luns, 22 de agosto de 2011

Tournet

Foi unha pequena tournet polas catro provincias, procurando encaixar ben as visitas para aforrar kilómetros, aínda que iso supuxese irse no mellor, como tontamente a miña amiga P. acreditaba que un debe facer sempre.
Primeiro fun á Comarca, disposto a deixarme noquear pola aventura caribeña de Haddock (crónica, melodrama e fotos), pero non vin onde me metía até que foi demasiado tarde e o entusiasmo amatorio do meu amigo, ese que converte toda a terra en país, me someteu ao terceiro grao xa na madrugada etílica, primeiro camiño da casa e logo na minúscula cociña, mentres el devoraba o que restara da pasta do xantar e eu mal o convencía de non vivir tan mal dentro deste tinglado que habito.
Tamén isto foi como voltar á adolescencia.
Que Haddock sempre foi namoradizo está fóra de dúbidas, non sei por que supuxen que asentaría: desde o divorcio, cada relación foi a definitiva e surxían plans de vida en común, de viaxes en común e até de fillos en común; logo todo acababa e Haddock renace das súas cinzas cun ánimo máis propio dos dezasete anos que dos corenta e sete. E eu non sei xa que cara poñerlle aos  comentarios depredatorios sobre escotes e cuíños das lolitas que cruzamos por rúas e bares, mentres me pregunto se esta efusión de testosterona en Haddock será un canto de cisne ou un retorno virulento e serodio á acne.
Contodo, o que máis me alegrou da visita á Comarca foi ver, aínda que por casualidade, a Salce: íamos Haddock, a nena del e eu por Michelena cando nos atopamos de frente, pero eu non a recoñecín (si, a perruca, as cellas repasadas, a cara un pouco de lúa pola quimio) até que pasou onda min e me saudou sen deterse, talvez receando que non fósemos parar. Abrazámonos e falamos, moi indirectamente, da doenza, como se en realidade fose unha urticaria leve e molesta ou un catarro.
Cando nos despedimos cada un voltou ao seu grupo, a varios metros de nós esperaban que acabásemos Haddock, dúas amigas dela que eu coñecía, e a nena, que ía e viña entre os seus pais como se non atopase acomodo; non moito tempo atrás e durante anos, lembrei tristemente, saíamos todos xuntos, alegremente, pola noite adiante. Bah!

7 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Case sempre o pasado foi mellor. Nise caso, seguro.

zeltia dixo...

que triste me pareceu todo, kaplan... o só que se debe sentir Haddock para comportarse coma un quinceañero pajillero,
Salce, coa súa perruca,
a nena,
a vida que, ás veces, bótase enriba... ou tal vez non debería dicir "a vida"...?

Magdalena Malungo dixo...

Púsoxe(me) melancólico(a)... e con medo... Qué me deparará o futuro? A soidade? un cancro? CARPE DIEM!

Rabisco dixo...

Concordo com a mariajesusparadela!

Abraço

http://rabiscosincertossaltoemceuaberto.blogspot.com/

Jorge V. dixo...

Requiem aeterna que diría o noso amigo cunqueiro :D

Anónimo dixo...

demo de enfermedade!

coincido na tristura de buscar onde non hai... de ser adolescente cando xa hai edade para ser avó.

pero supoño que é a vida, e as circunstancias as que nos obrigan a sortear as dificultades o mellor que podemos; que non sempre é do modo mais axeitado.

biquiños,
Aldabra

Chousa da Alcandra dixo...

Sempre valorei moitísimo aos artistas que criaron esas obras medio tapadas pola grandiosidade; por iso reparei moito no gaiteiro da imaxe e pensei no canteiro que o modelou