domingo, 19 de agosto de 2012

Herdanza

De rapaz era partidario de que fosen abolidas por lei.
Na miña inxenuidade, defendía que fose o Estado o único herdeiro de todas as fortunas, grandes ou pequenas, para que á morte dos titulares as revertese en beneficio de todos.
Claro que daquela o mundo era tan sinxelo que ninguén morrera na familia, e a señorita Kaplan non chegara aínda nin a ser soñada.
Desde que a tía O. morreu en Marzo sen testamento, a súa herencia ten a familia crispada     nun mar de conspiracións e intrigas telefónicas, onde as alianzas entre as cuñadas se tecen, destecen e cambian con rapidez bizantina, mentres se tramita a papelada e o prazo que dá Facenda se achega ao fin.
Calquera diría que está en xogo unha mina de diamantes, un palacete decimonónico, algún latifundio estremeño ou unha conta bancaria con dez cifras, a xulgar pola teima con que a tía C.,  a quen nunca lle cumpriu vivir nunha casiña de chocolate nin vestir abrigos de pel de dálmata para dar medo, estivo argallando medias verdades e débedas imposibles desde o Lado Escuro da Forza.
Todos seguimos atónitos.

6 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Síntollo moito, señor Kaplan.

mariajesusparadela dixo...

(O que sinto non é que lle morrera a tía, que tamén. O que sinto e que teña esa familia).

Peke dixo...

Resulta rechamante que os herdos saquen o peor de nós.

zeltia dixo...

pois déchesme onde me doe, que na miña familia pensaba que safábamos diso que se oe contar doutras... pero que va! o mesmiño.

que noxo.
pero é que cada un ten o seu sentido da xustiza... e...

Aldabra dixo...

non se amnole, Sr. Kaplan, parece ser que é lei de vida... non hai familia que escape desa cruz.

biquiños e paciencia.

Chousa da Alcandra dixo...

Veño tamén dar fe de que a súa familia non é rara avis por tal maneira de acometer os repartos de herdanzas. O raro, precisamente, é que non haxa liortas.

Non vos durmades, que Facenda ten as fauces moi afiadas con esto dos prazos, e setembro está á volta de folla de almanaque. Despois aínda vos queda a declaración de herdeiros, que tamén vai ser outra gaita, xa que en segundos graos ten que ser xudicial. E aínda que esa xestión non ten prazos, dille á tía C. que vaia preparando a carteira primeiro...)