luns, 31 de decembro de 2012

2013

Podo dicilo alto e claro, que non me vou equivocar: por moitas voltas que lle dea, este que termina foi un ano gris que deixou atrás un saldo raquítico e non só no banco, que tamén. Por primeira vez en moitos anos tiven que facer equilibrios repensando algunha compra, reducir a hipoteca sen contar co colchón da extra de Nadal, e pactar entre a familia os agasallos para que, máis que nunca, fose principalmente a intención o que contaba.
Tras a morte da tía O., da familia de meu pai resta un remol de intrigas e cobizas á galega digno dun serial televisivo, mentres a tía G., moi avellentada, avanza polos corredores da residencia co seu andador novo, e a meu pai algunha vez aínda hai que asegurarlle que a tía O. morreu hai oito meses.
Contra o que parecía, e apesar da teima con que reincido no de sempre, na miña vida non entrou ninguén novo que non habite en páxinas ou fotogramas, cunha soa excepción: a nova señora Haddock, que rescatou o meu amigo daquela serodia e crispante adultescencia e fai del hoxe un home traquilo e feliz. Ila coñecer hai un mes na Comarca, e descubrir que os tópicos nesta ocasión fallaban, foi o mellor dos augurios.
Cando reparo na señorita Kaplan, que aos doce anos e medio renega das mudanzas de primas e amigas como dunha enfermidade vergoñenta sen comprender que ela xa anda nas mesmas, ás veces miro ao ceo e aguanto as ganas de preguntarlle que fixo coa miña filla, onde a ten agachada. Pero outras, as máis delas, sigo recoñecendo a meniña aquela que se me viña meter na cama os domingos dicindo que era unha toupiña.
A semana pasada, cando estiveron aquí os Haddock coa filla de 15 anos e as dúas nenas tardaron en encaixar aínda que despois o conseguiron, e eu dixen que sería desexable que fosen amigas por se algún día se podían axudar unha á outra, Haddock retrucou en broma: Si, ao acabaren a carreira poden compartir apartamento cando traballen de caixeiras nalgún supermercado de Düsseldorf.
Polo si ou polo non, e á vista do que din os xornais, empezarei por desexar a todos un feliz 2013 (iso si, en alemán, e aínda que as badaladas e os fogos de artificio soen aquí como descargas de artillaría prusiana).


11 comentarios:

João Roque dixo...

Meu bom amigo galego
comungo dos teus receios em relação ao ano que agora entra, por tudo o que de negativo 2012 nos deixou.
Mas não quero deixar de desejar,apesar de tudo, saúde, amor e paz interior, apesar da mediocridade que nos rodeia.
Abraço.

mariajesusparadela dixo...

Bo ano, señor Kaplan.
Moito me alegra que veña de cando en vez.

X dixo...

Esta vez, e despois das insistencias sen resultado, si que crin que era unha despedida definitiva e que aínda que me parecía inxusta só me restaba asumila. Agora despois de lelo, realmente non sei que dicir máis que desexarlle que este 2013 sexa o mellor dos seus anos e grazas.

Aldabra dixo...

feliz 2013, logo... con recortes, co que faga falta... o caso é vivir para contalo.

biquiños.

La queue bleue dixo...

Ai, Kaplan, Kaplan, nom sei que nos dás ;-)
Concordo com Aldabra, o caso é viver. O ano que seja bom e se nom o é polas boas que o fagamos melhor dentro do possível.

Chousa da Alcandra dixo...

E se hai que felicitar o ano novo en chinés...pois faise!
(E non preocuparse polas cobizas e intrigas das partixas, que en todas as potas se cocen fabas...)

zeltia dixo...

Feliz Ano Kaplan!, (que próspero non llo podo dicir con tantos dereitos que perdemos, con moitos dos cidadáns encantados)

paideleo dixo...

Feliz 2013.
Creo que o merecemos todos.

X dixo...

Unha petición, que as entradas do seu ambigú se abran en pestana nova. Grazas.

Anónimo dixo...

Grazas, así é moito máis cómodo.
X

peke dixo...

A boas horas mangas verdes, dirá vostede. En plan Sancho digo eu: máis vale tarde ca nunca.
Feliz 2013 para vostede tamén. :)