sábado, 31 de decembro de 2011

Tránsito

Non serei eu quen lle bote nada en cara agora que se vai: se algunha virtude tivo que lle hai que agradecer é a de non nos enganar con brillos e luciñas falsas como facían os que o precederon, sendo o espello que nos mostrou que os mercados poden máis que os gobernos, e que os xogos malabares dos políticos adormecendo a democracia e retorcendo as leis poden sufrir a resposta indignada dos cidadáns.
Vimos multitudes reclamando outro modo de facer as cousas, vimos prazas ateigadas de homes e mulleres que non pedían máis que honradez; vimos tamén caer tiranos, e mudar gobernos aquí e por todo o mundo; vimos palidecer a querida moeda, símbolo da Europa unida coa que soñábamos, e converterse nun símbolo de mercadeo e especulación; vimos desaparecer empresas que supúñamos invulnerables, e engordar como nunca antes cos nomes de amigos e coñecidos as listaxes dos desempregados; entre a desolación dos que perden as súas casas, dá case vergoña dicir que nos reduciron o salario, e que falta material para que fagamos en condicións o traballo encomendado cando as institucións de caridade e os comedores sociais non dan abasto.
Quero ser optimista, sen embargo, e pensar que, como das enfermidades os nenos, desta crise sairemos todos medrados e máis fortes, e que o momento convencional e insignificante de mudar os díxitos do calendario será en realidade o sinal de mudanzas máis profundas e favorables, o principio da prosperidade e a alegría.
Para todos, un feliz 2012. 

8 comentarios:

Anónimo dixo...

Feliz 2012 Sr. Kaplan.
Bicos X de Esmelle

Sun Iou Miou dixo...

Que o 2012 sexa bo con vostede, Kaplan.

Apertas

Chousa da Alcandra dixo...

Arrexúntome a ese desexo optimista que tenta sempre atopar o lado positivo. Algo bo ten que traernos este ano par.
E veño tamén a desexar un bo cabalgar polas follas do calendario.
Apertas

esas duas horas e media que Rajoy and Co. sacaron da chisteira...son para adicar aos Morteiros!!!

Raposo dixo...

Que asi sexa. Feliz 2012!!!

Concha L. F. dixo...

Ogallá ese optimismo que reflicte o texto se converta nunha realidade. Ogallá.

Feliz andaina polo 2012!

xenevra dixo...

Que sigamos a ver prazas ateigadas e voces berrando contra as inxustizas; que non acaben as ilusións e que medren, de ducia en ducia, as esperanzas e as forzas para mudar o mundo.
Feliz 2012, que foi o único que non nos recortaron.

zeltia dixo...

ogallá saiamos máis fortes! xa nin me importan as horas e os recortes, pero por favor, por favor, que o meu fillo poida traballar, por fin!

gustoume moito este post de fin de ano, coa felicitación incluída.

Peke dixo...

Feliz 2012 para vostede tamén!