venres, 23 de decembro de 2011

Por terras do Corgo

Entrar no coro a estas alturas do ano foi duro: estivemos cantando varias veces por semana e a min, que practicamente non coñecía nada do que cantábamos, cumpriume poñerme ao día a golpe de dictáfono camiño do traballo, ou na casa mentres corrixía e poñía as notas da primeira avaliación: da máquina sae unha banda sonora con interminables repeticións, correccións e advertencias do director, tusidos anónimos e até chistes rosmados a media voz polos venerables barítonos con barrigas de abade.
Herg dáme vaselina e dime que o peor xa pasou, como se temese unha renuncia miña, e seguimos camiñando, sobre a mesta alfombra de follas da carballeira de Santa Comba que envolve o muíño reconvertido en restaurante no que xantaremos para celebrar o final do trimestre e a chegada das vacacións; Cam e A. van diante; desde abaixo chega o fragor húmido do río Chamoso, que entre carballos e fentos enormes corre aínda adolescente, tolo por unirse ao Miño.
Despois visitaremos o muíño e o mazo da fragua, que o encargado poñerá a funcionar só para nós os catro: o bater da peza de ferro que remata o brazo rexo de castiñeiro é dunha contundencia encolle o estómago. Pero antes, ben sentados á mesa dun comedor elegante e cálido, demos conta dunhas anguías e da rosada carne dun galo campeiro.
Cando apareceu a cazola de barro coas gorentosas talladas sobre o mantel, A. pediulle ao mozo que estivese atento ao teléfono por se había algunha chamada urxente de Moncloa para nós, e aínda agora me dan ganas de rir ao lembrar a cara que puxo o rapaz ao pensar que tipos podían ser aqueles aos que servía.
Moito despois, cando xa admiráramos o funcionamento das poleas, o rodicio e as enormes moas, cando xa non quedaba país por arranxar, lástima que fose de noite, con A. coñecemos o vello muiñeiro retirado, que tivera tantas noivas pero quedou solteiro porque sempre llas levantaba algún máis guapo, demos uns codelos de pan duro a dúas fermosas eguas dun parente, visitamos tres cabras nun alboio, e vimos, por suposto sen invadirmos a propiedade, a ábsida románica da capela privada que, á maneira de novo Xanadú, un presunto delincuente de moda ergueu hai poucos anos para a primeira comuñón do seu fillo.

7 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Ise remate é (para min) humor galego: delicadeza magnífica, "teta de novicia", voz de "castrati".

É vostede un artista, señor Kaplan.

mariajesusparadela dixo...

(¿decátase de que as miñas maneiras de definir a delicadeza veñen tamén da man da iglesia?)

pinguim dixo...

Um Bom Natal para ti e toda a tua Família.

Sigrid de Thule dixo...

Deixa unha de facer visitas porque anda de mudanza e de repente, zas, en toda la boca, uns se poñen a cantar, outros non sei qué....;-) dexésolle de todo corazón unhas festas marabillosas se lle gustan e se non, que pasen rapidiño. Moitos bicos

Peke dixo...

Felices festas e mellores vacacións!!!

mfc dixo...

Imagino a cara do empregado com a ideia da chamada vinda da Moncloa!!
E as enguias e o galo estavam bons?!
... isso é que se quere!

Aldabra dixo...

comprobo con ledicia que todo sigue o seu curso... o coro, as vacacións, as celebracións, as risas ...

así é a vida, un ir e vir.

biquiños,