xoves, 22 de setembro de 2011

Cando era pequeno...

Máis dunha vez teño pillado memes e preciosas ilustracións en  Librosfera, un estupendo blog sobre libros e bibliotecas que contén auténticos tesouros de todo tipo. Nesta ocasión escollo un meme (supoño que xa comezou a desbandada) que toma como pretexto e título Cando era pequeno...

...un compañeiro e eu escapamos da escola para ver as feras dun circo que se instalara nun solar enfrente. Ao voltarmos o portalón estaba pechado e unha señora que pasaba, aínda que nos viu co mandilón posto e a carteira na man, pensou que estábamos perdidos e levounos ao cuartel da policía municipal, onde nos botamos a chorar como dous descosidos. Tanta pena lle debemos dar ao garda que nos levou á casa que polo camiño nos comprou un xelado a cada un.
A aventura acabou ben: miña mai conta que levou tal susto ao abrir a porta e verme enzoufado de chocolate e collido da man do municipal que nin sequera me castigou.

...quería ser arqueólogo e ir escavar tumbas a Exipto. As miñas primeiras prácticas foron no solar do antigo cemiterio, onde hoxe se erguen o Gran Hotel, a Biblioteca e a casa da tía C.  Ao saírmos da escola aproveitábamos que meu avó se entretiña falando cos amigos para meternos entre os muros derrubados e pillar tesouros como anacos de mármore e cravos enferruxados. O día que atopamos un cráneo desdentado entre uns cachotes o xogo perdeu a graza e non voltamos máis. Xúroo.

...había poucos libros na casa, e sempre estaba relendo as mesmas cousas. O record absoluto teno A illa misteriosa de Xulio Verne, que lin nada menos que dez veces. As cousas melloraron cando me fixen socio da Biblioteca Pública aos doce anos e se ampliou a dieta.

...meu avó vivía connosco e os domingos en canto acordaba ía meterme na cama del. Un día atopeino coa boca aberta, e tan quieto estaba que pensei que estaba morto. Como non era cuestión de alvorotar a todos sen motivo, collín un espello pequeno do bolso da miña mai e achegueillo ao nariz, supoño que o vira facer no cine ou na tele. Repentinamente, daquela o avó abriu os ollos e os dous acabamos berrando co susto.

...íamos miña irmá e mais eu á misa cos avós paternos e a miña avoa sempre nos daba un peso para botarmos na cesta da colecta. A min aquilo non me parecía xusto, así que dentro do peto cambiaba de moeda e botaba unha peseta sen que ninguén se enteirase.

Teño moita curiosidade por saber que historias nos van contar Zeltia, Aldabra, Noe Pastor, Paideleo, X de Esmelle, JorgeSigrid de Thule e Chousa de Cando eles eran pequenos... pero se agora de adultos non queren respostar tampouco vai pasar nada

13 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Qué fermosura de post, señor Kaplan.
É sempre unha fermosura traer cousas de tan lonxe, ainda tan vivas.

Peke dixo...

:)))

zeltia dixo...

jaja, Kaplan, o seu co da igrexa, xa lle vén de vello!!!
esa anécdota súa lembroume outra miña, tamén relacionada cos cartos e coa igrexa...
mais non seii se poderei contalo tan ben, porque encantoume este post: é tierno, entretenido, e fíxome rir!
porque claro que lle vou coller o meme:
é da temática do meu blog: YO, MI, ME, CONMIGO
pero primeiro vou colgar un de fotos, que me queden como recordo das vivencias do verán, agora que xa acabou;
E teño uns atrancos familiares estes dias que me quitan tempo e tranquilidade para disfrutar da blogosfera.

boa finde!

Xan dixo...

Aquelas pequenas cousas da nosa nenez eran o laboratorio onde ensaiabamos o futuro.

Anónimo dixo...

encantáronme as súas vivencias de cando era pequeno... o de cemiterio.... ¡grrrr, que medo!...

satisfarei a súa curiosidade collendo este encargo aínda que me temo que non será tan entretido como o seu post.

será o próximo que publique (si non hai forza maior)...

cuando era pequeña...

biquiños,
Aldabra

paideleo dixo...

Gustoume esta visión do teu pasado.
Procurarei facer o meme anque non quede á altura do teu posteo.

Peke dixo...

Aínda que non fun convidada (e non fai falta), fixen o meme. Convídoo a ler detalles de cando eu era pequena. ;)

Peke dixo...

Non se me desculpe, Kaplan, pero fágame o favor de axudarme a cambiar os p... comentarios; eu non sei nin por onde empezar.

mfc dixo...

Que relatos mais engraçados de uma infância nostálgica que a nossa memória impede que desapareça!

A nena do paraugas dixo...

Cantas cousas van saíndo da caixa das lembranzas a pouco que tiremos polo fío! A pouco que nos poñamos, quizais poderiamos escribir un libro.

mariajesusparadela dixo...

Señor Kaplan, haille por aquí unha rapaza que ten unha árbore no meu instituto...

Anónimo dixo...

Hola, soy Noemí, aunque este cacharro se empeña en que soy anónima. Gracias por la invitación. Intentaré estar a la altura.

Μολων λαβε dixo...

Un meme caralludo, xa o lin fai unhos días pero agardaba a comentarlle a ter o meu feito, que nin de lonxe é tan bo!

Un saúdo