luns, 31 de xaneiro de 2011

XXL

Esculcando polas carpetas do disco duro externo, ese enorme hangar ateigado de cousas non sempre identificadas, atopei varios vídeos curiosos que irei subindo aquí para seren vistos, e así ao paso me deixan espazo libre no almacén.
Este anuncio,  pura blaxploitation a medio camiño entre Bricomanía e a reciclaxe máis apañada, non deixa de ser simpático. 

sábado, 29 de xaneiro de 2011

Sucedeu unha noite

Segundo as últimas noticias, ao parecer antonte só fomos á folga tres persoas no meu instituto.
Nin Erg nin Cam, nin moito menos Chicles no Pelo, que polo menos non viñeron onte con xustificacións nin pretextos de mal perdedor; quen si demandou a extremaunción foi E. no corredor de arriba, que veu coa conciencia avariada para dicir algo tan bobo como que estivera dándolle voltas e ao final, cando foi para a cama despois da película, decidiu que non folgaba e agora estaba arrepentida.
O día para min foi moito máis caseiro que outra cousa: coa neveira ateigada de víveres como para resistir un asedio e sen necesidade de saír, acordei tarde porque me deitara moi tarde, almorcei cos xornais en liña e volvín para a cama a ler; puxen en orde a casa mentres no forno se asaban dúas patas esquerdas de atrás de (obviamente) dous coelliños diferentes que serviron de prólogo a unha tarde estomballada e sen cores: fóra, porque orballaba no día morriñento; dentro, porque a pasei en abeiros e vehículos inverosímiles xunto a Clark Gable e Claudette Colbert por unha América amable e en branco e negro.
Á hora da cea chamou Polis para recordarme non só que está vivo tras a enchente de fumées e robalizas senón que ademais cumpre 46 tacos a semana que vén e está disposto a celebralo; dime que está medio de baixa, recén operado dun absceso de pus e, sen que ninguén mentase sogas en casas de enforcados nin nada semellante, pasamos a metade dos 56 minutos telefónicos falando das nosas popas respectivas, e o resto xurándolle que o Mércores ás dez da noite estarei sen falta chantado no seu felpudo.

martes, 25 de xaneiro de 2011

Deprimente

Os xornais dicían que onte era o día máis deprimente do ano, e para demostralo reproducían a fórmula matemática dun científico de Cardiff que incorporaba factores climatolóxicos, económicos e persoais, como as tentativas frustradas de cambio, os bos propósitos fallidos, os malos hábitos non abandonados.
Así pois, non debe estrañar que a ministra escollese tal día para anunciar esa estraña decisión de converter as nosas caixas de aforros en bancos que algún día serán vendidos; deprime que sexan sempre os socialistas os que fagan o caldo gordo á dereitona, como co ensino concertado, a privatización das empresas públicas, as reconversións navais e industriais, e agora todo o sarillo da xubilación e as medidas de axuste cos parados; cen anos de loita obreira para conseguirmos os descansos, dicía meu avó en tempos de FG, e veñen precisamente os socialistas e permiten abrir en Domingo.
O día máis deprimente pasou pero o resto continúa: da folga convocada para Xoves os meus colegas ou non ouviron nada ou non pensan secundala, e a min non me quedan máis argumentos que o da disciplina sindical que me nace do carné de afiliado e o noxo a decepción perante o que vexo arredor.
Deprimente é escoitar na radio a ZP mentres almorzo, case tanto xa como escoitar a seguir o martelo que salvo meteoro ou algo nos gobernará en poucos meses; deprimentes son o prezo da gasolina, a Lei Sinde, a desunión dos sindicatos precisamente agora, as invitacións institucionais a visitar a Pirámide da Cultura; deprimentes as horas de publicidade propia na TVE, a nova visita do papa e que os antigos presidentes e ministros se forren legalmente tras deixaren o cargo facendo o paripé en consellos de administración e asesoramentos de empresas privadas.
Onte os xornais falaron do día máis deprimente do ano; hoxe aquí nós falamos do ano máis deprimente do día.
Xa saben: ese gris marengo tirando a negro.

sábado, 22 de xaneiro de 2011

Zodíaco


Que foi daquel tempo en que se daba por suposto que nada hai máis inmutable que os astros?
Cando aínda a moitos nos dura o encabuxamento pola degradación de Plutón a planetoide, agora sabemos que as constelacións do zodíaco son trece e non doce, e que a entrada no nomenclátor oficial de Ofiúco ou Asclepio fai que boa parte dos que éramos de Escorpión sexamos en realidade de Balanza ou, como di algún xornal, fiquemos sen personalidade nin destino.

xoves, 20 de xaneiro de 2011

Misa

Quen di que non aumentarían os fieis cada Domingo se houbese un pouco máis de humor na liturxia, algunha improvisación e un chisco de sorpresa na misa? Recén chegado á miña bandexa de correo.

martes, 18 de xaneiro de 2011

Antitabaco

Aos habituais temas dos nosos cafés de media mañá (crise, xubilación, alumnos) sumouse o do tabaco, cuxo cheiro por certo desapareceu dos nosos abrigos; a fumar fóra do bar saen a media conversa algúns dos fumadores indomables pero substitúenos os que terminaron o cigarro e que xa teñen sobre a mesa o café á espera; á porta do local hai xente a fumar en dous grupos heteroxéneos nos que sen embargo non se misturan profesores e alumnos, que por afinidade ou oposición orbitan cinceiros diferentes.
Entre os que non fumamos, día a día vai nacendo o aburrimento de escoitar conspiracións absurdas e argumentos imbéciles contra a lei; mesmo eu, que acabei hai pouco o libro de Beevor sobre a guerra civil, non me dou librado ás veces da paranoia.
Un día destes o de Historia, que é fumador e sabe de revolucións e pronunciamentos, dixo que a anterior lei antitabaco,  a do 2005,  foi como a Transición, superficial e compracente, un meter só a puntiña, un quero e non podo, pero que esta é unha lei autoritaria e abusiva.
Hoxe empezamos lembrando aqueles tempos non tan lonxanos en que se fumaba no ascensor, no autobús, no Carrefour, e até nas aulas, onde nunca faltaba un cinceiro na mesa do profesor (aqueles profesores nosos que botaban un pito mentres resolvíamos problemas e ecuacións), cando algo se desencadeou no interior de Chicles no Pelo, que a pouco máis me escalda co café, tal a contundencia con que afirmou que este Goberno noso teima tanto en meterse nas nosas vidas e nas nosas camas que até nos controla como, cando e onde fumar, e iso que ela nunca foi fumadora. Houbo manifestacións de apoio en todo o hemiciclo, e aí o de Física propuxo que, se non teñen pelotas a prohibiren o tabaco, que nos deixen vivir en paz, o que suscitou novas mostras de adhesión.
Cam e eu, encartados nun recanto da mesa como nun ghetto, rillábamos cadanseu cruasán pequeniño lamentando que todo aquel caudal de enerxía non se encamiñase a mellores fins. 
Vaia país sería o noso daquela.

venres, 14 de xaneiro de 2011

Hoxe

 
   Imaxe: Gustavo Aimar
Toca ir buscar a señorita Kaplan.
Despois de tantos días todo aquí espera por ela. Principalmente eu: se tivese que esperar un só día ou dous máis, até mañá ou pasado por exemplo, creo que tolearía sen remedio.

martes, 11 de xaneiro de 2011

Trafegos

Veu Teddy e marchou Teddy; veu Haddock e marchou Haddock; viñeron os Reis e marchou o Nadal con todo o que agora estorba. 
É o tempo de recollermos ornamentos e desarmar (aínda, a día 11) o nacemento cos montes de musgo á volta do presepio, e de estudarmos as instrucións do microscopio porque non damos visto moito máis que aquela pata de mosca que nos vén de mostra.
Mentres, no portaequipaxes do coche sigo cargando coa vella cociña de xoguete da señorita Kaplan, coma un Apalpador desquiciado á procura dunha nena a quen lla dar.

xoves, 6 de xaneiro de 2011

Última listaxe

Prometo solemnemente que esta é a última listaxe, que non vai haber máis balances despois deste das lecturas do último semestre do ano pasado, que a partir de agora e no que respecta a este blogue o 2010 será  esquecido e arquivado para sempre baixo sete chaves.
O primeiro dos libros empeceino in situ, precisamente: Estambul. Ciudad y recuerdos, de Orhan Pamuk. A el seguiron La leona blanca, de Henning Mankell; O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro (de quen por certo Settecento me espera na mesa de noite); En tierras bajas, de Herta Müller; Klaus Nowak, limpiador de alcantarillas, de Pedro Mañas Romero; Akhenatón, de Naguib Mahfuz; Salitre, de Jaureguízar; Los gritos del pasado, de Camilla Läckberg; En castellano no hay problema, de Carlos Callón;  Los detectives salvajes, de Roberto Bolaño; Xela volveuse vampira!!!, de Fina Casalderrei e Noemí López; e  La guerra civil española, de Antony Beevor, que non pasará desta semana.
Palabra.

mércores, 5 de xaneiro de 2011

Balbino

O Balbino, aquel rapaz de aldea, aquel ninguén que era ademais pobre, cumpriu hoxe 50 anos. Parabéns.

martes, 4 de xaneiro de 2011

Populares


Seguimos metidos en fariña de rankings, balances e inventarios conmemorativos do tránsito de ano; nesta ocasión, a inesperada listaxe dos post máis populares deste blogue ab urbe condita; non deixan de sorprender algúns dos pratos que figuran neste menú, pero alá Blogger cos seus xoguetes.
  1. Post (o do fin das primeiras vacacións de Nadal sen ter que marchar a ningures).
  2. Meme dos 1001 post (no que se celebraban cun meme os mil post de Ithaca).
  3. Acuario (o de como a señorita Kaplan conseguiu que lle comprase un acuario).
  4. Vade retro (o da visita do Papa).
  5. Premio (o do que nos concedeu Paideleo).
  6. Romy (o dos 70 anos de Romy Schneider).
  7. Botín (o da limpeza do rocho e o que alí foi atopado).
  8. Historia (o do que teñen en común os alumnos británicos cos meus).
  9. Inventario de lecturas (o das lecturas do semestre pasado).
  10. Eu xa o fixen. E ti? (o da galeguización dos propios nomes).

luns, 3 de xaneiro de 2011

5 Cousas que facer no Aninovo

  1. Investigar onde levar os vellos xoguetes da señorita Kaplan, agora que me deu permiso para entregalos a unha ONG; hoxe en Caritas dixéronme que non aceptaban xoguetes, e que na Cruz Vermella tampouco.
  2. Terminar o libro de Beevor sobre a guerra civil: é todo un desafío soster un tocho de oitocentas páxinas, saltando do texto ás notas e mapas que figuran ao final do libro. Ultimamente avanzo tan pouco que a batalla do Ebro parece en tempo real.
  3. Comprobar a inflación interanual de Novembro para actualizar e ingresar canto antes a pensión da nena.
  4. Limpar o tobo e poñelo en situación de revista; tamén comprar víveres: sen noticias de Polis, nos próximos días, e por separado, pasarán por aquí Teddy, os Haddock e Tere Holmes.
  5. Acurtar pelo e barba, sen falta; farteime xa de que a miña mai diga que parezo un Nazareno e de que o meu cuñado me chame Sandokan; tanta imaxinación acaba fastidiando.

domingo, 2 de xaneiro de 2011

Semestre de cine

Do bon, do regular e do excelente, do de onte e do de antonte principalmente, comprado, pirateado, prestado e televisado, e tan só dúas veces visto en sala de cine; nótase a pegada da señorita Kaplan, non xa no aumento do cine infantil e de debuxos, senón tamén na presenza de moito cine clásico, requetevisto polos adultos e que agora a televisión non programa case nunca, pero que a nena non pode quedar sen ver: nada malo hai en que comparta tardes con Hanna Montana e Greta Garbo, con Bob Esponxa e con Gregory Peck.
video