sábado, 3 de decembro de 2011

Sine die


Todas as familias felices se parecen, pero as infelices sono cada unha á súa maneira. León Tolstoi afirmou isto hai século e medio, e eu, serie a serie, capítulo a capítulo, teimo en demostralo; así que despois dos Fisher e os Soprano, desde onte á noite os Tudor deambulan polo meu salón para me acompañaren nas longas noites do inverno que entra.
Pura cortesía de Polis, o gran fornecedor, que o outro día me prestou a serie completa con moitas recomendacións e ollos en branco. Había un século que non nos víamos, e combináramos para xantar nun sitio con bufé que a el lle recomendaran pero que ao final acabou deixándonos bastante fríos, case tanto como o día neboento e a propia comida exposta, cociñada ou non, que un ía botando no prato e levaba para a mesa ou para a grella, a que a fixesen.
Á falta de chamadas, sms conmemorativos ou calquer outro sinal, supuxera eu xa que a Polis se lle esquecera o meu transbordo á ruta dos 46, ou que dera por sentado que xa non cumpro anos despois dos 45, como lle ocorre á miña irmá.
Pero non: na bolsa de papel non só cabían Henrique VIII e todas a súas mulleres senón tamén o meu agasallo de anos, que Polis me deixou no asento para verme chimpar tras sentar nel cargando cos víveres: ese pack de catro discos coa recompilación póstuma das cancións da defunta Amy, que onte soou no coche baixo a choiva ao ir buscar á señorita Kaplan, e que agora soa no estudio mentres isto escribo e ela no seu cuarto resolve esas terribles divisións con decimais.
Co pretexto do Nadal, Polis e eu despedímonos sine die: cada vez hai máis distancia entre os nosos encontros, que seguen sendo cordialísimos, pero as nosas proas apuntan a distintos nortes; entre noticias de EREs sorprendentes e especulacións sobre as políticas do novo goberno, unha e outra vez asomaba o traxe milraias do Funerario.
Nunca viviremos xuntos, declara Polis atacando unha patética peza de comtessa no seu pratiño, pero xa non me preocupa o que pensan os viciños do coche fúnebre que me dorme moitas noites diante do portal.

9 comentarios:

susana moo dixo...

Qué riquiño Polis.
Pero non entendo o do coche fúnebre diante da porta. Non quero poñerme no peor, pero é que o deixaches moi chungo,... ainda que o tono non parece chungo... Boeno, a ver si respostas, que parece que che costa respostar aquí ;)
Bicos, e que disfrutes das longas noites do inverno que se aveciña. 46 añazos non se teñen todos os días.

Peke dixo...

Dáse conta, querido Kaplan, de que lle levo oito anos? Total, tanto ten. ;)

Raposo dixo...

Non gosto moito das series, de feito as que nomea xamais as vin, pero escoitar a rebelde Amy baixo a choiva ou no salón eso si que está ben.
O do coche funerario... un pouco tétrico.

X dixo...

Dende Roma creo que isto é un continuo devalar nun movemento continuo uniformemente acelerado.

zeltia dixo...

yo me imagino al novio de polis como el de six fit under... claro que después se me aparece dexter para fastidiarme la ensoñación.

cantas temporadas son dos tudor? mirarei pola internet se é para poñer os ollos en branco, logo.
e que, ultimamente, quero colgarme con algo.
xa estou a rematar o que se leva feito de downton abbey, e dame pereza regresar á miña vida que ultimamente atopo desprovista de intensidades.

zeltia dixo...

escribin como se pronuncia o dos pés, inda que sexa vostede profe, non me berre.
mire como é a cousa que inda boto do menos ós fisher

X dixo...

Zeltia, creo que os Fisher sempre se han botar de menos.

pinguim dixo...

Adorei a série "The Tudors".

Aldabra dixo...

pois eu ainda ando enredada cos Fisher e In treatment... aínda me queda para acabar...

o do coche funerario recordoume as esceas da pequena dos Fisher cando quedaba no coche co mozo.

fun ler o enlace que deixou para enterarme ben de todo.

biquiños,