venres, 20 de xullo de 2012

Manifestación

Durante todos estes anos eu non vivín por riba das miñas
posibilidades: teño unha hipoteca que pago devotamente cada mes e amortizo sempre que podo (este ano será menos porque, como é sabido, non me pagarán a extra de Nadal); non teño ningunha outra débeda porque nin compro a prazos nin uso tarxeta de crédito; non son moroso e nunca pedín un adianto nin recibín diñeiro inxusta ou ilicitamente; non maquino para eludir impostos e aboo puntualmente a pensión establecida para a crianza da señorita Kaplan; colaboro regularmente con dúas ONG e até separo o lixo para a súa reciclaxe.
Aínda así, son consciente de que pola avaricia de moitos e a incompetencia (cando non complicidade e aquiescencia) doutros, o noso país está a vivir algo máis que a resaca de tanta festa e tanto dispendio.
Hai dez días Ilu e eu comentábamolo durante o xantar en Atenas, naquel restaurante favorito noso da avenida da Habana: o fantasma dos anos 30 aparécese cada día nas noticias que nos chegan. Sendo certo que a Historia é cíclica, isto que estamos a vivir será para nós o que a guerra civil e a posguerra supuxo para os nosos avós; claro está que sen sangue nin bombardeamentos nin a horrible represión, agora asistimos atónitos ao final dunha época, e empezamos a sentir pánico do que está por vir, sabendo como sabemos, ademais, que será para peor.
Se onte saín á rúa xunto a tantos miles, non foi pola paga extra, aínda que tamén, nin siquera por considerar deslexitimado un goberno que incumpre sistematicamente todo o seu programa electoral.
Reclamo que se persiga o despilfarro e os despilfarradores, presentes e pasados, que se persiga a fraude fiscal con rigor e sen amnistías, que as grandes fortunas aumenten significativamente a súa contribución á caixa común, que se reorganice cabalmente a administración do Estado e se eviten os cotos privilexiados de poder e influencia dos partidos, e que se preserven ante todo a sanidade e a educación como bases irrenunciables de progreso e futuro.
É pedir demasiado? Polo visto, si.

8 comentarios:

paideleo dixo...

Eu estou nun caso parecido ao teu que non vivo por riba das miñas posibilidades e non debo nada. Bueno, si, quédanme cinco anos de pagar un piso de protección oficial a menos de trescentos euros por mes que supoño que pagarei. Maloserá.
Houbo muito espabilado e muito inocentón que viviu por riba das súas posibilidades e agora pasa o que pasa; que hai que sacar cartos de onde sexa. Cartos reais que aparecen en nóminas e así nos chuchan dende arriba o que poden e máis.
Non sei se remataremos entrando en guerra pero sei que todo vai mudar e que non será igual que hai cinco ou dez anos atrás.
Agora toca o " sálvese quen poida ".

João Roque dixo...

Tal como aí, eu peço o mesmo para o meu país; mas infelizmente os governantes que temos não são, de todo, um exemplo a seguir...

mariajesusparadela dixo...

Os que viven por riba das "nosas" posibilidades son "eles".

Peke dixo...

Eu atópome nun caso moi semellante ao seu (incluso colaboro con dúas ONGs); B quedará sen paga do Nadal; eu, polo momento, libro. Ata cando? Ata que decidan meterse coas pensións. Ai!

La queue bleue dixo...

Off topic: queda mais que confirmado que estou na pola e to add insult to injury o leitor de feeds tolea-me e pom-me como nom lidos posts de hai anos. Nom sei pode um fiar da tecnologia, como bem advertia a curta de hai uns dias. Enfim, as minhas desculpas e nom fagas caso, aqui nom passou nada.

xenevra dixo...

A situación económica actual non devén de que vivisemos por riba das nosas posibilidades, senón da mala xestión duns gobernantes ao servizo das multinacionais.
Chámanlle paga extra, pero non deixa unha das pagas regulares do ano. O soldo é anual, non mensual; logo cada empresa/organismo divide según acordase cos seus empregados. Oxalá fose algo extraordinario o recibido que non supuxese a nosa obriga de traballalo...
Nunca vira algo igual en Lugo. O xoves fiquei marabillada, asombrada, conmocionada e chea de ilusión de futuro. Sei que xuntos podemos parar isto.

Aldabra dixo...

eu tamén son como ti, non pago hipoteca porque vivo nun piso de meus pais pero pago unha letra do coche que tiven que comprar novo porque o outro que tiña dábame moito gasto que xa era velliño o pobre... ata coincidimos nas dúas ONG´s (Médicos del Mundo y Unicef)... tamén son funcionaria... e tamén saín a rúa polo mismiño....

teño medo do que está por vir porque vexo que se siguen a facer mal as cousas.

e mentras a ir capeando o temporal, non queda outra.

biquiños,

zeltia dixo...

suscribo todo o que vostede di
e ogallá tivera tanta fé coma Xenevra