venres, 3 de agosto de 2012

Agosto


Este blog está en barbeito e eu deixo correr os días entre procrastinacións, preguizas e abandonos, moi deste tempo; érgome cedo para almorzar pero paso as mañás na cama: cando non persigo criminais en serie polas rúas de Londres avanzo coas lexións de Roma, emperador tras emperador, ou navego as procelosas augas de Extramunde.
Antes de xantar dou unha volta polo centro, apostando contra min mesmo a que non atoparei un só coñecido neste deserto, e aplícome a facer recortes coma o elo na cadea de transmisión que somos todos: da libraría despedinme até Nadal comprando onte o último de Camilleri; renegociando os seguros do coche e a casa aforrarei á volta de trescentos eurazos, o que non compensa a extra suprimida pero alegra o ánimo.
Polas tardes, o desafío estes días é rematar a limpeza dos cristais que restan, pero martes houbo non sei que conxunción astral, e o visionario que hai en min alviscou que, movendo a mesa do estudio contra a parede, podía haber espazo para unha nova estante en que colocar canto libro hai arrumado por toda a casa. Agora o estudio está patas arriba, como se houbese mudanza ou entrasen os ladróns, e xa non sei se deixalo todo como estaba, ou abrir a man e gastar os cartos aforrados dos seguros nunhas cortinas e na libraría nova.
Por fortuna, a señorita Kaplan, que chama cada serán para comentar os (pobres) resultados de España nas Olimpiadas e contar como lle vai no curso de vela e na súa cada vez máis complexa vida social, pasa a quincena con súa mai.

5 comentarios:

Peke dixo...

Xa contará que tal lle pareceu a dúbida.
E anímese, anímese a poñer o novo moble agrupa-libros. :)

mariajesusparadela dixo...

As veces é bo deixar as cousas para outro momento.
Hai mais días que longanizas.

Aldabra dixo...

xa, xa, calquera cousa antes de limpiar os cristais...

aquí en Narón temos un Outlet de Pórtico Básico e hai moi boas oportunidades, seguro que aí tamén o tedes... en nadal comprei unha estantería e unha mesa por moi bó prezo.

biquiños,

Sigrid dixo...

Pois vaia,don Kaplan, que andamos vostede e máis eu cun agosto que, como veñen de contarme noutro sitio, non é máis que unha sucesión de trinta e un domingos...un espazo de silencios e tamén desa avidez dos retornos que dan pola estrea de cadernos e coleccionar fascículos...como se chamaba aquel disco que tanto me gustara hai anos? "August...and everything after". Pois iso: algúns pasamos o agosto agardando o que virá despois. Bicos e apertas

ospasos dixo...

Hoxe precisamente saquei eu o meu blogue de poesía do silenzo. E un dos poemas que han saír nos próximos días, fala do barbeito. E decidín que esta verba non me gusta, que prefiro a versión portuguesa: alqueive.

E sí, o alqueive lles presta aos blogues, parece que volta un con máis ganas...