venres, 24 de agosto de 2012

Seimeiras do Queixoiro

Este ano non houbo destinos exóticos.
Tampouco periplos lexendarios.
Teddy non tiña o forno sentimental para bolos e a señorita Kaplan, nunha desas ás que nos empeza a ter acostumados, afirmou que prefería descansar e coller forzas para o instituto, con tal énfase que máis parecía que a fósemos enviar á Lexión Estranxeira.
Así que, se descontamos a escapada de Xullo a Atenas para xantar con Ilu e as visitas virtuais a Cicely, Alaska, man a man coa nena cada día despois de cearmos,o único que quedou no fondo do cesto son as dúas visitas a Teddy na súa montaña: a primeira, con merenda campestre incluída a base de empanada de zamburiñas e tortilla de patacas, á Cortevella, onde nas beiras do recén nacido Eo e á sombra dos castiñeiros cumprimentamos aqueles amigos manchegos de Teddy; da segunda visita, ás soas con Teddy esta vez pola vila e logo polas beiras do Queixoiro até as seimeiras, que é como aquí chaman ás fervenzas, voltei marabillado e trouxen comigo un pequeno cargamento léxico da flora e a fauna, algunhas novidades intercambiadas co meu anfitriónque non veñen agora ao caso, uns poucos planos de futuro aínda moi difusos, e unha colección de corredoiras, e carpazas ou queirugas en flor, de uces montesías e vellos troncos afogados polo musgo, de humildísimas chantaxes, de felgos espectaculares, de trobos e de acivros que, se queren, podemos compartir.





18 comentarios:

Peke dixo...

As fotos, estupendas.
Que asisada semella a señorita Kaplan. Estará facéndose maior?

Chousa da Alcandra dixo...

Seguro que disfrutaron desa magnífica paisaxe que fan agromar as imaxes. Este verán, tan chuviñento, fixo das nosas chousas e bosques un verdadeiro verxel que enche os sentidos todiños.

Apertas

paideleo dixo...

Dá gusto aprender algo da man dun amigo.
Así que semieira, eh?. Hai que ver a cantidade de nomes que teñen as fervenzas en Galicia.

X dixo...

Boas fotos, non sabía que se lles chamase carpazas.
Saúdos Sr. Kaplan.

mariajesusparadela dixo...

Supoño que un verán coma éste, non é bo para o turismo, pero a min encántame ó pensar que, ainda que Feijóo restrinxiu fondos para os mentes, hanse manter sen arder este ano...
Preciosas fotos desta magnífica terra nosa (qué buen vasallo si hobiera buen señor)

mariajesusparadela dixo...

Montes.

Peke dixo...

Xa dixen que as fotos son estupendas? Si? Pois repítoo. :)

Aldabra dixo...

un viaxe tan espectacular como calquera outro... no sinxelo tamén hai moita beleza e moita grandeza.

unhas fotos fantásticas.

biquiños,

zeltia dixo...

vexo que ven marabillado do campo, do monte... non é para menos.
detrás de cada árbore un misterio; os pés no medio da vida.
as fotos son lindas, si, case parece imposible que non o fosen, non si?
:-)
Chámame o de "chantaxe", é nome popular da planta? E tampouco sabía o das seimeiras, primeira vez que o escoito,
e esa da foto, vese espectacular.
Unha envexa de escapada, sí, pode que máis que algún destino exótico

X dixo...

U-la a crónica do comezo de curso?
:-)

Anónimo dixo...

Dar sinais de vida non sería unha mala idea.
Xa sabe, rubideira teimunda, sempre.
Saúdos.
X

Anónimo dixo...

E os seus peixes teñen fame, e eu tamén.

Anónimo dixo...

Pregúntome canto tardará o sistema este en considerar que son un spam impertinente.

Anónimo dixo...

E se non tivese que ir traballar... tería que reler xa que nada novo ofrece.

Anónimo dixo...

Reler en moitas ocasións ten un plus de pracer porque engade ao lido a posibilidade de volver ao que un sentiu na primeira vez que leu.
Pero non nos desviemos do tema que nos ocupa.

Anónimo dixo...

E chegarei tarde sen poder ter lido nin unha soa palabra nova.
Adeus?
É esa a única palabra posible?

Anónimo dixo...

Que teña un bo día.
STOP

X dixo...

Tampouco é motivo para contar nada levar 4 días con 47 anos?
Si, parabéns con atraso, síntoo.