domingo, 13 de novembro de 2011

Cádavo

Hai algúns meses, cando contei que recibira unha postal de Teddy desde O Cádavo, descubrín con sorpresa que moitos dos que por aquí asoman nunca ouviran falar dest e lugar, que é capital do concello lugués de Baleira, e está aproximadamente a medio camiño entre os de Castroverde e a Fonsagrada.
Receando do tempo, que sen embargo se portou como debía, esta semana volvín ao Cádavo a xantar con Teddy e conseguir que despois dos cafés polo menos me levase de novo a Fonteo, ese lugar femoso e máxico onde nace nada menos que o río Eo.
Os roles dos dous está ben aprendidos, e Teddy esmendréllase guiando ao urbanita que non ben chega á vila xa se lembra da Cicely de Alaska ao ver o único supermercado, a única farmacia, a caixa de aforros, e os tractores aparcados na porta dos tres bares onde os parroquianos matan as horas vendo a tele e xogando ás cartas; que se emociona á vista dos soutos dourados polo Outono e tira fotos dos retortos e castigados toros dos castiñeiros á beira da estrada, das aldeas perdidas, dos cabazos a catro augas, e dos muíños abandonados na ribeira solitaria.
Como o menú previsto só incluía a visita a Fonteo, a prolongación da sobremesa restounos un tempo precioso ao fin da tarde, cando Teddy, seguindo sempre o curso do río que víramos nacer pouco antes, puxo rumbo á fraga da Marronda e aos muíños da Cortevella, co seu cabaceiro e a súa estatua, pétrea e un tanto kitch, do santo de Asís.
A noite botóusenos enriba case sen sentir, apagando as cores verdes, pardas e douradas de árbores e rochas, e facendo máis evidente o silencio e, se iso é posible, a omnipresente sensación de soedade.



11 comentarios:

Peke dixo...

Se algo boto de menos neste lugar de piñeiros e eucaliptos son as cores pardas e marróns das follas das árbores nesta época do ano. Pero, claro, non se pode ter todo. ;)

X dixo...

A foto da curva, linda, linda, linda.

migramundo dixo...

Non coñezo ese lugar. O teu texto paréceme unha boa invitación. Grazas pola suxerencia. Saúdos.

mariajesusparadela dixo...

Estaba esperando ises tellados a catro augas e o santo de Asís. Pero vostede non me asistiu.

pinguim dixo...

Gosto muito destas tuas descrições, documentadas, de locais menos conhecidos.
Obrigado pela partilha.

mfc dixo...

Que lindo passeio este!
Quando estou perto dos rios e outras águas sinto-me sempre bem.
Um forte abraço.

zeltia dixo...

bueno sí, eu non sentira falar antes de Cádavo, a primeira vez foi neste blogue.
Coñezo moi pouquiño por esa zona, e iso que eu síntome máis atraída polos montes e os camiños entre castiñeiros e carballos que polas praias e a costa.
será porque nacín na galicia interior, e non teño tempo de botar o mar de menos, que o vexo todos os días.

case me aumenta a nostalxia mirar esa paisaxe preciosísima, pensar no silencio que non é tal deses montes... quixera eu ter esstado alí.
nin se imaxina a paz que me dan os nosos montes, e no outono, inda máis.

Anónimo dixo...

moitísimas gracias polo paseo virtual, o que teñebn de bó estes paseos e que non me canso nadiña.

esperaba ver a foto pétrea do santo e quedeime coas ganas, a próxima vez sera, ¿non sí?

¡que imaxes mais fermosas danos a nosa terra!

biquiños,
Aldabra

Chousa da Alcandra dixo...

O Cádavo resulta na miña memoria unha escala no camiño da Fonsagrada. A seguinte era a Lastra e despois mergullarse na frondosidade profunda e cálida da montaña...

susana moo dixo...

Apuntoo. Eu era unha desas que non coñezo o Cádavo.

Anónimo dixo...

Cifras exactas: hai DOUS supermercados. Unha unica farmacia, varios bares, como non, ainda que non en todos teñen wifi), unha gasoliñeira, un concello onde tamén se pode ver internet e hai varios licenciados en gritologia e verdulería "albertoooooooooooooooo", "Roqueeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeee")....Unha escola a piques de pechar. Un centro médico, uin albergue de pelegrins cuns coidadores seica antipáticos...e un réxime case dictatorial baixo o mandato do alcalde dende hai moitos anos...que pasou de ser de coalición galega a ser do PP... (xa vedes)....claro que mellor ca os chourizos que se presentan polo PSOE...