dos calzóns por riba dun pantalón sen medo á gravidade.
Polis, fuxidío e máis frío que a noite durante a primeira parte da cea, só resucitou en parte cando o debate sobre a caza a Garzón e os chistes sobre o xenrísimo caldearon a mesa e espantaron a Colacao, que pediu permiso para ir xogar coa wii, coma un neno boíño, mentres os demais discutían cousas de maiores.
Entre prato e prato, a Deus puxen por testimuña de que non me iría daquela casa sen saber que me perdera neste último par de meses, pero o interrogatorio non ía ser nada fácil: como se o tivesen ensaiado, sempre aparecía un terceiro ou un cuarto cando Polis se erguía a por copas ou a fumar ou a levar bandexas á cociña. A única maneira, desde logo nada elegante, foi encerrarme con el no baño e esperar que se abrise, lentamente, coma un molusco e puxese en palabras o que xa supuña: se a vida fose cine, Manuel Bandera sería Polis e o que pasou practicamente cabería nunha copla.

sábado, 4 de febreiro de 2012

Frío siberiano

Atopo a miña irmá precisamente baixo o arco da Porta de San Fernando; ela vai para o traballo cargada de papeis e eu veño da libraría, de comprar un agasallo para Polis, que anda de aniversario.
Apesar do frío siberiano, é inevitable someterse a un terceiro grao: que por que ando coxo, que donde veño, que onde vou, que que levo na bolsa de plástico; non me solta se non lle explico que vou para a farmacia, que veño de comprar uns libros e antes aínda da podóloga, e que o puto pé me está a doer tanto que ben o cortaba se tivese unha motoserra á man.
Antes de separarnos, a miña irmá solta sen pensar esa frase que non se me vai da cabeza, e que máis que para un post daría para toda unha novela ou mesmo para unha tese de doutoramento: O último libro que comprei aínda o paguei en pesetas.
Así é como, inspirado polas palabras da miña irmá e coxeando sobre a banquisa de regreso ao tobo, concibo  unha idea maxistral: no sucesivo xa só regalarei libros.
Pode que non dea mellorado o índice de lectura  da miña contorna, pero  seguro que vou romper menos a cabeciña pensando que agasallo comprar a cada quen. 

venres, 3 de febreiro de 2012

Semestre de cine

Cando quixen facer aquilo de sempre das películas vistas no semestre pasado, un slide máis ou menos bonito que me servise de inventario sen ter que poñerme a unha sosa listaxe de títulos, descubrín con estupor que en poucos meses todo aquel sistema vai desaparecer, varrido polo vento do monopolio.
Así que, para evitar que me leve a corrente como disque lle sucede ao peixe que non nada, a min (que non nado nada) cumpriume facer desta volta unha película máis ou menos bonita que me servise de inventario para non ter que facer unha listaxe daqueles títulos vistos ou revistos, na que verán que, como sempre, hai de todo.
E a principal innovación, grazas ao Amo do Calabozo, o cine contido dentro dunha película muda.
Vexan: