sábado, 21 de xaneiro de 2012

Robot

Xa está aquí, engulindo millas tobo adiante, e desde logo con bastante retraso por imponderables da oferta e a demanda, o último agasallo dos Reis Magos.
Non é un paxaro nin un avión, apesar das súas maneiras de mascota e a súa aparencia de ovni; ten un capó de liñas dinámicas, case felino, pero non deixo de achar en falta algún foco na proa, e a suavidade con que retorna á base para a recarga despois de cada expedición polos cuartos fai pensar en enterprises e nostromos.
Ten un mando para guialo, pero eu prefiro deixalo ao seu cando marcho para o traballo, así evito escoitar como ruxe polo corredor ou foza baixo as camas, como brúa ao se enfrontar ás alfombras, e como bate unha e outra vez, con teimosía de escaravello, contra paredes e obstáculos que se lle interpoñen.
Cando regreso, se a sorte permitiu que non se atascase baixo o sofá ou que non caese na rede de cabos que rodean a mesa do estudio, atópoo adormecido, acoplado á nodriza, coa luz intermitente do morro acendéndose e apagándose, coma un corazón.
Está claro que limpa pero tamén que somos pioneiros e que ao invento lle faltan algúns vraos: a caixa do estómago está rebordante de lixo e penuxes cada vez que a abro, pero el prefire as grandes extensións, coma os espíritos libres, e ignora os recantos, que logo hai que ir repasando.
O futuro xa está aquí e a vella aspiradora, chea de rancor, fai as maletas para emigrar ao rocho. Forever and ever.

7 comentarios:

Dilaida dixo...

Á hora de inventar podían lembrar de que ás maquinas non lles vería mal instalarlles unha música que axudara a suavizar o ruído e así fose máis soportable usalas. De todas formas debe ser todo un pracer chegar á casa e encontrala limpa grazas a unha máquina que traballa soa.
Bicos

mfc dixo...

E faz muito barulho???!!

Chousa da Alcandra dixo...

Se fai as camas, recolle a mesa e plancha camisas dareille unha oportunidade!

Chousa da Alcandra dixo...

Ah, e non viría mal que metese as cousas no lavalouza, que hai que ser enxeñeiro para acoplar as cazolas nel!

Apertas

Aldabra dixo...

pois eu aínda non o teño, son reacia ós cambios e ós aparellos pero de seguro que logo me embauca.

biquiños e a disfrutalo con saúde e sorte.

Raposo dixo...

O chirimbolo seguro que está ben, pero corremos o risco de volvernos demasiado preguiceiros. Enn fin, que o desfrute.

zeltia dixo...

eu vouno mercar como animal de compañía, que me enterneceu como falou del...

(estou asombrada co bo que foi vostede, que vaia reises lle trouxeron!)