xoves, 1 de setembro de 2011

Paseando a Miss Kaplan

Ferraxes na porta da igrexa de Meira
Se por ela fose pasaríamos a maior parte do día estomballados no sofá do salón diante do altarciño doméstico, con interminables partidas de wii, os vídeos de Cosmos de Carl Sagan, os capítulos de Friends e algunhas pelis, a ser posible de misterio.
Aínda que o anterior non está nada mal, principalmente en días morriñentos ou chuviosos, está claro que facer corpo co sofá non é plan, de xeito que o proceloso espazo que vai do parchís coa miña mai na sobremesa á cea dos dous aquí cómpre amoblalo convenientemente con tardes de cine, visitas á parentela, expedicións ao supermercado, camiñadas pola muralla ou por Mouse Park e algunha outra cousa.
Talvez como docente non debería dicilo, pero aborréceme poñer a nena a localizar adverbios, formar plurais ou identificar hiatos, aínda que o outro día mentres ceábamos me gañou 18 céntimos xogando a acertar as capitais de Europa; ao que me nego en redondo é a poñerlle contas, principalmente porque creo que as fai mellor e máis rápido ca min.
De cando en vez fugámonos e facemos expedicións. O outro día fomos até o pedregal de Irimia, berce primario e demostrado do río Miño, que se ve nacer, entre rochas e grellas para churrasco, como un regato inverosímil ou mexada de burra, valería dicir, que a estrada corta antes de desaparecer da vista entre a vexetación.
Visitamos tamén a adormecida vila de Meira e por último o nacemento principal do Miño, a lagoa de Fonmiñá, que se nos presentou, apesar de certas obras de acondicionamento e posta en valor, elegante e umbrosa, chea de misterio.
A escapada de onte ao castro de Viladonga resultou sen embargo accidentada: primeiro foi que non atopábamos a pista que leva ao xacemento e museo, e fixemos tantos kilómetros estrada arriba e abaixo que ben daríamos chegado a calquera outro castro dentro ou fóra do país; despois, mentres estábamos dentro do museo premendo botóns na maqueta e tirando fotos de aras e de peixes gravados en laxes, veu a trevoada, e o diluvio consecuente impediunos chegar ao coche no aparcamento, canto máis gavear polas lombas e os muros do castro á intemperie.
Chegou Setembro e aínda non fomos nin ao castelo de Pambre nin á praia das Catedrais.

A nacente do Miño en Irimia
O Pedregal de irimia, na Serra de Meira
Fonmiñá

12 comentarios:

Xan dixo...

Unha oferta variada para gozar desas paraxes fermosas e do agarimo mutuo.

pinguim dixo...

Aonde vives tu exactamente? Suponho que seja na província de Pontevedra.

mfc dixo...

São estes passeios simples e pelas cercanias de que gosto tanto!

zeltia dixo...

que recordos das miñas / nosas "expedicións" -tamén cando conseguía despegarlle os ollos da videoconsola...
agora un homazo, e ogallá puidera levantarlle as sombras dos hombreiros...
claro, igual vostede non sabe que é feliz.

zeltia dixo...

(vostede,digo)

Concha López Fernández dixo...

Para min eses tempos xa pasaron e as miñas crianzas proxectan e realizan as súas propias viaxes. Eu agardo con paciencia que volvan para contarme con palabras cheas de entusiamo a beleza dos lugares e as sensacións percibidas.
É outra maneira de gozar con elas, algo máis descansada, pero menos intensa...

susana moo dixo...

Que sorte a meniña ( sobre todo porque vostede se negue a porlle contas).

Jorge V. dixo...

Unha mágoa, o castro de Viladonga a min pareceume impresionante! Se pode leve a nena a visitalo, eu fun cando tiña arredor dos 15 anos e deixoume marcado coñecer os vestixios da nosa historia.

paideleo dixo...

Os fillos son unha boa excusa para facer viaxiñas interesantes...e repetilas !.
A praia das Catedrais impresionoume e procurarei celebrar as vodas de prata nelas.

Sigrid dixo...

Sorte que non lle poña vostede contas, como di Susana Moo, sorte tamén a dela para poder ter coma tesouros estas lembranzas e estes momentos. Recordo as expedicións á praia co meu pai, sempre atopábamos covas encantadas, animais estranos, mesmo víamos castelos de verdade na area. Teño mágoa de non ser nena de novo e non ver as covas nen os castelos de antes.

Anónimo dixo...

non coñezo eses sitios que nomeas pero sí coñezo a praia das catedrais e penso que vos gustarán moito... levade cámara de fotos porque hai uns recovecos fermosos para plamar.

biquiños,

Anónimo dixo...

a anónima son eu, Aldabra, non seis porque hoxe non me recoñece.