luns, 3 de outubro de 2011

Calor

Lembra a miña mai que, sendo nós pequenos, ía tanta calor un Domingo das Mozas que toda a familia decidiu romper a tradición e acordaron fuxir das barracas  e dos temibles parentes da aldea xantando o polbo á beira do Miño.
Naquel tempo sen coches, cando chegaba o Verán, os lugueses pillaban o bus e ían de merenda aos prados da Tolda e as Saamasas; cargados con toneladas de comida, garrafóns de viño, parasoles floreados, mantas nas que deitarse sobre a herba, nenos, sillas encartables e demais impedimenta nómada, serían dignos figurantes dunha película do neorrealismo italiano.
A miña mai lembra tamén que aquel tórrido Domingo das Mozas campestre acabou en treboada e diluvio, con todas as merendas levantadas á présa e a xente correndo nunha revolución de mantas e parasoles e nenos que quedaban atrás e fiambreiras abandonadas na estampida ao autobús.
De facerlle caso, non será cousa do cambio climático o anticiclón que converte a cidade nestes días previos ao Sanfroilán nunha forxa e aos seus poboadores e visitantes en tristes sombras suorentas.
Tampouco daquela será cousa da crise o decepcionante programa das festas, de perfil máis ben baixo,  con só dous concertos destacados e de pago, nin o sorprendente cartaz anunciador, coas rodas de polbo sobrevoando a cidade intramuros como naves interestelares en misión de recoñecemento.
Aínda así, para o fin de semana próximo estarán a señorita Kaplan e os Haddock: o pai, a filla e, se as autoridades da illa o permiten, a máis recente señora Haddock na que será a súa primeira visita á terra dos seus devanceiros.     

12 comentarios:

Peke dixo...

Comentou B que esta torrida calor pode estar relacionada co que está pasando na illa de El Hierro, onde se está formando un volcán. Vostede oíu ou leu algo diso?

pinguim dixo...

Só por causa do polvo, bem me apetecia estar presente.

Raposo dixo...

O cartaz ten unha misura de tradición culinaria e moderdade tecnolóxica. A min gústame.

Raposo dixo...

Pero quen me come a letras!! Quería decir mistura e modernidade.

Peke dixo...

Por certo, Sr. Kaplan, Cesare está na faena axudado por un amigo programador, porque el (como era de esperar) xa non se lembra. Veremos en que acaba isto. De todos os xeitos prefiro que sexa outro (co meu permiso) quen provoque un cataclismo nos comentarios antes de ser eu. Covardía? Seguro que si.
Reitérolle o meu agradecemento pola axuda prestada e a paciencia.

zeltia dixo...

que sería dunha festa sen festeiros?

[non diga vostede, tódolos anos despotrica vostede, pero estou segura de que termina disfrutando da festa moitísimo]

Chousa da Alcandra dixo...

Eu tamén me apunto ó carro do Raposo en pró do cartaz deste ano. Ten un algo que me gustou dende a primeira visual que lle botei.
E non podo prometer que non vaia comer o polbo ás casetas algún día (aínda que sexa pasadas as festas), pero escoitei dicir que tamén alí anda polas nubes...

Apertas

mfc dixo...

E viva a festa.... todas as alturas são boas para festejar!

A nena do paraugas dixo...

Pois este ano creo que non me vai tocar. Mágoa, porque teño disfrutado moito de Lugo polo San Froilán!

setesoles dixo...

Vou ser o raro do conto, pero se che digo que me gusta o cartaz... ;) (Ben sei que son rariño, qué se lle ha facer...)

zeltia dixo...

cada día estou peor da memoria.
lin o post e viña escribirlle que isto xa o escribira vostede doutra volta... e, agora vexo o meu comentario aí... foi o outro día,
que mal rollo, oiga.
o post era inolvidable porque como describe vostede o abandono da comida campestre por mor da chuvia, encantoume. E todo iso de coller o autobús e ircargados con toda a parafernalia... (agora que cómodos nos volvemos)

Anónimo dixo...

eu tamén recordo algunha roméría, en concreto, a romería da Virxe de Chamorro... xa se foi perdendo todo...

ó final parece que os Haddock non puideron chegar a tempo.

biquiños,
Aldabra