sábado, 31 de decembro de 2011

Tránsito

Non serei eu quen lle bote nada en cara agora que se vai: se algunha virtude tivo que lle hai que agradecer é a de non nos enganar con brillos e luciñas falsas como facían os que o precederon, sendo o espello que nos mostrou que os mercados poden máis que os gobernos, e que os xogos malabares dos políticos adormecendo a democracia e retorcendo as leis poden sufrir a resposta indignada dos cidadáns.
Vimos multitudes reclamando outro modo de facer as cousas, vimos prazas ateigadas de homes e mulleres que non pedían máis que honradez; vimos tamén caer tiranos, e mudar gobernos aquí e por todo o mundo; vimos palidecer a querida moeda, símbolo da Europa unida coa que soñábamos, e converterse nun símbolo de mercadeo e especulación; vimos desaparecer empresas que supúñamos invulnerables, e engordar como nunca antes cos nomes de amigos e coñecidos as listaxes dos desempregados; entre a desolación dos que perden as súas casas, dá case vergoña dicir que nos reduciron o salario, e que falta material para que fagamos en condicións o traballo encomendado cando as institucións de caridade e os comedores sociais non dan abasto.
Quero ser optimista, sen embargo, e pensar que, como das enfermidades os nenos, desta crise sairemos todos medrados e máis fortes, e que o momento convencional e insignificante de mudar os díxitos do calendario será en realidade o sinal de mudanzas máis profundas e favorables, o principio da prosperidade e a alegría.
Para todos, un feliz 2012. 

mércores, 28 de decembro de 2011

A mellor felicitación

Chegou onte á bandexa do correo, e o retraso, do que non se pode responsabilizar ao señor carteiro, ben se desculpa porque é sen dúbida a máis orixinal e simpática felicitación que recibín nestas datas.
Eis o tedes, o mito revisitado, actualizado e dixitalizado.

video

martes, 27 de decembro de 2011

Calendarios

Por primeira vez en moitos anos, a miña irmá non fará chaveiros nin bolígrafos nin camisetas de propaganda; tampouco encargou calendarios para repartir entre os clientes, nin con coches antigos nin con animaliños adorables nin con santos, e menos aínda con señoras con pouca roupa, como eu lle suxiro, que ao mellor son máis baratos.
A miña irmá enrócase e esbardalla contra os sociatas e os seus gromos verdes cun furor tan agrio, e con tal contundencia me chama funcionario que se me van as ganas de seguila vacilando, principalmente cando di que había que escoller: ou a merda esa dos calendarios ou uns agasallos de Reis como é debido.
O temporal amaina sobre a mesa, comemos turrón e eu sigo buscando un calendario.

domingo, 25 de decembro de 2011

Mañá de Nadal

Eis a secuencia da adoración dos pastores e os Reis Magos n'O Evanxello segundo Mateo, de Pasolini: ouro, incenso, mirra... e moita tenrura.

sábado, 24 de decembro de 2011

Noiteboa

Non hai criaturas pequenas ou insignificantes...

Cos meus desexos de paz, felicidade e harmonía para todos

venres, 23 de decembro de 2011

Por terras do Corgo

Entrar no coro a estas alturas do ano foi duro: estivemos cantando varias veces por semana e a min, que practicamente non coñecía nada do que cantábamos, cumpriume poñerme ao día a golpe de dictáfono camiño do traballo, ou na casa mentres corrixía e poñía as notas da primeira avaliación: da máquina sae unha banda sonora con interminables repeticións, correccións e advertencias do director, tusidos anónimos e até chistes rosmados a media voz polos venerables barítonos con barrigas de abade.
Herg dáme vaselina e dime que o peor xa pasou, como se temese unha renuncia miña, e seguimos camiñando, sobre a mesta alfombra de follas da carballeira de Santa Comba que envolve o muíño reconvertido en restaurante no que xantaremos para celebrar o final do trimestre e a chegada das vacacións; Cam e A. van diante; desde abaixo chega o fragor húmido do río Chamoso, que entre carballos e fentos enormes corre aínda adolescente, tolo por unirse ao Miño.
Despois visitaremos o muíño e o mazo da fragua, que o encargado poñerá a funcionar só para nós os catro: o bater da peza de ferro que remata o brazo rexo de castiñeiro é dunha contundencia encolle o estómago. Pero antes, ben sentados á mesa dun comedor elegante e cálido, demos conta dunhas anguías e da rosada carne dun galo campeiro.
Cando apareceu a cazola de barro coas gorentosas talladas sobre o mantel, A. pediulle ao mozo que estivese atento ao teléfono por se había algunha chamada urxente de Moncloa para nós, e aínda agora me dan ganas de rir ao lembrar a cara que puxo o rapaz ao pensar que tipos podían ser aqueles aos que servía.
Moito despois, cando xa admiráramos o funcionamento das poleas, o rodicio e as enormes moas, cando xa non quedaba país por arranxar, lástima que fose de noite, con A. coñecemos o vello muiñeiro retirado, que tivera tantas noivas pero quedou solteiro porque sempre llas levantaba algún máis guapo, demos uns codelos de pan duro a dúas fermosas eguas dun parente, visitamos tres cabras nun alboio, e vimos, por suposto sen invadirmos a propiedade, a ábsida románica da capela privada que, á maneira de novo Xanadú, un presunto delincuente de moda ergueu hai poucos anos para a primeira comuñón do seu fillo.

sábado, 17 de decembro de 2011

Pange lingua

Ten razón Zeltia cando se pregunta nos comentarios onde estaba ela para non enteirarse de que agora estou a cantar nun coro; o certo é que non quixen contar nada aquí até que o asunto callase, por se ao final me daban unha patada no cu (ou tres couces na garganta, como disque deu o infanzón ao Lopo jograr daquela cantiga de maldizer).
Tampouco contei nada na casa, con excepción da señorita Kaplan, e a reacción ao sabéreno foi como se descubrisen que a pobre velliña que pide esmola nas Cortiñas de San Román ten unha fortuna en accións ou que o señor do terceiro falsifica billetes de banco.
Agora a todos lles parece que se vía vir, pero se non chega a ser por Herg, que me falou de que faltaban voces masculinas no coro e unha tarde de hai un mes me pediu que a acompañase a un ensaio, eu non tería caído do cabalo nin andaría agora descoidando este blog (que fixo hai unha semana sete anos sen pena nin gloria); nin aturando a miña sobriña, que desde que me viu co smoking posto teima en que lle diga a cada momento Chámome Bond, James Bond; nin respondéndolle á miña irmá como á miña conciencia que se pode cantar o Pange lingua nunha catedral ou a Bar Mitzvah nunha sinagoga sen deixar por iso de ser un ateo recalcitrante, que o caso é cantar; nin enchendo a cabeciña con panxoliñas e gregorianos.
Para Herg, que é profesora de música, e para a señorita Kaplan, que desde pequena estuda solfexo e clarinete, todo é moi sinxelo, pero a min, que son un completo leigo, cómpreme aprender de memoria os cantos e a as músicas porque non sei ler as partituras.
Pero o caso é cantar.

venres, 9 de decembro de 2011

Carta


Querido Teddy:
Chegáronme as fotos que me mandaches, e chegaron ben. A única obxección son eu, que nalgunhas (case todas) parezo subnormal, principalmente esa en que estou sentado xunto á estraña máquina (que demos era, unha debulladora, un muíño, que?)  á porta daquela casa de Burón, pero enfín, haberá que asumir que é defecto do modelo. As miñas aínda non as descarguei, e seguen na cámara; cando as baixe (teño que facer un post xa!) mándoche as que non coincidan coas que tiraches ti.
Tamén me chegou a túa postal de Chaves, tan cariñosa e saudosa: non imaxinas canto agradezo eses detalles teus, eu, que son tan túzaro para estas cousas.
Repartín a lotaría. Por se non nos vemos antes e non che podo dar o recibo, anúncioche que xogas cinco eurazos ao número xx.xxx, que non é o que xogamos no Instituto, así que tes máis posibilidades de morder algo, porque nunca nunca nunca nos tocou nada (nin reintegro nin pedrea nin can que nos ladrase). É algo lexendario e xa hai un equipo da tele que está preparando un programa sobre o asunto, coa Milá á frente.
Sobre o coro: mañá espero ir comprar uns pantalóns de tergal (?) negros para o uniforme; a chaqueta póñena eles e a pajarita regálama un dos baixos, que é pequeniño e di que lle sobra esta porque é demasiado grande para a súa talla e parece que lle vai saír voando (textual); a encargada do vestiario alarmouse toda cando lle preguntei se valía que levase un pantalón negro e novo pero vaqueiro (total, como me tapan as sopranos), e dixo que de ningún modo; agora o alarmado son eu, porque a última vez que puxen un deses pantalóns de tea (non sei nin como chamalo, vese que me falta clase) foi o remoto día que casei.
Por outra parte, agradezo non ter que levar uns pantalóns onde antes habitou un señor descoñecido, vivo ou morto; debe ser que, como só teño unha irmá, me falta o costume de herdar a roupa doutros.
O xoves cantamos naquela igrexa que che dixen: saíu estupendamente e, aínda que sigo encantado con estes mesteres cantores, resulta cada vez máis evidente que a miña voz non é de tenor senón de baixo porque non dou chegado ás alturas dos tenores; tanto é así que o que tiña ao lado se deu de conta e o comentou despois, cando todos tomábamos unhas tazas, así que a semana próxima parece que o director me vai facer outra proba para ver se me cambian de corda. Mentres, síntome coma o pitiño á espera do sexador que o defina. 

Polo demais, todo ben, coa mesa ateigada de exames por corrixir e unhas ganas tolas de vacacións.

Recibe un bico cariñoso, etc.

luns, 5 de decembro de 2011

A bicha

A ver, que levante a man aquel a quen non lle pasou isto algunha vez...

video

sábado, 3 de decembro de 2011

Sine die


Todas as familias felices se parecen, pero as infelices sono cada unha á súa maneira. León Tolstoi afirmou isto hai século e medio, e eu, serie a serie, capítulo a capítulo, teimo en demostralo; así que despois dos Fisher e os Soprano, desde onte á noite os Tudor deambulan polo meu salón para me acompañaren nas longas noites do inverno que entra.
Pura cortesía de Polis, o gran fornecedor, que o outro día me prestou a serie completa con moitas recomendacións e ollos en branco. Había un século que non nos víamos, e combináramos para xantar nun sitio con bufé que a el lle recomendaran pero que ao final acabou deixándonos bastante fríos, case tanto como o día neboento e a propia comida exposta, cociñada ou non, que un ía botando no prato e levaba para a mesa ou para a grella, a que a fixesen.
Á falta de chamadas, sms conmemorativos ou calquer outro sinal, supuxera eu xa que a Polis se lle esquecera o meu transbordo á ruta dos 46, ou que dera por sentado que xa non cumpro anos despois dos 45, como lle ocorre á miña irmá.
Pero non: na bolsa de papel non só cabían Henrique VIII e todas a súas mulleres senón tamén o meu agasallo de anos, que Polis me deixou no asento para verme chimpar tras sentar nel cargando cos víveres: ese pack de catro discos coa recompilación póstuma das cancións da defunta Amy, que onte soou no coche baixo a choiva ao ir buscar á señorita Kaplan, e que agora soa no estudio mentres isto escribo e ela no seu cuarto resolve esas terribles divisións con decimais.
Co pretexto do Nadal, Polis e eu despedímonos sine die: cada vez hai máis distancia entre os nosos encontros, que seguen sendo cordialísimos, pero as nosas proas apuntan a distintos nortes; entre noticias de EREs sorprendentes e especulacións sobre as políticas do novo goberno, unha e outra vez asomaba o traxe milraias do Funerario.
Nunca viviremos xuntos, declara Polis atacando unha patética peza de comtessa no seu pratiño, pero xa non me preocupa o que pensan os viciños do coche fúnebre que me dorme moitas noites diante do portal.