luns, 31 de outubro de 2011

Todos os Santos


Como cada ano, estes días toca visitar os defuntiños.
Coa mesma antelación de todos os anos para evitar aglomeracións e atoramentos automobilísticos nas proximidades da necrópole, alá nos fomos onte, mirando ao ceo por se chovía, e cargados de ramos de flores brancas e amarelas para ilos distribuíndo polos cinco panteóns que gardan cinzas familiares. 
O procedemento sempre é o mesmo, ano tras ano: para as tumbas dos avós van os dous ramos máis grandes, que a miña mai coloca minuciosamente despois de limpar flores vellas e lixos que o vento esparexeu sobre a lousa, e antes de debullar unhas cantas oracións que meu pai e eu nunca lle acompañamos: o rasrás dalguén que esfrega noutras lápidas parece que lle desgasta a voz que reza e despois, antes de marcharmos, encomenda e explica cousas aos avós como se estivesen vivos, algo que eu nunca comprendín.
Seguimos co reparto polas outras sepulturas: agora os ramos son máis pequenos e a oración é máis rápida, sen encomendas; a fin de contas son cuñados e non hai vínculos de sangue, e iso para miña mai é definitivo.
Cando voltamos para o coche, só restaba o feixiño de crisantemos atado ecoloxicamente cunha rama que ela reservou para lembrar o tío H. no mesmo lugar do río en que hai mes e medio lle esparexemos as cinzas; antes de acender o motor aínda tratei de disuadila pero non houbo argumentos que valesen: nin que a corrente xa dispersou as cinzas nin que botar flores no río é antiecolóxico, así que me conformei con lembrarlle que non é ningunha Catwoman para empoleirarse no caneiro e facerlle prometer que se limitaría a botar as flores, elegantemente, desde arriba.
En realidade non ía ser necesario porque, como vimos en canto chegamos á ribeira, as choivas da última semana subiran aceptablemente o nivel das augas, e xa corrían alegremente sobre o caneiro e cubrían as rochas, os toros das árbores da ribeira e as represas que daquela asomaban, impudicamente, á vista de todos.
O ramiño de crisantemos brancos e amarelos flotou varios segundos e, antes de que a miña mai acabase as oracións, xirou arredor de si bruscamente para desaparecer río abaixo, levado pola corrente.

sábado, 29 de outubro de 2011

Claustro


Martes reuniuse o claustro e, sen grandes discusións nin polémicas, adoptou a decisión de que este curso non faremos actividades extraescolares en protesta contra os axustes da Consellaría; por contra, do referéndum convocado polo sindicato para esa mesma mañá nunca máis se soubo.
Votei a favor, pero son escéptico: non me parece que vaia haber, como algúns colegas argumentaban,  ningunha reacción pola perda de ingresos de empresas de autobuses, museos e hoteis, nin polo descontento das familias de  rapaces que xa non enviaremos a parques eólicos, toledos ou ribeiras sacras.
Pareceume ver a decepción nas caras dos docentes novos; ao saírmos, Cam puxo en palabras o que eu estaba pensando, que con axustes ou sen axustes a nós hai anos que non nos pillan de excursión nin fartos de viño malo.

luns, 24 de outubro de 2011

Evidencias


Onte á noite deixei as persianas abertas porque sabía que hoxe non entraría o sol a espreguizárseme no salón con outro dos seus acostumados incendios, e así foi: fóra chovía por veces mainiño e por veces cunha teimosía hostil e case bélica.
Desde hai tres días un letreiro no portal avisa de que a calefacción xa está acesa; desde hai dous, os edredóns de inverno cobren as nosas camas, e esta mañá se non fun para o instituto en mangas de camisa xa non foi porque o marcaba o calendario.
Levo todo o día coas mans frías, e iso, señores, é definitivo.

domingo, 16 de outubro de 2011

Venres

Xantei con Tere Holmes na terraza traseira dun restaurante intramuros, un local con mobiliario moderno e cheo de estilo; sinónimo, pensei, de grandes pratos con pequenas doses e altos prezos.
Se foi así, non o notamos: pedimos os pratos do menú (froitos escabechados da ría, cazola de coello con chocos, e unha gorentosísima sobremesa de crema fría de cabaza con chocolate branco e areas de té verde) e demos conta dun godello ben frío mentres a conversa se inzaba progresivamente de médicos, medicamentos e podólogos; aquela mesma mañá a doutora felicitárame como a un neno boíño polo meu éxito na represión da glicemia e a perda de peso, e eu estaba pletórico pero medio cego, coas pupilas dilatadas tras a visita da véspera ao oculista.
Como falando do Neolítico, Tere e eu recordamos aquel tempo en que o grupo se reunía cada  sábado ao serán para tomar os viños e ninguén sabía cando se iría para a cama, e pasamos lista sen pena nin gloria a un conxunto de nomes que agora son pouco máis do que iso, nomes; de moitos non temos máis proba de vida que os emails con presentacións de powerpoint místicos e chistes verdes que reenvían puntualmente; doutros, nin rastro hai; fálolle a Tere Holmes da adultescencia de Haddock, e ela cóntame de Vapin que pechou a tenda onde traballaba e hai meses que está no paro, e que Estridente non é a mesma desde que naceu o neno e do que gaña ela teñen que vivir os tres, así que saen pouco e marchan rápido co pretexto de que hai que bañar e darlle a cea ao cativo.
Cando nos traen a conta rifamos tanto por quen ía pagar e por quedarmos para xantar outro día que non nos damos de conta até estarmos fóra do restaurante de que os dous billetes de vinte euros, propina incluída, que deixei dentro da caixiña de madeira escura non podían ser suficientes para pagar aqueles dous menús e o viño, por moito que o dixese a nota.
Fomos varias veces rúa arriba e rúa abaixo, hamletianamente dubidando se volver ou non ao lugar do crime; ao final, foi o demo quen nos asubiou na orella e marchamos; o remorso, se o houbo, acabou afogado nun café con xelo á sombra, xunto a un parque infantil que Tere aínda frecuenta cos sobriños e do que a señorita Kaplan xa só sente saudades.

sábado, 15 de outubro de 2011

15-O

Copio e traduzo do blog de Ignacio Escolar as sete razóns polas que apoio a mobilización global de indignados convocada para hoxe nos catro puntos cardinais e en demanda dun mundo máis honesto, máis xusto, e mellor.
1. Porque non me resigno a que desta crise só poidamos saír abaixando a cabeza, apretando os dentes e renunciando ao que tantos anos custou construír.
2. Porque non foron nin os traballadores nin os parados nin os profesores nin o seus alumnos nin os médicos nin seus pacientes nin os pensionistas nin os nosos fillos quen afundiron a economía. Pero si son eles, somos nós, os únicos que o imos pagar.
3. Porque quero un modelo fiscal onde cada quen aporte segundo a súa capacidade e cada quen reciba segundo a súa necesidade. Porque exixo ese “sistema tributario xusto, inspirado nos principios de igualdade e progresividade” que me prometeu o artigo 31 da Constitución.
4. Porque a Constitución tamén me dixo que “a soberanía nacional reside no pobo español”, non no Banco Central Europeo ou en Wall Street.
5. Porque se hai diñeiro público suficiente para volver rescatar os bancos, as caixas ou os seus millonarios directivos, tamén debería habelo para axudar esas familias hipotecadas que o perden todo por non poderen pagar.
6. Porque as desigualdades económicas aumentan e eu négome a que sexa a eficacia, sen a equidade, o único patrón para medir o éxito dunha sociedade.
7. Porque talvez no sirva de nada. Porque talvez nada vaia cambiar. Porque pode que só nos quede a protesta e a palabra. Pero o que seguro que será completamente inútil é quedarmos na casa e esperarmos sentados a que todo se solucione sen más.
Por estes sete motivos, e outros moitos máis, este sábado 15 de outubro estarei na rúa para pedir ao mundo un cambio global. Un cambio a mellor.

mércores, 12 de outubro de 2011

Crónica sanfroilaneira

Ao final non puido ser e non tivemos convidados: a cubana segue á espera da autorización para saír da illa, e a véspera da viaxe aquí do pai e a filla, a morte do pai de Salce puxo os plans patas arriba e a Haddock na tesitura de acudir a dar os pésames a unha familia que o odia e facerse cargo da nena nos devires do velatorio.
Quen si veu, faltaría máis, foi a señorita Kaplan, que gastou parte do recadado á familia en pulseiras de cunchas subsaharianas e en montar, como cada ano, na barraca das seis dimensións.
Xantamos o polbo co resto da familia, como manda a tradición: ben apretadiños na multitude de comensais nativos e forasteiros, falando a berros para facérmonos entender no ruído ambiente, e cocéndonos lentamente porque a calor, dentro e fóra da caseta, era tamén subsahariana apesar dos ventiladores.
Tomando esa purrela que nos poñen por café de pucheiro, vemos entrar a Polis nunha nube de avogados e procuradores; saudámolo ao pasar, pero el non se conforma e fai levantar unha fila de cadeiras para achegarse e repartir bicos nos dous lados da mesa entre a miña mai, a miña irmá, a miña sobriña e a miña filla, saúda formalmente a meu pai e fai que lle presente a meu cuñado; dime que non sei o que perdín non indo ao concerto de Luz, e para demostralo tira de móbil e pídelle a miña sobriña que lle busque as fotos porque está sen gafas: non hai dúbida, todos comprobamos que son el e o Funerario, un a cada lado de Luz, sorrindo tan tranquilos como se os tres fosen colegas de toda a vida.
Polis ten corda para horas, pero chaman por el desde a mesa da xudicatura e marcha, volvendo levantar sen remorso a fila de comedores de polbo mentres me fai xurar que pola noite levarei a nena ao concerto de Los Diablos.
O que non sucedeu porque ela non quixo: o frío do serán non axudaba precisamente, pero a señorita Kaplan empezou a facer corpo co sofá a media tarde, primeiro xogando á wii e logo comprobando que xa non teme a repulsiva Bruxa Mala do Oeste como a outra vez, con catro anos, en que tapaba os ollos sempre que a Bruxa aparecía e aínda así despois tivo pesadelos.

venres, 7 de outubro de 2011

Moeda

Da viaxe a Estambul do ano pasado con Teddy quedábame unicamente unha moeda de 50 kurus, ou o que é o mesmo, media lira turca. Falo, naturalmente, de recordos materiais; dos outros gardo aínda centos de fotos no corazón da memoria externa, así como outros centos de recordos, imaxes e sensacións no corazón e na memoria miña.
Salvo polas imaxes do anverso e o reverso (a efixie do paiciño Ataturk e a ponte sobre o Bósforo) e polo seu valor, que rondará os 25 céntimos nosos, a tal moeda é idéntica á de un euro, como puidemos comprobar Teddy e un servidor cando recén chegados a Madrid a máquina de bebidas do aeroporto nos soltou as botellas de auga sen protestar, facéndonos felices de compralas tan baratas.
A última de todas deixeina desde aquela no coche para usar cos carros do supermercado; un souvenir útil e práctico como poucos dos que se adoita traer e recibir de viaxes propias e alleas.
Todo isto para contar que hoxe mesmo, nun momento impreciso en que deixei o carro abandonado nalgún dos corredores do supermercado mentres compraba, sen nocturnidade pero con aleivosía e probablemente premeditación, persoa ou persoas decoñecidas roubaron a prezada moediña turca da rañura en que estaba encaixada.

luns, 3 de outubro de 2011

Calor

Lembra a miña mai que, sendo nós pequenos, ía tanta calor un Domingo das Mozas que toda a familia decidiu romper a tradición e acordaron fuxir das barracas  e dos temibles parentes da aldea xantando o polbo á beira do Miño.
Naquel tempo sen coches, cando chegaba o Verán, os lugueses pillaban o bus e ían de merenda aos prados da Tolda e as Saamasas; cargados con toneladas de comida, garrafóns de viño, parasoles floreados, mantas nas que deitarse sobre a herba, nenos, sillas encartables e demais impedimenta nómada, serían dignos figurantes dunha película do neorrealismo italiano.
A miña mai lembra tamén que aquel tórrido Domingo das Mozas campestre acabou en treboada e diluvio, con todas as merendas levantadas á présa e a xente correndo nunha revolución de mantas e parasoles e nenos que quedaban atrás e fiambreiras abandonadas na estampida ao autobús.
De facerlle caso, non será cousa do cambio climático o anticiclón que converte a cidade nestes días previos ao Sanfroilán nunha forxa e aos seus poboadores e visitantes en tristes sombras suorentas.
Tampouco daquela será cousa da crise o decepcionante programa das festas, de perfil máis ben baixo,  con só dous concertos destacados e de pago, nin o sorprendente cartaz anunciador, coas rodas de polbo sobrevoando a cidade intramuros como naves interestelares en misión de recoñecemento.
Aínda así, para o fin de semana próximo estarán a señorita Kaplan e os Haddock: o pai, a filla e, se as autoridades da illa o permiten, a máis recente señora Haddock na que será a súa primeira visita á terra dos seus devanceiros.