
As cousas están como están, e mentres me entran pola xanela os lemas de campaña que uns ou outros berran pola megafonía mentres agardan o cambio do semáfono (se parece absurdo que alguén mude o sentido do voto tras ver a propaganda nas caixas de correo do portal ou pegada nos muros, pensar que o vai facer por escoitar a berros unha consigna en plena rúa non sei xa o que pode parecer) cerro os sobres que conteñen o meu voto para este Domingo fatal.
A señorita Kaplan chamou onte ao serán para asesorarme, pero non fixo falta: seguindo a Ignacio de Loyola, nestes tempos de tribulación en que non cómpre mudanza, votarei ao mesmo partido ao que levo votando toda a vida, o único que me garante o apoio incondicional á miña lingua e probablemente o que menos se lixou con corruptelas e mercadeos.
Meu pai di que non entende de política, que el vota aos socialistas porque herdou o voto de seu pai, que xa lles votaba na República; miña mai anda atrás de min co feixe de sobres e papeletas que lle chegaron por correo para que lle explique como votar ao PSOE pero excluíndo a Pepe Blanco; a miña sobriña afirma que case seguro non irá votar; o meu cuñado para estas cousas é unha esfinxe; a miña irmá di que está farta de ZP, de leires e bibianas, pero que uns lle parecen rancios e os outros (por favor!) demasiado radicais; a señorita Kaplan conta que súa mai, salomonicamente, votará BNG para o Congreso e PSOE para o Senado porque ten medo do cataclismo que anuncian as enquisas.
E eu, meus queridos, confeso que máis dunha vez pensei facer caso á señora da foto (que pillei aquí), e escribir ben clariño FRANZ KAFKA co rotulador gordo e vermello sobre as dúas papeletas, pero non o farei porque, para alén de indignado, descorazonado e amargado, sinto que o voto antisistema de momento non vai comigo.
Aínda que ao paso que vamos, quen sabe, poden facer apostas.
16 comentários:
Kafka ou branco, tanto ten. Mellor que non sexa nulo. Que conste.
Hai algúns días estiven dubidosa, pensaba no voto útil... Agora xa o teño máis que claro, nin o medo á chegada do PP, nin a Gran Depresión van conseguir que eu non sexa fiel ao BNG. Iso non quere dicir que estea totalmente de acordo con todo o que fixeron (con algunhas cousas conseguiron cabrearme de verdade)pero dentro do malo penso que é o mellorciño que temos nesta terra.
Ao Senado votarei en branco, non estou de acordo con ese "club de xubilados".
A política é un malo necesario pero necesario e muita xente morreu para que nós teñamos hoxe dereito a escoller.
Eu sei que ninguén é perfecto pero hai onde escoller.
Non digo a quen vou votar que nunca se sabe quen le isto.
Decidirei o meu voto diante da hurna, coma sempre, pois nin son de voto útil, nin de voto condicionado, ni de voto ideolóxico. E como ninguén me convenceu aínda, ata pode que meta o sobre baleiro.
Pero votar, si que hei votar. Como di Paideleo, custou moito chegar ata aquí.
Nunha situación kafkiana cómpre un voto meditado, consciente e organizador. Aínda non sei moi ben de que, pero eu tamén sei que por riba de todo está a miña lingua e a miña terra... (ben de todo, de todo,non. Sempre que a opción sexa de esquerdas. Custou moito volver aquí)
pois eu tamén teño claro o meu voto, así que non é necesario que faiga reflexión.
biquiños,
Aldabra
Pois eu votar, tamén votarei polo que costou chegar a aquí, e mira ti o rápidiño que acabamos con todo.
O que está claro, e que votemos ou non, saia quen saia rematou o xogo da DEMOCRACIA que tanto nomean.
Agora tócanos bailar o son dos mercados, está claro que tras 3 anos de CRISIS, o sistema non cambiará.
Así e todo, Resistiremos.
o voto antisistema é en sí mesmo unha contradicción, non lle parece?
haberá que utilizar os medios dos que dispoñemos...?
haberá.
Gosto desta ironia que usas nos teus escritos!
Um grande abraço.
Vexo certa democracia na xente que te rodea, falades abertamente do voto. O domingo dentro da miña familia non se pode tocar o tema, porque empeza a discusión e pérdense as formas. Alo menos manifestarse sen pudor e abertamente. Un saúdo
Concordo no absurdo da campaña electoral. Penso que unicamente sirve para que cada cal nos reafirmemos nas nosas querencias.
Infelizmente irá ganhar o PP e a Espanha terá um Primeiro Ministro que não merece.
Na minha modesta opinião, Rajoy não fará melhor que Zapatero e os que o irão eleger amanhã, cedo se arrependerão, pelas medidas que ele irá tomar.
Vai suceder o mesmo que aqui: puseram o Sócrates na rua e agora estão arrependidos do voto que deram a este...
Boeno, pois a sorte xa está votada e botada e a nosa función finalizou,... finalizou?
¿vai todo ben?
¿non quedaría sin fala polas elecciós Sr. Kaplan?
espero que non, que sexa un asunto informático o de traballo o que o manteña alonxado.
biquiños,
Aldabra
pois eu estaba pensando o mesmo que Aldabra...
está tardando moito en postear, é raro.
eu xa lle quero ver a súas pinzas de crustáceo polo meu blog!
Da gusto que se preocupen por un. Ou polos dous.
---Zeltia ten ganas de marisco, carallo!---
Postar um comentário