luns 23 xaneiro 2012

Ensaios

Empeza unha nova temporada no coro e toca renovar o repertorio.
As novas pezas, dúas en latín e unha en alemán, son fermosísimas pero duras de roer; do Ave verum, o director explícanos que Mozart parece fácil pero que en realidade nanai, o que comprobo en directo en cada ensaio e en diferido cada vez que vou ao traballo, co dictáfono ao lado largando brancas e negras pola autovía; en canto ao Jesus bleibet de Bach, xa se encarga aquel idoma de atrapallar o que non está escrito.
Unha das cousas que máis me admiran é a fidelidade dos homes e mulleres que forman o coro: desde hai décadas acoden aos ensaios tres días por semana despois do traballo, sen importarlles o cansazo, o mal tempo ou que haxa fútbol na tele, como sucede moitos mércores.
A media de idade é alta, principalmente entre os baixos e tenores, o que non impide que ás veces surxan comportamentos de patio de escola, como cando o sesentón da miña dereita lle tira do pelo á soprano que temos diante ou lle toca no ombro para que pense que fun eu, que sigo cantando con cara de pau e reprimo as ganas de cascarlle unha falta de orde.
O director, como el mesmo nos di da música de Mozart, tamén parece fácil pero en realidade nanai: mantennos a raia con suavidade e paciencia, pero non cede; cando mira a fite para a zona dos baixos ou cando achega a cara como para descubrir quen botou un peido, sinto que involuntariamente me poño firme.
E así ensaiamos: verso a verso, primeiro por voces e logo todos xuntos, unha e outra vez, e daquela é como cando ao montar un puzzle encaixan as pezas todas e o que aparece adquire sentido e ademais é fermoso.

11 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Pois supoño que en un coro tan ben levado haberá peidos de tenor, de baixo, de soprano...e será doado saber de quen son, para un director con bo sentido musical.

pinguim dixo...

Não sabia que cantavas num coro; deve ser muito gratificante...

Concha L. F. dixo...

Pois o Ave Verum de doado non ten nada! Afina ben a orella! Tamén eu, na coral na que participo, ando con esta a voltas... E o peor é ir encaixando cada peza!

Parabéns por este "traballo" adicional. Cantar espanta males e illa a quen o fai da dura cotidianeidade. Merece a pena o esforzo!

Bicos e sorte!

Aldabra dixo...

que o ída decir, xa é vostede coroadicto.

e non é de extraño...

biquiños,

Peke dixo...

Soa moi divertido.

susana moo dixo...

Pois eu tamén me sorprendo (gratamente de imaxinalo tres tardes á semán entonando ¡a Mozart!
Fantástico.

zeltia dixo...

a min paréceme unha fortuna ter atopado unha ocupación que lle reporta emocións e satisfaccións... xa ve vostede: décadas!, así que cando vostede lle tire polo moño á de diante, haberá un "novatiño" a quen iso lle estrañe... para entendelo, probablemente precisará levar máis anos no lombo...!
fun escoitar as pezas que enlaza, e dende xa que ten toda a miña admiración.

xenevra dixo...

Non sei que terán os coros que tanto vician. Admiro a capacidade dos coristas para entoar todos á vez, sen querer ser máis uns ca outros, ou soar máis uns ca outros. Iso si que é co-laborar.
Noraboa

mfc dixo...

A música e o canto são formas de libertação, que apenas tem como função atenuar o cansaço.... daí que essa gente cansada saí menos cansada depois de uma sessão dessas.

X dixo...

Acabará como David? Non podo imaxinalo no coro por máis que o intento.

http://videosift.com/video/Michael-C-Hall-Singing-and-Dancing-in-Six-Feet-Under

zeltia dixo...

vese que os ensaios o teñen moi ocupado, que non postea vostede nada.