domingo, 11 de setembro de 2011

11-S


Pasaban poucos minutos das tres da tarde e íamos tomar o café. Xantáramos como cada día no porche e, despois de recoller os cacharros, a miña muller poñía a cafeteira ao lume.
A nena ten catorce meses e está no meu colo ou pode que a leve collida polos brazos mentres persegue unha vez máis ao pobre pato Saturnino, a mascota furibunda que cagaba por todos os recantos e acabaríamos papando sen remorso na cea de Noiteboa.
De repente, a miña sogra saíu da casa deles e empezou a dar voces pola horta; tan repentinamente como saíra desapareceu, e a nena e eu fomos polo caminiño de grava a ver que pasara: non morrera ningún coñecido nin fallara a neveira nin volvera casar a Ordóñez nin entrara outra vez o raposo no galiñeiro. No telediario vimos como ardía unha das Torres; pouco despois, un segundo avión batía contra a outra e chegaban noticias dun terceiro que se esnafrara contra o Pentágono. Senteime coa nena xunto ao meu sogro; veu a miña muller, baixou a miña cuñada, chegou unha viciña, a miña sogra deixou de dar voltas pola casa.
Todos sentamos á volta daquela mesa sen recoller, atónitos, atentos ás noticias mentres o pato Saturnino, indiferente, deixaba un dos seus agasallos na porta da cociña.   

9 comentarios:

Peke dixo...

Nós aínda viamos a tele daquela. (Quería resumir nunha palabra o que sentín, pero non a atopo).

mfc dixo...

Mais um dia em que a Humanidade foi negada!
Também a 11 de setembro foi assassinado Allende... tendo começado um negro 1179 para os Chilenos que durou tempo demais.

Yolanda dixo...

Miña filla Helena tiña un mes. Lémbrome de que estiven horas abrazándoa. Pensei que era o máis horrible que vira na miña vida. O que non sabía era que teríamos o 11-M...

X dixo...

Lembro que ata que atacaron o Pentágono estaba intranquila, despois, tiven medo e pensei que aquel día trivial podería converterse no final das nosas vidas, lembro tamén que pensei que non sería xusto que morrese naquel momento. Sorprendeume que trouxese aquí algo daquela época.

Jorge V. dixo...

Pobre pato, mira que zampalo en noiteboa... Eu por eso trato a non collerlle moito cariño aos años da miña avoa xD

Eu lembro que me erguera facía pouco e estaba só na casa e puxen antena 3 onte observei toda a historia flipando...

zeltia dixo...

de que xeito tan bonito narras unha historia tan horrenda.

[a min avisáronme por teléfono,
- "pon la tele. bombardearon nueva york
- como que bombardearon nueva york?
- si, unos terroristas"

despois só asombro e encollemento.]

Anónimo dixo...

eu estiven toda a tarde pegada á mesa da cociña, vendo as imaxes... e choraba vendo a xente como tentaba escapar do lume votándose polas ventás.

volvín chorar o sábado vendo as imaxes, outra vez.

biquiños,
Aldabra

paideleo dixo...

Para min foi unha data que lembrarei sempre.http://leoeosseus.blogspot.com/2009/09/o-meu-11-s.html
Gustoume o do parrulo.

pinguim dixo...

Todos vivemos este dia e estes acontecimentos de alguma forma, diferente uns dos outros, mas com um sentimento comum: tristeza, incredulidade e incerteza quanto ao futuro.