segunda-feira, 27 de junho de 2011

Explicación

Como aquel alcalde de Villar del Río, tamén eu vos debo unha explicación pola miña ausencia de todos estes días, tanto neste blog como nos comentarios dos vosos, e esa explicación que vos debo vóuvola pagar: O meu sufrido portátil colapsou ou algo a semana pasada e entrou nun estado de inactividade moi semellante á morte do que non o dan sacado nin ameazas nin súpricas.
Como quen ten unha irmá ten un tesouro, desde esta mañá podo polo menos conectarme á Rede e resolver a papelame que trae aparellada o final do curso (memoria, follas de cálculo, exames de setembro, listaxes de suspensos e aprobados e outras farragosas inutilidades); o que miña irmá me deixou para saír do atranco é un portátil deses pequeniños, como de xoguete, no que hai que teclear con pericia de ourive e moita paciencia, e que terei que devolverlle o antes posible.
Nuns días saberei se o pobre ordenador ten cura ou se, como parece, seguirá no seu coma interminable e, sen ningunha ganiña pola miña parte, me cumprirá substituílo por un novo que probablemente non me durará outros seis anos e medio.  

quinta-feira, 23 de junho de 2011

Once anos

A señorita Kaplan está de aniversario:
Once son os que cumpre, como sempre  en pleno fragor do final de curso (chamou onte para contarme das súas notas, case inmellorables), nas vésperas do san Xoán (lembramos tamén cando hai dous anos fomos á verbena que nos plantaran ao pé da casa e comemos cadansúa sardiña e bailamos ao son da pachanga), e en pleno debate sobre as vacacións (organizar as axendas para que viaxe a Venecia comigo e a Londres con súa mai o mesmo mes non é tarefa doada),
Cómpre aproveitar o momento: a señorita Kaplan medra aparentemente máis rápido que nunca; segue a ser a nena de sempre, pero os cambios e as mudanzas comezaron e avisan sen dúbida posible de que a adolescencia se achega xa para instalarse.
Un ano máis, meu amor, feliz aniversario.

domingo, 19 de junho de 2011

Punto de fuga

Despois destes fríos,  hoxe o día está tan soleado que me dá pena seguir encerrado na casa, debruzado sobre o mar de exames que estou a corrixir, mentres desde a xanela vexo romanos e romanas de medio pelo dirixíndose á urbe, plenamente actualizados pero polo menos sen levaren as bolsas do Gadis, como onte.
Desde que o Venres fun á consulta co papeliño en que tiña anotados os valores diarios da miña tensión e me receitou un diurético, vou ao wc máis veces que un xubilado.
A señora doutora, arxentina probablemente, quitoulle ferro ao asunto, pero falou xa de dieta e ordenoume facer unha ecografía abdominal e análises de sangue e urina.
Pero hoxe o día está tan soleado que teño que fuxir da casa sen remedio; en media hora terei á porta a Polis co batmóbil. E é que nos dixeron que en Portomarín estes días o nivel das augas está baixo mínimos e que a vella vila mergullada se deixa ver como nunca.
Mañá mostrareilles aquí os resultados.

quinta-feira, 16 de junho de 2011

Belicoso

O que máis me gusta de onde vou cortar o pelo é que, como no chiste do funcionario, se me dan hora ás catro e me presento cedo, normalmente ás catro menos dez estou listo e de volta na casa.
O que menos me gusta é que o señor barbeiro teima en falarme de cando fixo a mili en Jaca, manobras e imaxinarias incluídas. Hoxe, para variar, deulle por describirme tesouras en man o ben que lle sentan a couraza, o elmo e os faldróns que vai vestir este finde cando se converta en lexionario, esta vez polas rúas e prazas da Bimilenaria.
Que de que me vou vestir eu, pregúntame mentres lle pago, e eu respóndolle que de romano do futuro; pois que aburrido, replica o belicoso barbeiro lexionario.

sábado, 11 de junho de 2011

Maldicións

Maldito costume o de poñer nomes neutros e politicamente correctos aos centros de ensino. Revisando as listaxes dos traslados (si, non tiña mellor cousa que facer) descubrín que o antigo Piringalla de F.P. se chama agora Muralla Romana, como se fose un hotel ou un restaurante especializado en bodas.
Non debe ser alleo tampouco á redenominación o espirito prolatino que varre desde hai unha década esta cidade en que vivo, e que ten a súa eclosión petarda e kitch no Arde Lucus que, tempus fugit, novamente tomará as rúas de intramuros nunha semana a contar desde onte.
A cuestión está agora en se me exilio na Comarca como hai un ano ou se, facendo de tripas corazón, invito a Haddock a mergullarse na mai de todas as horteradas.

terça-feira, 7 de junho de 2011

M.


Teddy está triste: a súa amiga M. morreu porfín, e cando Sábado á mañá chamou para contarmo, aínda sen asimilar a noticia, os dous nos alegramos por ela. Que non ían ben as cousas xa se sabía hai meses, cando os médicos descubriron a metástase e o novo tumor, desta vez na cabeza. 
A doenza non foi clemente, e Teddy, que acudía con frecuencia ao hospital, ultimamente reducía as visitas para non ver aquela devastación. 
Que M. era unha muller excepcional máis alá do que Teddy me levaba descrito comprobeino cando a coñecín en Novembro e conversamos durante horas, como se nos coñecésemos de sempre, baixo a follateira dourada da súa viña e ao pé do lume en que, como contei aquí, ardían os talos de figueira.
Non a enterrarán en Vilanova. Coherente até o fin, laica e rebelde, conta Teddy que o furgón dunha universidade recollerá en poucas horas aquel corpo que foi campo de batalla, para que nada, enfín, resultase inútil.

quinta-feira, 2 de junho de 2011

Gripe

Levo cinco días encerrado no tobo.
O diagnóstico é gripe, ou algo parecido escribe con letra de insectos o médico noviño que me atendeu o Domingo; o día antes fora poñéndome malo á medida que pasaban as horas e ían asomando os síntomas, un após outro, coma as pragas de Exipto: tose, rouqueira, esbirros, lumbalxia...
O Domingo tras o almorzo vou a urxencias; o médico, ao mellor por coherencia con elas, empéñase en tomarme a tensión sen que tire a camisa e montamos un pequeno número na padiola mentres me axuda a soltarme daquela manga; saio da consulta cargado de receitas e desconcertado: por un lado, teño a tensión alta e cómpre que a controle; por outro, o médico asegura que nunha semana estarei perfectamente, pero só me dá tres días de baixa, que naturalmente acaban o Martes.
E sucede como coa camisa, que perdemos o tempo en lugar de gañalo: cando volvo pola alta, outro médico (tamén con nome de culebrón  pero cunhas horribles  uñas, todas roídas) prolóngame a baixa cinco días máis, de maneira que son eu quen acaba pedindo desculpas e dando explicacións telefónicas ao falar co xefe para anunciarlle que até a semana non me verán o pelo no instituto; sei que os silencios ao outro lado da liña protestan contra unha baixa sen substituto a estas alturas de curso, pero o xefe di cousas como que o importante é que me poña ben, e eu vólvolle dicir canto o lamento, principalmente polo bacharelato, e el dime outra vez que non me preocupe, e eu lamentaríame de novo pero colgamos e chamo a Cam para que me entregue no instituto o segundo parte de baixa, e vou á farmacia a comprar aínda máis medicamentos con sabor a laranxa, a anís e a menta, e un deses medidores electrónicos, porque a tensión segue alta e o médico das uñas roídas prohibiume as olivas e os embutidos, recomendoume moderar o consumo de sal, e mandoume que a mida dúas veces ao día para comprobar se definitivamente son hipertenso ou se é só un simple episodio.
Hoxe conservo algo de tose e a voz non é aínda o que debería, pero o peor segue a ser o isolamento, que hoxe romperei porfín para ir xantar á de miña mai. Acábanseme as lecturas e os víveres, principalmente os frescos, e mañá porfín virá a señorita Kaplan.