domingo, 5 de febreiro de 2012

Dejà vu

Sen dúbida porque en tempos de tribulación non cómpren as mudanzas, onte a festa de cumpreanos de Polis foi practicamente un calco da de hai dous anos, un completo dejà vu que esta mañá, cando recén acordado comecei a pensar como contalo aquí, até me tentou copiar aquel post, darlle un par de retoques e publicalo.
Unha vez máis estaban a procuradora dos tribunais, agora embarazada de sete meses pero con tal airbag que algúns tememos que rompese augas aquela mesma noite, o pediatra facéndolle olliños á futura clienta, o funcionario de xustiza con moita pluma, o perruqueiro novamente en paro, tres avogados, un deles o pai do nasciturus, e as acostumadas toneladas de comida de catering, os oceanos de cava e a torta riquísima de nata e morangos, nesta ocasión cun 47 desafiante chantado no centro.
Pero nin rastro do Funerario co seu traxe de raia diplomática; quen si estaba era Colacao, aquel divertimento adolescente de Polis, máis alto e máis medrado fisicamente despois dun lustro sen velo, que veu saudarme con desgana, mostrando unha cuarta dos calzóns por riba dun pantalón sen medo á gravidade.
Polis, fuxidío e máis frío que a noite durante a primeira parte da cea, só resucitou en parte cando o debate sobre a caza a Garzón e os chistes sobre o xenrísimo caldearon a mesa e espantaron a Colacao, que pediu permiso para ir xogar coa wii, coma un neno boíño, mentres os demais discutían cousas de maiores.
Entre prato e prato, a Deus puxen por testimuña de que non me iría daquela casa sen saber que me perdera neste último par de meses, pero o interrogatorio non ía ser nada fácil: como se o tivesen ensaiado, sempre aparecía un terceiro ou un cuarto cando Polis se erguía a por copas ou a fumar ou a levar bandexas á cociña. A única maneira, desde logo nada elegante, foi encerrarme con el no baño e esperar que se abrise, lentamente, coma un molusco e puxese en palabras o que xa supuña: se a vida fose cine, Manuel Bandera sería Polis e o que pasou practicamente cabería nunha copla.

7 comentarios:

zeltia dixo...

mira que está guapo Manuel Bandera en esta película: ese corpo harmónico, ese buratiño no queixo...

(a polis estalle tocando sufrir un pouco, é o que teñen os amores. pero mellor iso que non estar seco coma unha mojama)

mariajesusparadela dixo...

Eu vin esa peli...

xenevra dixo...

Pagou a pena toda a festa, aínda que só fose por chegar á copla.
Por certo, creo que o cuarto de baño é o mellor lugar para as confidencias. As mulleres sabémolo dende hai moito tempo ;))

Aldabra dixo...

ai, esas festas dan para moito, ben, o viño tamén axuda.

bqñs,

pinguim dixo...

Adorei esse filme e cheguei a fazer um post sobre ele.
Não sei se viste?
http://wwwdejanito.blogspot.com/2011/04/las-cosas-del-querer.html

Jorge CimadeVila dixo...

Deja vus... Eu ultimamente teño o demo deles, case coma se moitos momentos enteiros me sucedesen antes en sitios que non estiven nunca. E coma se algo me tentase dicir "todo estaba predestinado a esto, o destino" Mágoa non saber que algunhas cousas ían pasar...

En fin.. Unha aperta!

Concha L. F. dixo...

Hai festas que case era mellor deixar de celebralas.

"Las cosas del querer" inesquecible. Sempre lle atopo un matiz novo cando a vexo...

Saúdos.