Páxinas

domingo, 27 de marzo de 2011

Testamento

Onte tocaba visita ao tío H., o irmán da miña mai, e aló nos fomos: en lugar do queixo, o pastel e o xerriño de mel levábamos un prato de filloas, un cartón de tabaco e dous puros da boda de Carlos e Vero, clientes do meu cuñado, que está a deixar de fumar.
Sentamos con meu tío naquela sala en que o tempo se detén e, dando un pinchacarneiro, salta para atrás mentres os dous irmáns falan dos pais e dos avós, daquela noiva que el tivo e dos amigos do bacharelato, todos mortos ao parecer; meu tío, coa barba longa e grisalla ao Walt Whitman que non convence nada a miña mai, declara que está preparado, que un día destes foi ao notario facer testamento, que hai un traxe no armario e cartos na caixa de aforros para o enterro, e que quere ser enterrado xunto aos seus pais.
Non quere nin cura, nin esquelas nin flores, pero si un gaiteiro que lle toque no cemiterio a Alborada de Veiga e mailo Himno; para daquela a miña mai xa esqueceu a non coidada barba pondaliana e o aspecto de bardo do meu tío, e cando voltamos vén rosmando no coche que seu irmán definitivamente perdeu a cabeciña.

mércores, 23 de marzo de 2011

Liz Taylor (1932-2011)


Poderemos discutir se era a máis fermosa (e a súa beleza, á vista está, mesmo doe) ou só unha das máis fermosas; posiblemente diremos tamén que foi un dos temperamentos máis difíciles do cine, cos seus oito casamentos e as súas adiccións; lembrarémola xunto a Burton no papel couché, entre decorados exipcios ou na angustiosa sala de estar en que se odiaron para o público; talvez nos conmoverá recoñecer na mociña de Lassie e na deslumbrante gata sobre o tellado a anciá en cadeira de rodas que loitou por que a SIDA non fose invisible; dirán algúns que acabou converténdose nunha caricatura dela mesma, e lembrarán quizás con emoción o tempo en que ela soa enchía a pantalla co seu talle imposible de vespa e os seus ollos cor violeta.
Din os informativos que hoxe morreu Liz Taylor.

martes, 22 de marzo de 2011

Recomezando


Hai xustamente unha semana, ao querer entrar en Ithaca atopei que toda a miña conta fora inhabilitada: sen previo aviso e sen outra explicación que un máis que difuso incumprimento das condicións de uso. Oito días despois, a conta segue inhabilitada, e se á sorpresa sucedeu o encabuxamento, tras deste veu a resignación e o aggiornamento.
Sigo convencido de non ter incumprido ningunha das normas, e de que a decisión da todopoderosa Google clausurando o traballo de máis de seis anos no meu blog foi arbitraria, absurda, desmesurada e irrespectuosa coa propiedade dos meus textos. Con Ithaca desapareceron outros blogs: un que pronto pensaba abrir, con só as miñas fotos, e a Caixa B, o almacén de imaxes, textos en espera, recursos da rede, enlaces e artigos que me interesaban.
A sorte quixo que puidese salvar a maior parte do blog de Robinson grazas a que, por curiosidade, o exportara hai unhas semanas; aínda así, perdéronse na deblacle os enlaces e grande parte das imaxes que ilustraban os posts pero afortunadamente salvei do desastre os textos, os vídeos e os vosos comentarios, meus amigos.
Como despois dun incendio ou dun naufraxio, pensei que facer: tentoume abandonar, efectivamente, pero non atopei razón verdadeira; gústame demasiado isto como para deixalo, e esa sensación de darse por vencido á primeira vai pouco comigo; ademais, proíame esa desaparición á flamenga, sen despedidas nin explicacións, como de bandido.
Reabro hoxe, oito días despois, como Reincidente, cun formato provisional e outro enderezo, pero no mesmo sitio, mal que me pese: procurei por aí outros formatos e plataformas de bitáculas, e en ningún atopei o xeito que atopo na madrastra Blogger, ao mellor porque, como disque declarou unha vez a Raíña de Inglaterra, son xa demasiado vello para cambiar de cabalo.
Grazas a todos por seguir contando comigo.

martes, 15 de marzo de 2011

Homeless


Sigo conmocionado: coa conta unilateral e inexplicablemente deshabilitada, agora son un homeless.

luns, 14 de marzo de 2011

Reincidente

Copio do dicionario: "reincidir v.i. Incorrer de novo nunha falta, erro ou delicto".

Sen premeditación nin aleivosía, con moita nocturnidade, reincidín; volvín bater na mesma pedra: de novo alguén do traballo que un día destes se irá de aquí, de novo unha muller casada, por moito que unha vez hai séculos esa muller e eu, daquela case dous adolescentes, soñásemos xuntos cousas maravillosas, como na canción de Serrat.
E a causa de todo é o que me encabuxa máis: esa estupidez do home só que teima no destino, como se o tempo se puidese pregar e encartar á vontade ou como se, simplemente, non pasase.

luns, 7 de marzo de 2011

Subas

Hoxe, armado de civismo e parsimonia, empecei o día facendo prácticas: tentei manter os 110 pola autovía, sen adiantar e sen inmutarme cando pasaban á miña esquerda eses chiflados cos seus tolos cacharros nin cando até me adiantaban as cisternas do leite; ía xa pensando que me estaba a converter na miña propia avoa cando o risco de non chegar ao traballo me disparou a alarma e a adrenalina, e o coche pasou a 135.
Está claro que desde a semana próxima terei que saír dez minutos antes ou as multas acabarán comigo.
Pola mañá, os xornais pregoaban na rede aos catro ventos que o euríbor, ese foruncho, contraatacaba subindo nas últimas vinte e catro horas tanto como en todo o que levamos de ano, e o que lle resta.
A terceira, na frente: ao voltar para a casa, tan contentiño que eu ía coas vacacións recén estreadas, paguei a gasolina a 1'30 € (e iso que era no centro comercial e fixera eu case todo o labor).
Pola tarde a psicose era tal que pensei meterme na cama cun libro, ben embrullado en mantas e cobertores, para aforrar en calefacción mentres fóra o día ía poñendo cara de can. En lugar diso, adormecín na butaca do salón coma outras tardes, pero esta vez coa tele apagada, soñando tan só cos ñus que corren velozmente polo Serengeti perseguidos por grandes felinos africanos.

venres, 4 de marzo de 2011

Autofobia

Non sigo GH, xa o digo antes de empezar, pero isto non foi sempre así: confeso que fun un afervoado seguidor da primeira edición, cando estábamos embarazados da señorita Kaplan (que sen embargo non se viu exposta porque súa mai non daba resistido máis de cinco minutos diante da tele). 
As seguintes temporadas xa non as seguín: encargáronse diso os horarios e necesidades da nena, por unha parte, e por outra o progresivo aumento da estupidez e a vulgaridade per capita do concurso.
A indiferenza era total cando en Decembro pasado se produciu a fulminante eliminación da CNN+ e case no mesmo instante comezou a deambular polo meu salón o grupiño de vagos buscavidas e berróns do GH; daquela, e case en estado de shock, pillei o mando e eliminei a sintonía. Era un acto de rebeldía, pero tamén de hixiene, que completei (xa postos) borrando tamén da memoria Tele5, Intereconomía e outras canles inicuas e absurdas.
Aínda así, hai unhas semanas chegoume o runrún de que unha concursante galega do GH botara a lingua a pacer falando con desprezo xustamente diso, da nosa (e da súa) propia lingua.
Hoxe Teddy  fíxome chegar o enlace a un vídeo que, cando menos, dá que pensar. Que unha tipa que sae en GH esbardalle por televisión sobre os seus complexos e fobias non é un problema senón unha estupidez; que as súas opinións sexan representativas da mentalidade e a autoconciencia dun país, o noso, non é ningunha estupidez e si un gravísimo problema colectivo.